Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 2020 Páx. 1710

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal.

O artigo 88 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento, cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e de favorecerlle o acceso á vivenda a colectivos singulares. No seu artigo 90 sinálase que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas, con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e, como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

Son moitos os concellos de Galicia que dispoñen dun patrimonio edificatorio afecto no seu día aos centros educativos para aloxar as persoas que prestaban os seus servizos nestes centros, así como a outros oficios, e que na actualidade están en desuso. Ademais, tamén dispoñen no seu patrimonio municipal doutras edificacións, que poden ser obxecto dun uso residencial mediante as oportunas actuacións de rehabilitación.

Por outra banda, o proceso de despoboamento da zona rural fai necesaria unha política encamiñada a fixar poboación nestas zonas, e a vivenda é unha necesidade básica para este obxectivo.

Con este programa trátase de rehabilitar os edificios e as vivendas, destinadas no seu día a vivenda dos mestres ou doutros oficios, así como aqueloutros de titularidade municipal susceptibles dun uso residencial, para que poidan destinarse, en réxime de alugamento, á vivenda habitual e permanente de unidades de convivencia con escasos recursos económicos.

O 29 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecían as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal. As citadas bases foron modificadas pola Orde do 20 de decembro de 2018.

Mediante esta orde preténdese unificar a citada normativa e introducir algunhas modificacións na xestión destes programas derivadas da experiencia da súa aplicación.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, en consecuencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da orde

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios, así como as demais edificacións de titularidade municipal, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos. O código de procedemento é VI422F.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade e as adxudiquen, en réxime de alugamento, conforme o procedemento establecido no Programa de vivendas baleiras ou a norma que o substitúa, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Entre as condicións de habitabilidade poderase establecer a execución de medidas que eviten a entrada no edificio do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total da obra, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes ás obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria. Exceptúanse as facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a provisións de material previos e/ou a pagamentos anticipados en que a execución de obra se realice, igualmente, no ano natural en que se publique a resolución de convocatoria.

Artigo 4. Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que todas as actuacións que se realicen se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións non estean rematadas na data da presentación da solicitude.

– O número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación non poderá ser superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello, na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

2. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder os 16 meses.

3. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Artigo 5. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, cuxo prazo de presentación estivese vencido.

d) Estar adherido ou en proceso de adhesión ao Convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 ou á norma que o substitúa.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Contía da axuda

1. As axudas poderán acadar ata o 90 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 40.000 euros por vivenda rehabilitada ou de 48.000 euros, no caso de vivendas situadas no ámbito histórico ou dos camiños de Santiago.

Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

Así mesmo, para estes efectos, enténdese por ámbito dos camiños de Santiago o comprendido na declaración de área de rehabilitación integral dos camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 pola Comisión Bilateral de Vivenda Xunta de Galicia-Ministerio de Fomento.

2. A subvención poderá ter carácter plurianual, distribuíndose as anualidades en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da derradeira anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o formulario que se incorpore como anexo da correspondente resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta orde, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

4. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

5. No formulario de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria

Coa solicitude achegarase a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para o caso de que algún dos concellos presente a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que o faga electronicamente. Nestes casos, considerarase como data de presentación da documentación complementaria aquela en que foi presentada por vía electrónica.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirirlles a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa que teña a titularidade da alcaldía ou da persoa en quen esta delegue.

b) Número de identificación fiscal do concello.

2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente cadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS en que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento iniciase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude presentada non reune os requisitos exixidos no artigo 9 ou non é acompañada da documentación exixida no artigo 10, requirirase o concello solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente resolución de convocatoria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidades ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Artigo 16. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas as solicitudes que non dispuxeran de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución, as relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado na correspondente resolución e aqueloutras en que o número de vivendas resultantes da actuación de rehabilitación sexa superior ao número de demandantes de vivendas inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese concello, na data da presentación da correspondente solicitude de subvención.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. A xustificación da subvención realizarase coa execución das obras subvencionadas, de conformidade co establecido na correspondente resolución de convocatoria.

2. O gasto subvencionable determinarase, logo da comprobación da total execución das obras e a emisión do informe favorable dos servizos técnicos das correspondentes áreas provinciais do IGVS, en atención á certificación municipal sinalada na letra a) do número 1 do artigo anterior e no artigo 58 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 18. Pagamento das subvencións

O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para o efecto no anexo I polo concello beneficiario.

Artigo 19. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada durante un prazo non inferior a vinte anos, contado desde o día seguinte ao da finalización das obras, ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda a través do IGVS, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Ter aprobadas e publicadas as bases reguladoras do Programa de vivendas baleiras, antes da presentación ao IGVS da documentación xustificativa da subvención concedida.

7. Ter adxudicadas as vivendas rehabilitadas nun prazo non superior a seis meses, contados desde a finalización das obras, conforme o procedemento establecido nas súas bases do Programa de vivendas baleiras.

8. As demais obrigas que derivan desta orde.

Artigo 20. Perda e reintegro da subvención

1. Ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, determinará a perda da subvención a non execución das obras dentro do prazo establecido na resolución de concesión, así como a falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido no artigo 18.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Artigo 21. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puidesen recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, estas axudas serán incompatibles coas do programa autonómico de infravivenda.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos beneficiarios das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda