Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1440

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de xaneiro de 2020 pola que se convoca un curso de inglés para persoal do Concello de Pontevedra.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso de inglés, niveis Básico e Intermedio, para persoal da Administración local de Galicia que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar na acción formativa convocada mediante esta resolución o persoal do Concello de Pontevedra, que se atope en situación de servizo activo, permiso por maternidade/paternidade, adopción ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55. horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo).

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e seguimento da actividade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Concello de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello de Pontevedra resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Concello de Pontevedra garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

• Código: CV20002.

Lingua inglesa nivel Básico.

1. Obxectivos.

Formar o persoal do Concello de Pontevedra no coñecemento da lingua inglesa.

2. Destinatarios/as.

Persoal do Concello de Pontevedra.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 50 horas.

Datas: do 3 de febreiro ao 30 de marzo de 2020.

Proba final presencial: o 3 de abril de 2020.

Prazas: 15.

4. Contido.

– Básico 1 (nivel 1).

Os contidos do nivel 1 Elementary corresponden á primeira parte do nivel A1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Entre outras funcións comunicativas, adquírense as habilidades de presentarse a alguén novo, dar unha opinión, expresar gustos e preferencias e describir pertenzas persoais.

Programa: nivel 1 Elementary: o/a alumno/a aprende, entre moitas outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a empregar o verbo to be, os determinantes (this, that, these, those), os artigos (a, an, the) e o imperativo (Listen). Tamén se estuda vocabulario relacionado cos números, países e nacionalidades, profesións, medios de transporte, roupa, familia e moitos máis contidos.

– Básico 1 (nivel 2).

Os contidos do nivel 2 Elementary Plus corresponden á segunda parte do nivel A1 do MCERL. Entre outras funcións comunicativas, o/a alumno/a aprende a dar e pedir indicacións, a describir persoas, a falar sobre rutinas e a describir como chegar ao traballo.

Programa: nivel 2 Elementary Plus: o/a alumno/a aprende, entre moitas outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en present simple («I work») e en present continuous («I am working»), preposicións en inglés (in, on, at, etc.) a facer preguntas e expresar os seus gustos (like, love, hate, etc.). Tamén estuda vocabulario relacionado con horas, días, meses, lugares de traballo, actividades de lecer e deportes, a contorna laboral e moitos máis contidos.

– Básico 2 (nivel 3).

Os contidos do nivel 3 Pre-Intermediate corresponden á primeira parte do nivel A2 do MCERL. Entre outras funcións comunicativas, o/a estudante aprende a falar de plans futuros, a facer ofrecementos e pedir nun restaurante, a falar do pasado e a describir acontecementos recentes.

Programa: nivel 3 Pre-Intermediate: o alumno/a aprende, entre outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en past simple («He repaired the scanner»), a utilizar going to, os substantivos contables e incontables e o uso de would like e de some e any. Tamén estuda vocabulario relacionado con comidas e bebidas, profesións, meteoroloxía, música, diñeiro, expresións con have e moitos máis contidos.

– Básico 2 (nivel 4).

Os contidos do nivel 4 Pre-Intermediate Plus corresponden á segunda parte do nivel A2 do MCERL. Entre outras funcións comunicativas, adquírense as habilidades de narrar acontecementos no pasado, facer plans, falar de necesidades e tomar decisións.

Programa: nivel 4 Pre-Intermediate Plus: apréndese, entre outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en past continuous («He was singing»), a realizar peticións e ofrecementos («May I help you?»), a facer suxestións («Let’s go dancing») e adxectivos comparativos e superlativos. Tamén se estuda vocabulario relacionado con cores, problemas de saúde, áreas de estudo, cine, banca e moitos máis contidos.

• Código: CV20001.

Lingua inglesa nivel Intermedio.

1. Obxectivos.

Formar o persoal do Concello de Pontevedra no coñecemento da lingua inglesa.

2. Destinatarios/as.

Persoal do Concello de Pontevedra.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 50 horas.

Datas: do 3 de febreiro ao 30 de marzo de 2020.

Proba final presencial: o 3 de abril de 2020.

Prazas: 15.

4. Contido.

– Intermedio 1 (nivel 5).

Os contidos do nivel 5 Intermediate corresponden á primeira parte do nivel B1 o MCERL. Entre outras funcións comunicativas, o/a alumno/a aprende a falar sobre a preparación da comida, a pedir comida nun restaurante, a falar sobre viaxes e vacacións e a organizar plans con amigos. Adicionalmente, estuda expresións para describir persoas, pertenzas e acontecementos.

Programa: nivel 5 Intermediate: o alumno/a aprende, entre moitas outras cousas, a expresarse en present perfect («We’ve worked»), en voz pasiva, tanto en pasado como en presente («Oranges are grown in Valencia»), os pronomes indefinidos (somebody, anyone, everywhere, etc.) e as oracións de relativo especificativas («That’s the girl my brothers? going out with»). Tamén estuda vocabulario relacionado con alimentos, automóbil, internet, tecidos, diferenzas entre inglés británico e americano e moitos máis contidos.

– Intermedio 1 (nivel 6).

Os contidos do nivel 6 Intermediate Plus corresponden á segunda parte do nivel B1 do MCERL. Entre outras funcións comunicativas, o/a estudante/a aprende a falar de posibilidades futuras, a expresar problemas e aconsellar a alguén, a describir habilidades e a participar nunha entrevista de traballo.

Programa: nivel 6 Intermediate Plus: o/a alumno/a aprende, entre outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en condicional («If I ran every day, I´d feel healthier»), adxectivos e adverbios de probabilidade (sure, certain, definitely, etc.), o uso dos verbos tell e say e estruturas de infinitivo. Tamén estuda vocabulario relacionado con tarefas domésticas, matemáticas, aeroportos, asuntos xurídicos, sentimentos, expresións con do e make e moitos máis contidos.

– Intermedio 1 (nivel 7).

Os contidos do nivel 7 Upper-Intermediate corresponden á primeira parte do nivel B1+ do MCERL. Entre outras funcións comunicativas, adquírense as habilidades de dar información persoal, expresar pensamentos e sensacións, realizar chamadas telefónicas e falar do ambiente.

Programa: nivel 7 Upper-Intermediate: apréndese, entre moitas outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en present perfect continuous («What have you been doing?»), a facer preguntas indirectas («Do you remember if he was wearing a coat?»), a expresar razón, causa ou contraste («He got the job because of her»). Tamén se estuda vocabulario relacionado con literatura, conversacións telefónicas, negocios, música, phrasal verbs e moitos máis contidos.

– Intermedio 1 (nivel 8).

Os contidos do nivel 8 Upper-Intermediate Plus corresponden á segunda parte do nivel B1+ do MCERL. Entre outras funcionas comunicativas, o/a alumno/a aprende a confirmar información, a describir a súa casa, a falar sobre servizos, a falar dos medios de comunicación e a describir acontecementos recentes.

Programa: nivel 8 Upper-Intermediate Plus: o/a alumno/a aprende, entre moitas outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en voz pasiva («The criminal was arrested») e en past perfect («I´d finished eating when he got here»), a utilizar o estilo indirecto («She told me she’d passed»), a expresar permiso, obrigación e prohibición con modal verbs («You may use my phone»). Tamén estuda vocabulario relacionado con alimentos, estilo de vida, phrasal verbs, o currículo laboral e moitos máis contidos.

– Intermedio 2 (nivel 9).

Os contidos do nivel 9 Advanced corresponden á primeira parte do nivel B2 do MCERL. Entre outras funcións, o/a estudante/a aprende a describir situacións hipotéticas, a falar sobre os seus hábitos e costumes, a compadecerse de alguén e a expresar o seu punto de vista.

Programa: nivel 9 Advanced: o/a alumno/a aprende, entre moitas outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en future continuous («We’ll be skiing next week»), en past perfect continuous («They’ve been working hard all day»), a expresar capacidade e obrigación en futuro e en present perfect, os tempos continuos e o infinitivo en pasiva («We can be contacted by mail»). Tamén aprende vocabulario relacionado con tecnoloxía, trazos faciais, fotografía, xeografía, arte, phrasal verbs, expresións con have e moitos máis contidos.

– Intermedio 2 (nivel 10).

Os contidos do nivel 10 Advanced Plus corresponden á segunda parte do nivel B2 do MCERL. Entre outras funcións, adquírense as habilidades de falar de problemas e solucións, expresar arrepentimento, pedir algo prestado e conversar sobre contos e a literatura.

Programa: nivel 10 Advanced Plus: apréndese, entre moitas outras cousas, e a través de distintas situacións e personaxes, a expresarse en todas as formas condicionais («If they’d left home later, they’d have missed the bus»), en future perfect («The train won’t have left yet»), verbos de suposición e de percepción (look, sound, feel, taste, etc.) e o estilo directo. Tamén se estuda vocabulario relacionado con formas de goberno, negocios, hospitais, delitos, expresións con off, phrasal verbs, expresións con get e moitos máis contidos.