Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 2020 Páx. 1669

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas.

O artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. O artigo 94 da citada lei establece que os programas de rehabilitación poderán dispoñer para a súa execución de medidas específicas de fomento, de axudas ao financiamento, de préstamos subsidiados, de anticipos, de incentivos fiscais e de calquera outro instrumento nos termos que se establezan nas correspondentes normas de desenvolvemento.

Neste marco, o artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación. No artigo 11 deste decreto indícase que, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de vivenda, poderán aprobarse programas de financiamento consistentes na subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

Por outra banda, o 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e á renovación urbana, establecendo diferentes programas e accións orientadas á recuperación do patrimonio construído, entre as cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

En desenvolvemento das disposicións citadas, con data do 23 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas dese programa.

A mellora na xestión xustifica a necesidade de aprobar unhas novas bases reguladoras destas axudas financeiras, incorporando a posibilidade de atribuír a condición de beneficiarias do préstamo cualificado ás comunidades de propietarios/as.

En consecuencia, segundo o disposto nos artigos 4 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B).

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da aplicación desta orde, os termos incluídos neste artigo interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa solicitante: conxunto de persoas que habitan e gozan coa persoa prestameira dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas.

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Concellos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior: son os concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

d) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, e inclúe dúas pagas extras.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Artigo 3. Tipos de axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas

As axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, dirixidos a financiar a execución destas actuacións e concedidos polas entidades de crédito que participen no desenvolvemento deste programa.

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado.

Artigo 4. Participación no programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas

1. Poderán participar no desenvolvemento do programa de préstamos cualificados as entidades financeiras que asinen o convenio que se incorpora como anexo I desta orde.

2. Os préstamos cualificados e a correspondente axuda de subsidiación dos xuros axustaranse ás condicións que se recollen no modelo de convenio.

3. No suposto de que unha entidade financeira só queira participar neste programa para os efectos de concesión de préstamos directos a comunidades de propietarios, soamente se incluirán no citado convenio as cláusulas relativas a esta modalidade, o que se fará constar expresamente no convenio que se asine.

Artigo 5. Características dos préstamos cualificados

1. Os préstamos cualificados para a rehabilitación terán as seguintes características:

a) Os préstamos deberán ser garantidos con hipoteca ou coas garantías persoais exixidas ás persoas ou ás entidades prestameiras polas entidades financeiras.

b) A contía do crédito non poderá exceder o menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou trinta mil euros (30.000 €), no caso de préstamo con garantía persoal, ou sesenta mil euros (60.000 €), no caso de préstamo con garantía hipotecaria.

No caso de préstamos solicitados polas persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por unha comunidade de propietarios/as, a contía dos préstamos calcularase en función da porcentaxe de participación de cada vivenda no orzamento protexible das obras, cos límites sinalados no parágrafo anterior.

No caso de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as, a contía total do préstamo non poderá exceder o menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou dez mil euros (10.000 €) por vivenda integrante da citada comunidade de propietarios/as.

c) O prazo de amortización poderá establecerse entre seis meses e quince anos, cun período de carencia inicial de ata dous anos como máximo. Non obstante o anterior, para o caso de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as, o prazo de amortización será de ata dez anos.

d) Coa formalización do préstamo poderase dispoñer do crédito ata un máximo do 50 % da súa contía. Non obstante, esta porcentaxe será ata un máximo do 30 % da súa contía para o caso de préstamos formalizados directamente polas comunidades de propietarios/as. O resto disporase ao ritmo de execución das obras, mediante a presentación ante a entidade financeira das correspondentes certificacións de obras ou facturas.

e) A formalización dos préstamos non comportará comisións.

2. A concesión dos préstamos estará suxeita á avaliación dos riscos por parte das entidades financeiras, as cales poderán denegar a súa formalización en función do resultado da dita avaliación. Esta denegación non dará dereito a ningún tipo de indemnización a favor da persoa solicitante.

Artigo 6. Axudas económicas directas

1. As axudas económicas directas consistirán na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

2. A porcentaxe da subsidiación dos xuros do préstamo e a súa duración dependerá do nivel de ingresos da unidade de convivencia da persoa prestameira, de acordo co establecido no seguinte cadro:

IPREM

Subsidiación máxima

Duración máxima

Menor ou igual a 4

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

3. O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto subsidiación será de trinta mil euros (30.000 €) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 €) para os de garantía hipotecaria.

4. No suposto de préstamos solicitados por persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, as subsidiacións dos préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras e dos ingresos da unidade de convivencia, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos nesta orde. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subsidiación total que lle corresponderá a cada vivenda non poderá exceder as porcentaxes máximas establecidas no punto 2.

5. A contía anual da subsidiación será descontada previamente pola entidade financeira das cotas que correspondan en concepto de amortización de capital e, de ser o caso, de xuros, na parte rateada que corresponda a cada vencemento.

6. Os préstamos formalizados directamente polas comunidades de propietarios/as non serán obxecto desta axuda de subsidiación.

Artigo 7. Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II desta orde.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estean rematados, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos e ornamentais, así como a instalación ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria asinada por un técnico/a competente, que será o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra, e deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude da axuda.

5. As actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguirán os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Artigo 8. Orzamento protexible

O orzamento protexible comprenderá o custo total das obras de rehabilitación, os honorarios dos profesionais que interveñan no proxecto da obra e/ou na súa execución e na elaboración dos informes técnicos necesarios, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, os gastos de taxación, os notariais e os rexistrais.

Artigo 9. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación.

As comunidades de propietarios/as poderán beneficiarse dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios pero non das axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar 6,5 veces o IPREM. Esta limitación non se aplicará aos supostos de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as.

4. Para poder acollerse ás axudas económicas directas, os ingresos da citada unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

5. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 10. Cómputo de ingresos da unidade de convivencia

Os ingresos referiranse á unidade familiar, tal e como resulta definida na regulación do imposto sobre a renda das persoas físicas, e determinaranse do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración presentada por cada persoa da unidade familiar relativa ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da formalización da solicitude de acollerse a este programa de préstamos. De non estar obrigado/a a presentar a declaración, deberá acreditar os seus ingresos por outros medios, como certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, nóminas ou seguros sociais; a modo complementario, poderase engadir unha declaración responsable da persoa solicitante.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor do período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,75.

Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

Non obstante, de ser o caso, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Se a vivenda estivese situada nun concello dos declarados como ámbitos territoriais de prezo máximo superior, aplicarase o tramo seguinte a aquel que lle correspondese.

2. Se algún membro da unidade de convivencia é unha persoa con discapacidade nas condicións establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondería, conforme o previsto nos puntos anteriores.

3. No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos/as e non nacidos/as contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1 deste artigo, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

En todo caso, para os efectos do regulado nesta orde, a muller embarazada terá a condición de colectivo de atención preferente.

4. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto nos puntos anteriores, sumaranse e o resultado deberá ser inferior ao límite máximo previsto nas bases reguladoras de cada programa, que en ningún caso poderán superar 6,5 veces o IPREM.

Artigo 11. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpore á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto, que estará dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten a súa solicitude presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentar, en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Artigo 12. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento e forma de presentación

1. Coa solicitude deberá achegarse a documentación complementaria que se especifique na correspondente resolución de convocatoria.

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. As persoas e as comunidades de propietarios/as interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre o recoñecemento de concesión do préstamo cualificado e, de ser o caso, o outorgamento da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

Artigo 14. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas directas de subsidiación de xuros, que se iniciará mediante resolución de convocatoria da persoa titular da Presidencia do IGVS, será en réxime de concorrencia non competitiva.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos e/ou non fose acompañada da documentación relacionada na correspondente resolución de convocatoria, requirirase a persoa ou a entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez examinada a documentación, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS remitirá unha proposta de recoñecemento do acceso ao financiamento e, de ser o caso, de concesión das axudas económicas directas de subsidiación de xuros á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral de IGVS non implicará en ningún caso a obrigatoriedade para a entidade financeira de conceder o préstamo cualificado. No suposto de que as entidades financeiras, segundo os seus criterios de solvencia, deneguen a concesión do préstamo, perderase o dereito a percibir a axuda á subsidiación de xuros, sen que esta perda implique dereito a percibir indemnización ningunha.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. A resolución estimatoria recoñecerá o dereito da persoa ou entidade interesada a solicitar un préstamo cualificado en calquera entidade financeira que participe no desenvolvemento deste programa e, de ser o caso, concederá unha axuda de subsidiación dos xuros do referido préstamo. Así mesmo, a citada resolución establecerá o tipo de préstamo recoñecido, especificando se se trata dun préstamo persoal ou con garantía hipotecaria, o seu importe máximo e o prazo para a súa formalización, que en todo caso non poderá exceder o 30 de novembro do ano da notificación da citada resolución.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución de acceso ao préstamo cualificado e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación dos xuros será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa ou entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo para a interposición deste recurso será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do financiamento da subvención de subsidiación dos xuros e, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas fóra dos casos permitidos polas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 18. Causas de denegación

1. Será causa de denegación do acceso ao financiamento e, de ser o caso, da axuda de subsidiación dos xuros o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras e nas correspondentes resolucións de convocatoria. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que inclúan actuacións susceptibles de acollerse só parcialmente ao programa de préstamos cualificados.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes de axudas de subsidiación dos xuros que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Artigo 19. Xustificación e pagamento da axuda de subsidiación dos xuros

1. A xustificación da concesión das axudas de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado realizarase coa formalización do contrato de préstamo coa entidade financeira, de conformidade coas estipulacións contidas no convenio de financiamento subscrito para estes efectos entre o IGVS e a dita entidade.

Se non se formaliza o préstamo no prazo establecido na resolución de concesión da axuda ou se formaliza un tipo de préstamo, persoal ou hipotecario, diferente do indicado nela, producirase a perda do dereito ao cobramento da axuda, que se declarará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O pagamento da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado satisfaránllelo ás persoas beneficiarias directamente as entidades financeiras, que posteriormente liquidarán os correspondentes importes ao IGVS, de acordo coas cláusulas contidas nos correspondentes convenios de financiamento.

3. A persoa beneficiaria deberá realizar a xustificación final da subvención mediante a presentación do modelo que figure na correspondente resolución de convocatoria, dirixido á Dirección Técnica de Fomento do IGVS, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de finalización das obras, xunto cos seguintes documentos:

a) Certificado final de obra.

b) Contrato de arrendamento da vivenda na cal se realizaron as actuacións de rehabilitación, no caso de non destinarse aquela a uso propio da persoa propietaria.

Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

Artigo 20. Obrigas das persoas e das comunidades de propietarios/as beneficiarias

As persoas e as comunidades de propietarios/as beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

a) Destinar o importe íntegro do préstamo ao pagamento das correspondentes actuacións.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da concesión do préstamo ou da axuda de subsidiación que poida determinar a perda sobrevida do dereito ás ditas axudas.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Destinar a vivenda en que se realicen as obras de rehabilitación a residencia habitual e permanente da persoa promotora ou, de ser o caso, da/das persoa/s a quen a arrende.

Non obstante, esta obriga só será exixible para quen obteña a axuda de subsidiación e durante o período de duración desta.

Artigo 21. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se as persoas e/ou as comunidades de propietarios/as beneficiarias incumpren calquera dos requisitos establecidos nestas bases ou as condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, anularanse os beneficios concedidos, coa obriga do reintegro da subvención, nos termos legal e regulamentariamente establecidos.

2. Procederá o reintegro da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Ás persoas e/ou as comunidades de propietarios/as beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Compatibilidade

As subvencións concedidas ao abeiro deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación.

Artigo 23. Notificacións

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I da correspondente resolución de convocatoria deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente, no anexo I, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Artigo 25. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, nos propios formularios anexos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá nos devanditos formularios.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida aos procedementos, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición transitoria única. Efectos dos convenios formalizados coas entidades financeiras

Os convenios subscritos entre o IGVS e as entidades financeiras que participan no desenvolvemento deste programa ao abeiro da Orde do 19 de setembro de 2016 manterán os seus efectos.

As entidades financeiras asinantes destes convenios que desexen formalizar préstamos directamente con comunidades de propietarios/as deberán asinar a correspondente addenda ao convenio.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Modelo de convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e..., de financiamento de actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas

Santiago de Compostela, ... de... de 20...

REUNIDOS:

Dunha parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), con NIF Q6550004C e domicilio en Santiago de Compostela (A Coruña), polígono das Fontiñas, Área Central, s/n, representado por Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nomeada polo Decreto 94/2018, do 26 de setembro (Diario Oficial de Galicia núm. 185, do 27 de setembro), en virtude das atribucións que lle confire a súa calidade de presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), segundo o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS (DOG núm. 147, do 5 de agosto).

Doutra parte, D./Dona ................................................................................................., en calidade de ..........................................................................................................................., en virtude de ....................................., e actuando ao abeiro de ...........................................

As partes recoñécense con capacidade legal necesaria para o outorgamento deste convenio de colaboración e, para o efecto,

EXPOÑEN:

Primeiro. A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no seu artigo 91 establece que o IGVS desenvolverá políticas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético e mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. O propio artigo 94 da citada lei establece que os programas de rehabilitación poderán dispoñer para a súa execución de medidas específicas de fomento, de axudas ao financiamento, de préstamos subsidiados, de anticipos, de incentivos fiscais e de calquera outro instrumento nos termos que se establezan nas correspondentes normas de desenvolvemento.

Segundo. O artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia establece que o IGVS poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación. No seu artigo 11 indícase que, mediante orde da persoa titular da consellería, poderán aprobarse programas de financiamento consistentes en subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

Terceiro. O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta aprobou o Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e á renovación urbana, establecendo diferentes programas e accións orientados á recuperación do patrimonio construído, entre as cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

Cuarto. Pola súa parte, a Orde do 20 de decembro de 2019, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, establece as bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación en edificios e vivendas (código de procedemento VI406B).

O artigo 4.1 da devandita orde establece que poderán participar neste programa todas as entidades de crédito que soliciten a sinatura do convenio que se incorpora como anexo I.

O artigo 4.3 da orde establece que no suposto de que unha entidade financeira só queira participar neste programa para os efectos de concesión de préstamos directos a comunidades de propietarios, soamente se incluirán no convenio que se asine as cláusulas relativas a esta modalidade.

Quinto. A entidade de crédito solicitou, con data ..., a sinatura do convenio.

Atendendo a canto quedou exposto, as partes subscriben o presente convenio de colaboración, que se rexerá de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto regular as pautas de colaboración e os compromisos mutuos das partes, para garantir a execución do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e da Orde do 20 de decembro de 2019, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que establece as bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación en edificios e vivendas.

Segunda. Actuacións que se desenvolverán

Para os efectos de garantir o cumprimento do obxecto do presente convenio de colaboración, realizaranse as actuacións seguintes:

a) O acceso ao financiamento, logo de resolución por parte do IGVS.

b) A formalización pola entidade financeira dos préstamos convidos, nas condicións que se especifican nas cláusulas deste convenio.

c) A comunicación ao IGVS dos préstamos formalizados.

d) O desconto da contía subsidiada das cotas dos préstamos.

e) O aboamento ás persoas beneficiarias, por parte do IGVS, das contías subsidiadas pola entidade financeira.

Estas actuacións rexeranse polo disposto na Orde do 20 de decembro de 2019, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceira. Obrigas do IGVS

Para o cumprimento do obxecto do presente convenio de colaboración, o IGVS asume as seguintes obrigas:

a) Emitir as correspondentes resolucións de acceso ao financiamento e de concesión das axudas de subsidiación destes préstamos.

b) Reintegrar á entidade de crédito as contías das axudas de subsidiacións de xuros de préstamos cualificados descontadas por ela ás persoas beneficiarias das ditas axudas.

Este pagamento dos importes subsidiados efectuarase de conformidade co establecido na cláusula sexta.

Cuarta. Obrigas da entidade de crédito

Para os efectos de garantir o cumprimento do obxecto do presente convenio de colaboración, a entidade financeira asume as seguintes obrigas:

a) Conceder e formalizar os préstamos convidos ao tipo de xuro establecido neste convenio, logo de resolución do acceso ao financiamento ditado polo IGVS, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos que habilitan o acceso aos devanditos préstamos.

b) Descontar das cotas de amortización de capital e xuros as subsidiacións que, de ser o caso, correspondan ás persoas prestameiras que veñan determinadas nas resolucións correspondentes do IGVS.

4.1. Subsidiación dos xuros.

A porcentaxe da subsidiación dos xuros devindicados dos préstamos virá determinada na resolución de concesión da axuda emitida polo IGVS e dependerá do nivel de ingresos da unidade de convivencia da persoa prestameira, de acordo co establecido no seguinte cadro:

IPREM

Subsidiación máxima

Duración máxima

Menor ou igual a 4

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto de subsidiación será de trinta mil euros (30.000 €) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 €) para os de garantía hipotecaria.

No suposto de préstamos solicitados por persoas físicas para financiar a súa participación en actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, as subsidiacións dos préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras e dos ingresos da unidade de convivencia, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos nas bases reguladoras. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subsidiación total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as porcentaxes máximas establecidas no cadro anterior.

A subsidiación do préstamo cualificado será efectiva a partir da data da súa escritura de formalización e non poderá exceder os corenta e oito meses.

4.2. Características dos préstamos.

Os préstamos convidos terán as seguintes características mínimas:

• Contía do crédito: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 30.000 € (préstamo persoal) ou 60.000 € (préstamo hipotecario).

No caso de préstamos solicitados directamente polas comunidades de propietarios/as, a contía total do préstamo non poderá exceder o menor dos seguintes importes: a totalidade do orzamento protexible ou dez mil euros (10.000 €) por vivenda integrante da citada comunidade de propietarios/as.

• Prazo de amortización: entre 6 meses e 15 anos.

• Garantías: garantía hipotecaria ou garantía persoal.

• Período de carencia: poderá establecerse un período de carencia inicial do capital ata dous anos.

• No suposto de préstamos solicitados por persoas físicas para financiar a súa participación nas actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, os préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

• Sen comisións.

O importe máximo que se solicitará incluirá, ademais do custo da obra de rehabilitación que se vaia realizar, os seguintes custos, sempre que estean debidamente xustificados:

• Honorarios dos profesionais que interveñan no proxecto da obra e/ou na súa execución.

• Informes técnicos necesarios.

En consecuencia, no momento da solicitude será necesario entregar á entidade un orzamento total da obra de rehabilitación.

No momento da formalización do préstamo, poderase dispoñer de ata un máximo do 50 % da súa contía. O resto disporase ao ritmo de execución das obras e realizarase mediante a presentación ante a entidade de crédito das correspondentes certificacións de obras ou facturas. No caso de préstamos formalizados directamente polas comunidades de propietarios/as, poderase dispoñer do crédito ata un máximo do 30 % da súa contía.

A concesión dos préstamos estará suxeita á avaliación de riscos correspondentes por parte da entidade.

1. Préstamos con garantía persoal:

• Importe máximo: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 30.000 €.

• Tipo de xuro fixo: 5,25 %.

• Tipo de xuro variable:

– Inicial (12 meses): 5,25 %.

– Resto: euribor a 1 ano + 4 %.

• Sen comisións.

• Prazo: de 6 a 96 meses.

• Prazo de carencia de capital: dous anos. Durante este período non se pagaría capital.

• Prazo base: 4 anos. Neste suposto subsidiaríanse todos os xuros para persoas con ingresos inferiores a 4 veces o IPREM.

• Prazo máximo 8 anos. Neste suposto subsidiaríanse 4 anos como máximo para persoas con ingresos inferiores a 4 veces o IPREM.

