Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 2020 Páx. 1698

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras.

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece como unha das súas liñas de actuación, dentro das políticas públicas en materia de vivenda, a implantación de plans e programas orientados a favorecer o acceso á vivenda en réxime de alugamento. En concreto, a lei indica que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento, cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular, colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, que ten como primeiro eixo de actuación o acceso á vivenda mediante o desenvolvemento de catro programas de axudas. A acción número 4 do cuarto programa deste eixo é a coordinación do programa municipal de vivendas baleiras.

A existencia de vivendas desocupadas nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia resulta contraria ás exixencias dun axeitado principio de utilización racional do parque de vivendas, tanto por razóns de eficiencia económica como por ser un factor de sustentabilidade ambiental e territorial, polo que, precisamente, o Programa de vivendas baleiras persegue promover o uso destas vivendas, outorgando aos concellos que as incorporen as garantías xurídicas e económicas necesarias, e que son asumidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O 3 de maio de 2016 asinouse un convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020. Coa finalidade de incentivar que as persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas as incorporen ao Programa de vivendas baleiras, considerouse oportuno implantar unha liña de subvencións dirixidas ás actuacións de rehabilitación, mantemento e reforma. O 28 de marzo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 14 de marzo de 2018 pola que se establecían as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras. As citadas bases foron modificadas pola Orde do 20 de decembro de 2018.

Mediante esta orde preténdese unificar a citada normativa e introducir algunhas modificacións na xestión destes programas, derivadas da experiencia da súa aplicación.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, en consecuencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións dirixidas ás persoas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI426C).

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 2. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as seguintes actuacións realizadas na vivenda incorporada ao Programa de vivendas baleiras:

1. Obras de conservación e mantemento.

2. Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.

3. Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Artigo 3. Requisitos para obter a axuda

Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a vivenda estea situada nun concello que teña asinado o acordo de adhesión ao Convenio entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras.

2. Que as obras para as cales se solicita a subvención fosen consideradas necesarias no informe municipal emitido para a incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras.

3. Que a execución das obras sexa posterior á data de emisión do citado informe municipal e anterior á data de incorporación da vivenda ao Programa de vivendas baleiras.

4. Que haxa persoas demandantes de vivenda inscritas no correspondente rexistro municipal na data en que se presente a solicitude da subvención.

5. Que as actuacións subvencionables estean executadas e pagadas, mediante transferencia bancaria ou calquera outro documento bancario acreditativo do gasto, na data da presentación da solicitude da axuda.

6. Que as facturas correspondentes ás actuacións subvencionables estean emitidas dentro do ano natural en que se realice a convocatoria.

7. Que a vivenda non obtivese con anterioridade outra subvención do IGVS a través do Programa de vivendas baleiras.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas, segundo se estableza nas resolucións de convocatoria, as persoas físicas, así como as persoas xurídicas privadas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Importes máximos das subvencións

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe desta axuda poida superar a cantidade de 8.000 euros, en ningún caso.

Artigo 6. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o formulario que se incorpore na correspondente resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presentasen as súas solicitudes presencialmente, requiriránse para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No formulario de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria.

Artigo 7. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

Coa solicitude achegarase a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As persoas xurídicas e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriránse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro, da persoa solicitante ou da súa representante.

b) Número de identificación fiscal da persoa xurídica solicitante.

c) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución da tramitación da solicitude de subvención é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das subvencións.

Artigo 12. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, mediante a correspondente publicación no DOG da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

2. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

3. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de concesión e pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver e notificar a concesión da axuda será de dous (2) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes previsto na correspondente convocatoria. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente resolución de convocatoria.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 14. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 15. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras.

2. Así mesmo, tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Artigo 16. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I da resolución de convocatoria.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Manter a vivenda no Programa de vivendas baleiras durante un período de tres anos, contados desde o día da formalización do primeiro contrato de alugamento.

2. As demais obrigas que derivan desta orde.

Artigo 18. Perda e reintegro da subvención

1. Será causa de perda e reintegro da subvención, ademais das previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o incumprimento das obrigas recollidas no artigo anterior. Así mesmo, poderá ser causa de perda da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. Non será motivo de perda a baixa da vivenda no Programa de vivendas baleiras por causa non imputable á persoa propietaria ou usufrutuaria.

3. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións previstas nesta orde son compatibles coas axudas que se puidesen recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Unha vez concedida a subvención, non se terá dereito a obter outra axuda do IGVS para a mesma vivenda a través do Programa de vivendas baleiras.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideran impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, IGVS, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda