Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 2020 Páx. 1723

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

O artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. Pola súa parte, o artigo 94 establece que as actuacións de rehabilitación de carácter illado teñen por obxecto a conservación e rehabilitación dos edificios e das vivendas construídos para mellorar as condicións de vida das persoas que os ocupan.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Este plan, que está dividido en varios eixos de actuación, dedica o seu eixe 3 á prevención da exclusión residencial e, concretamente, o programa 3, de apoio a situacións de emerxencia residencial, prevé dúas novas accións directamente relacionadas cos concellos: o bono alugueiro e a reparación de infravivendas.

A acción de reparación de infravivendas ten como obxectivo outorgar axudas para acometer actuacións urxentes e imprescindibles, para os efectos de mellorar o estado das vivendas ocupadas por persoas en risco de exclusión residencial.

O artigo 193 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, prevé a cooperación e colaboración entre a Administración local e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en servizos locais como en asuntos de interese común.

A Orde do 26 de decembro de 2017 establecía as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. As citadas bases foron modificadas pola Orde do 20 de decembro de 2018.

Mediante esta orde preténdese unificar a citada normativa e introducir algunhas modificacións na xestión destes programas derivadas da experiencia da súa aplicación.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, en consecuencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de infravivenda correspondente ao Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, código de procedemento VI406A.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da aplicación desta orde, os termos incluídos neste artigo interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Infravivenda: edificación, ou parte dela, destinada a vivenda, que non reúne as condicións mínimas exixidas pola lexislación aplicable. En todo caso, entenderase que non reúne as ditas condicións as vivendas que incumpran os requisitos de superficie, número, dimensión e características das pezas habitables, as que presenten deficiencias graves nas súas dotacións e instalacións básicas e as que non cumpran os requisitos mínimos de seguridade, accesibilidade universal e habitabilidade exixibles á edificación.

b) Unidade de convivencia: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 3. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal que se encontren en mal estado de conservación para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Dentro destas últimas, será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Artigo 5. Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que, segundo informe municipal emitido para o efecto, a edificación ou vivenda non reúna as condicións mínimas de habitabilidade.

– Que todas as actuacións a realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións subvencionables non estean iniciadas no momento da presentación da solicitude.

2. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que incidan sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. Así mesmo, no custo total das actuacións incluiranse gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

4. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Artigo 6. Requisitos das unidades de convivencia

1. No suposto de que as actuacións se vaian executar en edificacións ou vivendas, propiedade de persoas físicas, deberan cumprise os seguintes requisitos:

a) Que algún membro da unidade de convivencia, residente na vivenda obxecto da actuación, sexa o seu/a súa propietario/a.

b) Que ningún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a doutra vivenda en todo o territorio nacional a non ser que esta poida ser considerada inadecuada ou insuficiente ou non poda dispor do seu uso.

c) As unidades de convivencia deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores ao IPREM. Este límite de ingresos poderá ser modificado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a cal será publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

2. Os ingresos dos membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do IRPF. Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberase acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor no período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Unidade familiar dun membro: 1,00.

Unidade familiar de dous membros: 0,90.

Unidade familiar de tres membros: 0,80.

Unidade familiar de catro membros: 0,75.

Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do IRPF, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste artigo, sumaranse, debendo ser o resultado inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

Se algún membro da unidade de convivencia é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do IRPF, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nos puntos anteriores.

Para o caso de que na unidade de familiar houbera mulleres xestantes no momento da convocatoria, os concibidos e non nacidos contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no punto 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Artigo 7. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística á data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Contía da axuda

As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Artigo 9. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o formulario que se incorpore na correspondente resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude para a mesma infravivenda na mesma convocatoria anual nin poderá solicitar unha subvención para traballos correspondentes a actuacións xa subvencionadas en convocatorias anteriores na mesma infravivenda.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, o/a alcalde/sa ou a persoa en que este/a delegue.

4. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

5. No formulario de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria.

Artigo 10. Documentación complementaria

Coa solicitude achegarase a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 11. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para o caso de que algún dos concellos presente a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación da documentación complementaria aquela na que fose presentada por vía electrónica.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirirlles a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa que teña a titularidade da alcaldía, ou persoa en quen delegue.

b) Validación de número de identificación fiscal do concello solicitante.

2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente recadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS na que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 15. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento iniciase de oficio, mediante a correspondente publicación no DOG, da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicada no DOG, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos ou non fose acompañada da documentación exixida na resolución de convocatoria, requirirase ao concello solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Unha vez completado o expediente, a persoa titular da xefatura da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que deberanse cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela na que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente resolución de convocatoria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidades ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Artigo 18. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución, así como aquelas outras relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado nesta orde para a súa xustificación.

Artigo 19. Xustificación da subvención

A xustificación da subvención realizarase coa execución das obras subvencionadas, de conformidade co establecido na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 20. Pagamento das subvencións

O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

Artigo 21. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a cinco anos, contado desde a finalización das obras, para o caso de que a edificación ou vivenda sexa de propiedade municipal.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do IGVS.

6. As demais obrigas que se derivan desta orde.

Artigo 22. Perda e reintegro da subvención

1. Ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, determinará a perda da subvención a non execución das obras dentro do prazo establecido na resolución de concesión, así como a falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido na resolución de convocatoria.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Artigo 23. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puideran recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, serán incompatibles coas axudas do programa autonómico de rehabilitación das antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal.

Artigo 24. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos beneficiarios das subvencións están obrigados a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda