Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2020 Páx. 1449

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2019 pola que se ordena a publicación do Estatuto do estudantado.

Exposición de motivos

O Claustro Universitario da USC na súa sesión do 28 de novembro de 2019 aprobou o Estatuto de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría resolve:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o Estatuto de estudantado da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Claustro Universitario da USC na súa sesión do 28 de novembro de 2019, nos termos do anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Estatuto do estudantado da Universidade de Santiago de Compostela

(Aprobado polo Claustro Universitario o día 28 de novembro de 2019)

Exposición de motivos

A Constitución española consagra no seu artigo 27 a autonomía das universidades españolas que se manifesta, entre outros aspectos, na capacidade de deseñar a súa regulación normativa.

En uso desa capacidade, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) elabora os seus estatutos establecendo as funcións, dereitos e deberes dos membros da comunidade universitaria. En concreto, o artigo 32 dos estatutos aprobados no ano 1997 dispoñía que «O Claustro Universitario elaborará e aprobará o Estatuto do estudantado para o desenvolvemento polo miúdo dos seus dereitos e deberes e para a regulación das súas condicións de estudo na universidade…». En virtude deste mandato o Claustro aprobou o Estatuto do Estudantado da USC o doce de decembro de 1998.

No ano 2014 aprobáronse uns novos estatutos, que no seu artigo 35 dispoñen que «O Estatuto do estudantado da USC, aprobado polo Claustro, desenvolverá polo miúdo os seus dereitos e deberes e regulará as condicións de estudo na Universidade».

Por outra banda é imposible esquecer a promulgación do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario, norma específica que determina o réxime xurídico de participación do estudantado e os seus dereitos e obrigas nas universidades.

En cumprimento do mandato consignado nos estatutos da USC e no resto do ordenamento xurídico, e dentro do marco deseñado polo Real decreto 1791/2010, o presente texto recolle e desenvolve os dereitos do estudantado na USC, as condicións para a súa real efectividade, e define os requisitos constitutivos da condición de estudante. Ao mesmo tempo recóllense os seus correlativos deberes baseados no respecto dos demais e na preservación das finalidades da institución universitaria.

CAPÍTULO I

Ámbito de aplicación e principios xerais

Artigo 1. Obxecto do Estatuto

O presente estatuto desenvolve os dereitos e deberes recoñecidos ao estudantado en canto tal nos estatutos da Universidade.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Para os efectos deste estatuto, considéranse estudantes da USC todas aquelas persoas que cursen estudos de grao, máster e doutoramento en calquera dos seus centros así como en titulacións propias da Universidade, agás que teñan a condición de persoal investigador en formación.

2. Os dereitos e deberes daquelas persoas que cursen estudos na USC e non se atopen incluídos na epígrafe anterior serán regulados polo Consello de Goberno.

3. A Universidade velará para que os estudantes dos centros adscritos poidan exercer os seus dereitos nos termos do previsto no Estatuto do estudante universitario.

Artigo 3. Principios xerais

1. Todas/os as/os estudantes da USC terán igualdade de dereitos e deberes sen máis distincións que as derivadas das ensinanzas que estean a cursar, sen discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, xénero, lingua, capacidade económica, discapacidade, orientación sexual, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal, social, relixiosa e/ou política.

2. Esta igualdade exercerase sempre baixo o principio xeral da corresponsabilidade universitaria, que se define como a reciprocidade no exercicio dos dereitos e liberdades e o respecto das persoas e da institución universitaria como ben común de todos cantos a integran.

3. Os órganos de goberno da Universidade garantirán que as/os estudantes con necesidades educativas especiais non vexan impedido o libre exercicio dos seus dereitos e habilitarán os recursos necesarios, tanto humanos como materiais, mediante a promoción da accesibilidade.

4. Os dereitos e deberes das/dos estudantes exerceranse de acordo cos fins propios da Universidade, de conformidade coa normativa estatal, autonómica, os estatutos da USC e o presente estatuto, e sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria.

CAPÍTULO II

Dos dereitos do estudantado

Artigo 4. Dereitos do estudantado en canto membros da comunidade universitaria

1. Son dereitos do estudantado en canto membros da comunidade universitaria, sen prexuízo dos recollidos no Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, e nos estatutos da USC, os seguintes:

a) Recibir unha formación e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos como nos seus métodos pedagóxicos.

b) Conciliar, no posible, a formación coa vida familiar e laboral.

c) Usar o galego en todas as relacións coa Universidade.

d) Recibir información permanente, mediante a difusión nos diferentes medios e soportes, sobre todas as cuestións que afecten a comunidade universitaria.

e) Ter á súa disposición os medios necesarios para recibir unha formación e docencia cualificada e actualizada en igualdade de condicións nos estudos elixidos, en especial se teñen algunha dificultade física, psíquica ou sensorial.

f) Ser avaliado obxectivamente no seu rendemento académico.

g) Organizar, promover e participar en actividades formativas, culturais, artísticas, e utilizar as instalacións e os servizos universitarios.

h) Participar nas actividades de voluntariado que se desenvolvan na Universidade.

i) Organizar, promover e participar en actividades que contribúan a vincular a USC coa sociedade galega e a mellora desta institución.

l) Desenvolver a súa actividade académica nas debidas condicións de seguridade e saúde.

m) Ser protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.

n) Solicitar as distintas axudas ou subvencións que estableza a USC.

ñ) A liberdade de asociación, sindicación, reunión, manifestación e paro dentro do ámbito universitario.

o) Participar nos órganos de goberno e de xestión.

p) A confidencialidade daqueles datos persoais ou académicos legalmente protexidos.

q) Formular peticións, reclamacións e queixas.

r) Contar cunha carta de servizos académicos actualizada.

s) Dispoñer das condicións necesarias para que as mulleres vítimas de violencia de xénero, así como as súas fillas e fillos, poidan exercer libremente os seus dereitos no ámbito académico.

t) Acceder por medios electrónicos á información, aos servizos e aos trámites electrónicos que a Universidade poña á disposición.

u) Acceder á formación universitaria ao longo da vida, para o que a Universidade establecerá e difundirá os mecanismos específicos de admisión que correspondan.

2. Os órganos de goberno da USC velarán para que os estudantes con necesidades especiais non vexan menoscabado o libre exercicio dos seus dereitos ou o acceso a instalacións e servizos da Universidade.

Artigo 5. Dereitos específicos do estudantado de grao da Universidade de Santiago de Compostela

Son dereitos específicos do estudantado de grao da USC:

a) Dispor da posibilidade de realizar prácticas, curriculares ou extracurriculares, que poderán realizarse en entidades externas e nos centros, estruturas ou servizos da USC.

b) Participar en programas e convocatorias de axudas de mobilidade nacional ou internacional.

c) Contar cunha tutela efectiva, académica e profesional, no traballo fin de grao e, de ser o caso, nas prácticas externas que se consideren no plan de estudos.

d) Garantir a protección da propiedade intelectual, cando corresponda, dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente, nos termos que se establecen na lexislación vixente.

e) Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servizos correspondentes.

f) Participar no control da calidade da docencia e na elaboración das memorias de verificación de títulos de grao.

g) Obter o recoñecemento da súa formación previa e, de ser o caso, das actividades laborais ou profesionais desenvolvidas con anterioridade.

Artigo 6. Dereitos específicos do estudantado de máster da Universidade de Santiago de Compostela

Son dereitos específicos do estudantado de máster da USC:

a) Dispor da posibilidade de realizar prácticas, curriculares ou extracurriculares, que poderán realizarse en entidades externas e nos centros, estruturas ou servizos da Universidade de Santiago de Compostela.

b) Participar en programas e convocatorias de axudas de mobilidade nacional ou internacional.

c) Contar cunha tutela efectiva, académica e profesional, no traballo fin de máster e, de ser o caso, nas prácticas externas que se consideren no plan de estudos.

d) Contar co recoñecemento e protección da propiedade intelectual, cando corresponda, dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente nos termos que se establecen na lexislación vixente.

e) Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servizos correspondentes.

f) Participar no control da calidade da docencia e na elaboración das memorias de verificación de títulos de máster.

g) Obter o recoñecemento da súa formación previa e, de ser o caso, das actividades laborais ou profesionais desenvolvidas con anterioridade.

Artigo 7. Dereitos específicos do estudantado de doutoramento da USC

Son dereitos específicos do estudantado de doutoramento da USC:

a) Recibir unha formación investigadora de calidade que atenda a equidade e a responsabilidade social.

b) Contar cun titor ou titora que oriente o seu proceso formativo e cun director ou directora e, se fose o caso, codirectores, con experiencia investigadora acreditada, que supervise a realización da tese de doutoramento.

c) Dispoñer dos recursos necesarios para levar a cabo o traballo de investigación necesario para a realización da tese de doutoramento.

d) Contar co recoñecemento e protección da propiedade intelectual, cando corresponda, dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente nos termos que se establecen na lexislación vixente.

e) Formar parte de grupos e redes de investigación.

f) Participar en programas e convocatorias de axudas para a formación investigadora e para a mobilidade nacional e internacional.

Artigo 8. Dereitos específicos dos estudantes de formación continua e títulos propios da USC

Son dereitos específicos dos estudantes de formación continua:

a) Recibir unha formación e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos como nos seus métodos pedagóxicos.

b) Ser avaliado obxectivamente no seu rendemento académico.

c) Ter á súa disposición os medios necesarios para recibir unha formación e docencia cualificada e actualizada en igualdade de condicións nos estudos elixidos, en especial se teñen algunha dificultade física, psíquica ou sensorial.

d) Obter o recoñecemento da súa formación previa e, de ser o caso, das actividades laborais ou profesionais desenvolvidas con anterioridade.

CAPÍTULO III

Dos deberes do estudantado

Artigo 9. Deberes do estudantado en canto membros da comunidade universitaria

1. O estudantado universitario debe asumir o compromiso de ter unha presenza activa e corresponsable na universidade. Debe coñecer a USC, respectar e cumprir o establecido nos seus estatutos e demais normas de funcionamento, e no Estatuto do estudante universitario.

2. Entendidos como expresión dese compromiso, os deberes do estudantado da USC serán os seguintes:

a) Participar de forma activa nas actividades académicas que axuden a completar a súa formación.

b) Cumprir coas obrigas discentes ou investigadoras inherentes á súa condición.

c) Cumprir co establecido nos estatutos e demais normativa que fose de aplicación.

d) Respectar os demais membros da comunidade universitaria e cooperar con eles na mellora dos servizos e na consecución dos fins da Universidade.

e) Respectar o patrimonio da USC e contribuír ao seu digno mantemento.

f) Coidar e usar debidamente os bens, equipos e instalacións da USC ou das entidades colaboradoras.

g) Potenciar a vinculación e o prestixio da USC na sociedade.

h) Absterse da utilización ou cooperación en procedementos fraudulentos nas probas de avaliación, nos traballos que se realicen ou nos documentos oficiais da Universidade.

i) Coñecer e cumprir as normas internas sobre seguridade e saúde, especialmente as que se refiren ao uso de laboratorios de prácticas e investigación.

l) Respectar o nome, os símbolos e emblemas da USC.

m) Respectar os actos académicos da Universidade, así como os participantes neles, sen menoscabo do libre exercicio de expresión e manifestación.

n) Exercer e promover activamente a non discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, sexo, relixión, convicción ou opinión, idade, discapacidade, nacionalidade, enfermidade, orientación sexual e identidade de xénero, condición socio-económica, idiomática ou lingüística, afinidade política e sindical, por razón de aparencia, ou por calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, dos membros da comunidade universitaria, do persoal das entidades colaboradoras ou que presten servizos na USC.

ñ) Asumir as responsabilidades propias dos cargos para os que sexan elixidos.

o) Informar os seus representados das actividades e resolucións dos órganos colexiados en que participa, así como das súas propias actuacións, coa reserva e discreción que se establezan nos ditos órganos.

p) Acceder electronicamente ás notificacións que lles sexan realizadas pola USC en calquera procedemento que tramite e resolva, nos termos establecidos no Regulamento da USC polo que se regulan as notificacións electrónicas obrigatorias.

CAPÍTULO IV

Da programación docente e avaliación do estudantado de ensinanzas que conducen á obtención dun título oficial

Artigo 10. Programación docente das ensinanzas universitarias que conducen á obtención dun título oficial

1. O estudantado ten dereito a coñecer antes do inicio do curso académico a guía docente de cada materia que incluirá unha estimación da dedicación do estudante ao estudo e aprendizaxe dentro e fóra do horario lectivo, o profesorado previsto, a distribución horaria global de cada materia e as datas de realización de exames finais, garantindo a coordinación dos diferentes grupos.

2. Os horarios de clases teóricas, prácticas e exames dun mesmo grupo deberán ser compatibles ao longo do curso, e non poderán ser modificados senón por causa de forza maior.

3. O estudantado deberá cumprir coa asistencia ás clases teóricas e prácticas e a realización das actividades formativas propias de cada materia, de acordo co establecido nas guías docentes e nas memorias verificadas.

4. Conforme a normativa que se estableza, a xunta de centro poderá conceder o cambio de grupo a aqueles/as estudantes que xustifiquen axeitadamente a imposibilidade de asistir ás actividades do grupo que lles fose asignado.

5. Con carácter singular e conforme a normativa que se estableza, a xunta de centro poderá conceder a dispensa de asistencia a clase para casos específicos, logo de solicitude e acreditación das causas do pedimento, e sempre que a dispensa de asistencia non impida que se acaden os obxectivos de aprendizaxe e as competencias indicadas na memoria verificada do título.

Artigo 11. Titorías

1. O estudantado recibirá orientación individualizada no proceso de aprendizaxe mediante titorías. Para tal efecto, os departamentos deberán publicar ao comezo do cuadrimestre os horarios de titorías do profesorado, que se adecuarán no posible aos diferentes grupos existentes.

2. Corresponde aos departamentos velar polo cumprimento das titorías do profesorado adscrito de acordo cos plans de estudo e a programación docente das ensinanzas en que imparte docencia.

3. A Universidade, a través dos seus centros e departamentos, garantirá que o estudantado poida acceder ás titorías, establecendo os criterios e horarios correspondentes.

Artigo 12. Orientación académica e profesional

1. Os centros responsables de cada titulación deberán proporcionar apoio titorial de carácter transversal sobre as súas titulacións, que atenderá, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Obxectivos da titulación.

b) Medios persoais e materiais dispoñibles.

c) Estrutura e programación das ensinanzas.

d) Metodoloxías docentes aplicadas.

e) Procedementos e cronogramas de avaliación.

f) Indicadores de calidade, tales como taxas de rendemento académico esperado e real dos estudos ou taxas de incorporación laboral dos egresados.

2. Para desenvolver os seus programas de orientación, os centros poderán nomear coordinadores de titulación, cuxa misión será levar a cabo unha orientación de calidade, dirixida a reforzar e complementar a docencia como formación integral e crítica do estudantado e como preparación para o exercicio de actividades profesionais.

3. A USC disporá os medios necesarios para orientar ao seu estudantado de cara á continuación dos seus estudos ou para facilitar a súa incorporación ao mundo laboral.

Artigo 13. Titorías para estudantado con necesidades especiais

1. Os programas e as actividades de titoría deberán adaptarse ás circunstancias do estudantado con necesidades especiais, procedendo os departamentos ou centros, baixo a coordinación e supervisión da unidade competente, ás adaptacións metodolóxicas precisas e, de ser o caso, ao establecemento de titorías específicas en función das súas necesidades. As titorías realizaranse en lugares accesibles para persoas con necesidades especiais.

2. Promoverase o establecemento de programas de titoría permanente para que o estudantado con necesidades especiais poida dispor dun profesor titor ao longo dos seus estudos.

Artigo 14. Prácticas académicas externas

1. As prácticas externas son unha actividade formativa cuxo obxectivo é permitir ao estudantado aplicar e complementar os coñecementos adquiridos na súa formación académica, favorecendo a adquisición de competencias que o preparen para o exercicio profesional e faciliten a súa empregabilidade.

2. As prácticas externas poderán realizarse en empresas, institucións e entidades públicas e privadas, incluída a propia universidade segundo a modalidade prevista.

3. Para a realización das prácticas externas, a USC impulsará o establecemento de convenios con empresas e institucións fomentando que sexan accesibles para estudantes con necesidades especiais.

4. Os programas de prácticas contarán cunha planificación en que se farán constar as competencias que debe adquirir o estudante, a dedicación en créditos ECTS, as actividades formativas que debe desenvolver o estudante, o calendario e horario, e o sistema de avaliación.

5. Establécense dúas modalidades de prácticas externas:

a) As prácticas curriculares son actividades académicas reguladas e tuteladas, que forman parte do plan de estudos. Para a realización das prácticas externas curriculares, os estudantes contarán cun titor académico da Universidade e un titor da entidade colaboradora que acordarán o plan formativo do estudante e realizarán o seu seguimento.

b) As prácticas extracurriculares son aquelas que os estudantes realizan con carácter voluntario, durante o seu período de formación, e que aínda que teñen os mesmos fins, non están incluídas nos plans de estudos, sen prexuízo da súa mención posterior no suplemento europeo do título. Nestes casos, a USC e a entidade colaboradora exercerán a tutela nos termos establecidos polo convenio, para o que os estudantes contarán cun titor académico da Universidade e un titor da entidade colaboradora.

6. As prácticas externas estarán axustadas á formación e ás competencias do estudantado e non poderán dar lugar, en ningún caso, á substitución da prestación laboral propia de postos de traballo. Non obstante, nos convenios de colaboración que se asinen poderase establecer financiamento por parte das entidades colaboradoras, en concepto de axudas ao estudo.

7. O Consello de Goberno aprobará unha normativa específica para a regulación das prácticas, que deberá incluír, ademais doutras circunstancias, os procedementos para garantir a súa calidade.

8. As prácticas relacionadas coas ensinanzas do ámbito da saúde estarán rexidas polo previsto nas directivas europeas e de acordo coas súas normativas específicas.

CAPÍTULO V

Da mobilidade estudantil

Artigo 15. Programas de mobilidade

1. A USC ofertará ao seu estudantado programas de mobilidade, nacional e internacional, mediante a sinatura dos correspondentes convenios de cooperación interuniversitaria para os estudos de grao, máster e doutoramento.

2. Os programas de mobilidade atenderán a formación académica propia de cada titulación e outros ámbitos de formación integral do estudantado tales como a formación transversal en valores, a formación orientada ao emprego e a mellora da competencia en linguas estranxeiras.

3. Así mesmo, a USC poderá promover, naqueles casos que sexa oportuno e de acordo coa regulación de cada título, programas específicos de mobilidade, nacional e internacional, para a realización dos traballos de fin de grao e fin de máster, así como para a realización de prácticas externas ou tarefas de investigación ou formación relacionadas coa tese de doutoramento.

4. O Consello de Goberno aprobará unha normativa específica de intercambios para alumnos de grao e máster.

Artigo 16. Recoñecemento académico e mobilidade

1. A USC establecerá os procedementos adecuados para que os estudantes que participen nos programas de mobilidade coñezan, con anterioridade á súa incorporación á universidade de destino, mediante acordo de estudos, as materias que van ser recoñecidas academicamente no plan de estudos da titulación que cursa na USC.

2. Os estudantes terán asignado un titor con quen deberán elaborar o acordo de estudos que corresponda ao programa de mobilidade, nacional ou internacional. Nese documento quedarán reflectidas, con carácter vinculante, as actividades académicas que se desenvolverán na Universidade de destino e a súa correspondencia coas da USC e a valoración en créditos europeos.

3. Para o recoñecemento de coñecementos e competencias, atenderase o valor formativo conxunto das actividades académicas desenvolvidas e non a identidade entre materias e programas nin a plena equivalencia de créditos.

4. As actividades académicas realizadas na Universidade de destino serán recoñecidas e incorporadas ao expediente do estudante unha vez terminada a súa estadía ou, en todo caso, ao final do curso académico correspondente, coas cualificacións obtidas en cada caso. Para este efecto, atenderase o acordado polo Consello de Goberno ou o previsto nos propios convenios.

5. Os programas de mobilidade en que participe un estudante e os seus resultados académicos, así como as actividades que non formen parte do acordo de estudos e sexan acreditadas pola Universidade de destino, serán recollidos no suplemento europeo ao título.

Artigo 17. Mobilidade nacional e internacional de estudantes con necesidades especiales

A USC promoverá a participación en programas de mobilidade, nacionais e internacionais, de estudantes con necesidades especiais, establecendo as cotas pertinentes e garantindo os sistemas de información e cooperación entre as unidades de atención a estes estudantes.

CAPÍTULO VI

Da avaliación da aprendizaxe

Artigo 18. Avaliación da aprendizaxe

Os estudantes teñen dereito a seren avaliados obxectivamente nos seus coñecementos mediante criterios públicos e obxectivos, que deberán axustarse ao establecido na normativa de avaliación, cuxa aprobación corresponde ao Consello de Goberno.

Artigo 19. Comunicación das cualificacións

1. Dentro dos prazos e procedementos establecidos na normativa de avaliación, os profesores responsables da avaliación publicarán as cualificacións das probas efectuadas, con antelación suficiente para que os estudantes poidan levar a cabo a revisión con anterioridade á finalización do prazo de entrega de actas.

2. Xunto coas cualificacións, farase público o horario, lugar e data en que se celebrará a súa revisión.

3. Os profesores deberán conservar o material escrito, en soporte de papel ou electrónico, das probas de avaliación ou, se fose o caso, a documentación correspondente ás probas orais, ata a finalización do curso académico seguinte. No suposto de interposición de recurso contra a cualificación, deberán conservarse ata que exista resolución firme.

Artigo 20. Revisión e reclamación das cualificacións

O proceso de revisión e reclamación das cualificacións realizarase conforme a normativa de avaliación da USC, en que se garantirán os seguintes dereitos:

a) A recibir no proceso de revisión as oportunas explicacións orais sobre a cualificación recibida.

b) A unha revisión persoal e individualizada e adaptada ás necesidades específicas do estudantado con necesidades especiais.

c) A reclamar, no caso de que o estudante considere que a cualificación outorgada supón un tratamento arbitrario ou discriminatorio. Na comisión que analice a reclamación non poderán participar os profesores que interviñesen no proceso de avaliación.

Artigo 21. Avaliación extraordinaria

A normativa de avaliación regulará os casos en que procederá arbitrar sistemas extraordinarios de avaliación.

Artigo 22. Recoñecemento e transferencia de actividades universitarias culturais, artísticas, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación

A USC poderá asignar créditos transversais pola participación do seu estudantado en actividades universitarias culturais, artísticas, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, conforme a normativa que aprobe o Consello de Goberno. Estas actividades serán transferidas ao expediente do estudante e ao suplemento europeo ao título.

CAPÍTULO VII

Do dereito á propiedade intelectual

Artigo 23. Da propiedade intelectual dos traballos académicos

Os/as estudantes terán dereito á propiedade intelectual, cando corresponda, dos traballos orixinais por eles realizados. A súa publicación, difusión ou reprodución total ou parcial deberá contar coa autorización por escrito do seu autor, cos límites establecidos na lexislación de propiedade intelectual.

CAPÍTULO VIII

Da representación do estudantado

Artigo 24. Representantes do estudantado

1. Todos os estudantes da USC teñen dereito a participar nos órganos de goberno da Universidade, dos centros e dos departamentos, mediante a elección dos seus representantes. Para estes efectos, serán electores e elixibles aqueles membros do estudantado que reúnan os requisitos establecidos na normativa electoral.

2. Son representantes do estudantado aqueles alumnos ou alumnas que forman parte dos órganos colexiados de goberno da Universidade: Consello Social, Claustro, Consello de Goberno, Xunta de Facultade ou Escola e Consello de Departamento ou Instituto.

3. Promoverase que a representación estudantil respecte o principio de paridade, con participación proporcional de homes e mulleres. Así mesmo, promoverase a participación das persoas con necesidades especiais na citada representación estudantil.

Artigo 25. Funcións das/dos representantes

Os representantes canalizarán as propostas que realice o estudantado diante dos órganos da Universidade, sen prexuízo do dereito de calquera estudante a formulalas directamente.

Artigo 26. Dereitos das/dos representantes

Os representantes do estudantado teñen dereito a:

a) Exercer libremente a súa representación.

b) Expresarse libremente sen máis limitacións que as derivadas das normas legais e o respecto ás persoas e á institución.

c) Recibir información exacta e puntual sobre as materias que afecten o estudantado, coas limitacións previstas pola lei de protección de datos ou outras normas de aplicación.

d) Participaren plenamente no proceso de toma de decisións na forma que corresponda de acordo coa normativa específica e o réxime do órgano de que forman parte ou da representación de que sexan responsables.

e) Que os seus labores académicos se adecúen, dentro do posible e sen menoscabo da súa formación, ás súas actividades representativas. Máis concretamente, os representantes teñen dereito a diferiren o cumprimento das súas obrigas na Universidade, entre as que se inclúe a concorrencia a probas de avaliación, cando coincidan expresamente co exercicio da representación naqueles órganos e cargos para os que fosen elixidos, logo de acreditación de asistencia ou exercicio destes.

Artigo 27. Deberes das/dos representantes

Son deberes específicos das/dos representantes:

a) Asumir as responsabilidades derivadas da representación do estudantado.

b) Facer un uso lexítimo da información recibida respectando a confidencialidade.

c) Protexer, fomentar e defender os bens e dereitos da Universidade de Santiago.

d) Informar as/os seus representados das actividades e resolucións dos órganos colexiados e das súas propias actuacións.

Artigo 28. Das/dos delegados de aula ou grupo

1. Os centros poderán prever a existencia de delegados de aula ou grupo. Estes serán elixidos polos seus compañeiros en votación e exercerán de voceiros das decisións maioritariamente adoptadas na súa aula ou grupo.

2. O conxunto de delegados integrarán a delegación de estudantes de centro.

Artigo 29. O Consello do Estudantado

1. O Consello do Estudantado da USC é o órgano de participación e representación do estudantado na organización da vida universitaria.

2. Son funcións do Consello do Estudantado:

a) Coordinar as actividades das diferentes delegacións de centro.

b) Fomentar o asociacionismo e a participación do estudantado na USC.

c) Colaborar con outros órganos de representación do estudantado da Comunidade e do Estado.

d) Representar a USC no Consello de Estudantes Universitarios do Estado ou noutras institucións que sexan relevantes para o desenvolvemento das súas tarefas.

3. O Consello do Estudantado da USC estará constituído por:

a) Os representantes do estudantado no Consello de Goberno da Universidade, que serán membros natos.

b) Un representante de cada Xunta de Facultade.

c) Catro representantes da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), un por cada sección.

4. A renovación da composición do Consello do Estudantado realizarase cando se produza a renovación da representación de estudantes nos órganos correspondentes.

5. O sistema de designación como membro do Consello será por votación directa e secreta por e entre os membros do sector de alumnos da facultade e do EDIUS.

6. As asociacións rexistradas no Rexistro de Asociacións Estudantís da USC poderán participar como invitadas no Consello do Estudantado, con voz e sen voto.

7. O Consello do Estudantado estará dotado dunha asignación económica que lle permita desenvolver as súas actividades.

CAPÍTULO IX

Das asociacións do estudantado

Artigo 30. Dereito de asociación

1. Os estudantes teñen dereito a asociarse libremente no ámbito universitario, no marco da Constitución, da regulación do dereito de asociación e da normativa universitaria.

2. A Universidade fomentará e potenciará o asociacionismo estudantil e a participación dos estudantes na vida ordinaria da Universidade, proporcionando para iso os medios necesarios.

Artigo 31. Asociacións de estudantes

1. Son asociacións de estudantes na USC aquelas integradas por estudantes, constituídas para a defensa de fins de interese xeral e inscritas no correspondente rexistro.

2. O regulamento de asociacións de estudantes da USC determinará as condicións xerais para o recoñecemento das asociacións de estudantes, o procedemento específico que deben seguir estas para o seu recoñecemento formal por parte da Universidade, os dereitos e deberes destas, o relativo á concesión de subvencións, axudas e espazos físicos, así como as circunstancias que determinan a perda da condición de asociación universitaria na USC.

3. Poderán promover asociacións os estudantes a que se refire o artigo 2.1 deste estatuto, que se encontren en pleno uso dos seus dereitos académicos e que libremente acorden servir aos fins enunciados nos seus propios estatutos.

4. As asociacións de estudantes da Universidade, rexistradas como tales, terán dereito a integrarse en redes ou confederacións de carácter nacional ou internacional. Para facer efectiva a dita integración, a Universidade promoverá axudas co fin de que dispoñan as asociacións de medios materiais que faciliten a dita integración.

Artigo 32. Estatutos das asociacións

1. As asociacións rexeranse por uns estatutos que deberán conter as seguintes mencións:

a) Denominación da entidade, que deberá ser suficientemente individualizada para non inducir a erros respecto doutras asociacións xa rexistradas.

b) Domicilio da asociación.

c) Fins que se propoñen.

d) Órganos directivos, funcións e forma de administración.

e) Procedemento de adquisición e perda da condición de asociado.

f) Dereitos e deberes dos asociados.

g) Patrimonio fundacional, recursos previstos e límites do orzamento anual.

h) Aplicación do patrimonio no caso de disolución que deberá reverter en beneficio da Universidade.

2. Os seus estatutos serán aprobados polo órgano de goberno competente. Cando sinalen como domicilio unha dependencia universitaria deberán contar coa autorización do órgano competente.

Artigo 33. Rexistro de asociacións

1. Para ser recoñecidas como tales na USC, as asociacións de estudantes deberán inscribirse no rexistro correspondente. A vicerreitoría con competencia en estudantes deberá proceder á actualización periódica do dito rexistro.

2. Todas as asociacións de estudantes deberán proceder á súa inscrición no rexistro se desexan seren recoñecidas como asociación de estudantes da USC.

3. A inscrición no rexistro será requisito imprescindible para optar a calquera tipo de axuda ou dotación por parte da Universidade.

4. O rexistro dependerá funcionalmente da vicerreitoría con competencia en estudantes. A certificación e acreditación do seu contido será realizado pola Secretaría Xeral. Os asentos de inscrición das asociacións e dos seus representantes poderán ser consultados polos membros da comunidade universitaria a través da páxina web da Universidade.

5. As asociacións estudantís deberán depositar os seus estatutos no Rexistro de asociacións. Se no prazo de vinte días contado desde o seguinte ao de depósito non recibiron comunicación da Universidade para a reparación de erros ou defectos, entenderanse debidamente rexistradas, para os únicos efectos de actuación como tal diante da USC.

CAPÍTULO X

Organización, promoción e participación en actividades culturais, artísticas, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación

Artigo 34. Actividades formativas, culturais, artísticas e deportivas

1. Todo o estudantado terá dereito a participar nas actividades culturais, artísticas, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación organizadas pola Universidade, de acordo co que se estableza na respectiva normativa.

2. Todo o estudantado poderá propoñer a realización de actividades desta natureza, directamente ou a través dos seus representantes. Cando se enmarquen nunha programación xeral, tales propostas deberán facerse dentro dos prazos e de acordo co disposto na oportuna convocatoria.

Artigo 35. Utilización das instalacións e servizos da Universidade

1. As/os estudantes e as asociacións poderán utilizar as instalacións universitarias para as súas actividades culturais, artísticas, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación, de acordo coas normas reguladoras do seu uso e os regulamentos que aproben os órganos de goberno. Tal utilización deberá contar coa autorización do órgano competente, logo de petición dos interesados, e poderá ser denegada cando non se axuste ao réxime de utilización establecido.

2. O estudantado poderá acceder aos distintos servizos universitarios, de acordo co establecido nos seus respectivos regulamentos.

CAPÍTULO XI

Peticións, reclamacións e queixas

Artigo 36. Peticións, reclamacións e queixas

1. As/os estudantes poderán formular queixas a través do Valedor da Comunidade Universitaria, da Oficina de Análise de Reclamacións ou outro órgano que se estableza para estes efectos.

2. Tamén poderán realizar peticións diante daquelas persoas ou órganos da Universidade que sexan competentes, de maneira individual ou colectiva, debendo ser neste último caso presentadas por escrito.

CAPÍTULO XII

Reunión, manifestación e paro académico

Artigo 37. Reunión

O estudantado e as asociacións de estudantes teñen dereito a reunírense en locais universitarios. Para tal efecto, será preciso cursar con antelación suficiente a oportuna solicitude ao responsable de tales espazos. A solicitude deberá ser atendida salvo que medien circunstancias excepcionais que aconsellen o contrario.

Artigo 38. Manifestación

O estudantado ten dereito a manifestarse libremente, cumprindo os requisitos previstos no ordenamento. Cando esa manifestación teña lugar dentro dos espazos universitarios, deberá comunicarse con antelación suficiente ás autoridades académicas.

Artigo 39. Paro académico

1. Considérase paro académico a ausencia voluntaria, previamente acordada nos órganos competentes, do estudantado das súas obrigas académicas co obxecto de defender os seus intereses e reivindicacións.

2. O paro académico poderá ser xeral para o conxunto da Universidade ou parcial no caso de que afecte só algún ou algúns dos centros.

3. Mentres dure o paro académico debidamente acordado:

a) Deberá garantirse tanto o dereito a non asistir como o de asistir ás actividades académicas programadas polas persoas que non secunden o paro.

b) Non se suspenderán as actividades docentes, pero a inasistencia de quen secunde o paro non deberá ter incidencia no resultado da avaliación.

4. O paro académico xeral ou parcial deberá ser acordado por maioría absoluta dos representantes no Consello do Estudantado ou, se for o caso, na xunta de centro ou delegación de estudantes do centro. Así mesmo, as asociacións rexistradas no Rexistro de Asociacións Estudiantís da USC poderán convocar paros debendo obrigatoriamente designar unha comisión de seguimento, que terá que ser comunicada á Reitoría.

5. O paro académico así como as causas que o motivan deberán publicitarse convenientemente e comunicarse con antelación suficiente á Reitoría.

6. Cando se acorde realizar un paro académico comunicarase á Reitoría que persoas se encargarán de velar polo seguimento do paro e actuarán como interlocutores con ela nas reunións que esta promova para tratar de resolver as cuestións suscitadas e as incidencias que puideran xurdir no seu desenvolvemento.

CAPÍTULO XIII

Axudas e subvencións

Artigo 40. Axudas e subvencións

1. O estudantado terá dereito a beneficiarse das axudas e subvencións establecidas pola Universidade ou por outras institucións, sempre de acordo co disposto nas oportunas convocatorias.

2. As axudas e subvencións que a Universidade estableza para a continuidade ou finalización dos estudos deberán ter en conta o rendemento académico e a situación económica para a súa concesión.

Disposición transitoria primeira

Mentres non se promulgue a lei prevista na disposición adicional segunda do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario, o réxime disciplinario do estudantado da USC rexerase polo establecido no Decreto do 8 de setembro de 1954 polo que se aproba o Regulamento de disciplina académica dos Centros Oficiais de Ensino Superior e de Ensino Técnico, que se aplicará respectando os principios xerais da potestade sancionadora da Administración enunciados no capítulo III do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como o procedemento sancionador regulado na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A tipificación das faltas disciplinarias que prevé o Decreto do 8 de setembro de 1954 integrarase coa definición dos deberes do estudantado contida no Estatuto do estudante universitario e no propio Estatuto do estudantado da USC.

Disposición adicional

O Consello de Goberno da USC procederá á adecuación e elaboración, se for o caso, das normas necesarias para desenvolver o presente regulamento.

Disposición derrogatoria

O presente estatuto derrogará e, polo tanto, deixará sen efectos o Estatuto do estudantado da USC aprobado polo pleno do Claustro Universitario do 12 de decembro de 1998.

Disposición derradeira

O presente estatuto entrará en vigor, tras a súa aprobación polo Claustro Universitario, o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.