2. Préstamo con garantía hipotecaria:

• Importe máximo: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 60.000 €.

• Tipo de xuro fixo: 1,90 %.

• Tipo de xuro variable:

– Inicial (24 meses): 1,75 %.

– Resto: euribor a 1 ano + 1,25 %.

• Sen comisións (agás por subrogación externa, que será do 0,50 %; mínimo 300 €).

• Prazo máximo: 15 anos. Neste suposto subsidiaríanse 4 anos como máximo para persoas con ingresos inferiores a 4 veces o IPREM.

• Prazo de carencia de capital: dous anos. Durante este período non se pagaría capital.

3. Préstamos concedidos a comunidades de propietarios/as:

• Tipo de préstamo: con garantía persoal.

• Importe máximo: o menor dos seguintes importes:

– Custo total da obra, co límite do orzamento protexible.

– 10.000 € por vivenda integrante da comunidade de propietarios/as.

• Tipo de xuro fixo: 5 %.

• Tipo de xuro variable: euribor + 4 %.

• Sen comisións.

• Prazo máximo: 10 anos.

• Prazo de carencia de capital: dous anos.

Quinta. Condicións operativas nas concesións e formalizacións de préstamos e nos aboamentos de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado

5.1. Notificacións ao IGVS.

Con carácter previo á formalización do préstamo e do aboamento desta axuda, será necesario que a persoa solicitante obteña a correspondente resolución do IGVS de recoñecemento do dereito á formalización do préstamo e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

A entidade de crédito notificará por vía telemática ao IGVS, dentro dos vinte días hábiles seguintes á súa formalización, os préstamos concedidos con ou sen subsidiación.

A notificación da formalización do préstamo expresará o seu importe, se o tipo de xuro efectivo aplicado é fixo ou variable e a contía do devandito tipo efectivo.

Así mesmo, a entidade de crédito notificará ao IGVS, en igual forma e prazo, os restantes movementos dos préstamos convidos.

A entidade de crédito comprométese a remitir ao IGVS, no prazo máximo dun mes desde a data en que lle sexan solicitadas, copia auténtica das escrituras de préstamo, así como calquera outra documentación e datos referentes aos devanditos préstamos.

5.2. Aboamento da axuda de subsidiación de xuros.

A contía da subsidiación dos xuros satisfarállela ás persoas destinatarias a entidade de crédito concedente do préstamo convido na emisión de cada un dos recibos de pagamento das obrigas derivadas do préstamo. Esta axuda materializarase mediante a redución do importe das sucesivas cotas do préstamo na contía e duración recoñecidas polo IGVS.

A entidade de crédito comprométese a diferenciar expresamente nos recibos xustificativos do pagamento das cotas, de amortización e xuros, ou só de xuros, segundo corresponda:

– As cantidades que se deducen do pagamento das cotas en concepto da subsidiación a cargo do IGVS, e que a entidade de crédito lle adianta á persoa prestameira, como parte da colaboración co IGVS, que será expresamente mencionado como concedente da axuda.

– Aqueloutras cantidades que, en consecuencia, deba aboar a persoa prestameira.

5.3. Resolución do préstamo.

Nos casos de resolución do contrato de préstamo, a entidade de crédito interromperá a liquidación da subsidiación, sen prexuízo de renovala se se producir, de ser o caso, a rehabilitación do préstamo.

A entidade de crédito comprométese a notificar ao IGVS a resolución do contrato de préstamo, a súa causa e, de ser o caso, a rehabilitación do préstamo, no prazo máximo dun mes a partir da data de resolución ou, de ser o caso, da rehabilitación.

Sexta. Condicións operativas na liquidación e reintegro á entidade de crédito de subsidiacións dos xuros do préstamo cualificado

6.1. Información documental das liquidacións.

O IGVS aboará á entidade de crédito, coa periodicidade que se acorde na comisión de seguimento deste convenio, a contía correspondente ás liquidacións das axudas de subsidiación dos préstamos convidos descontada ás persoas beneficiarias.

A entidade de crédito remitirá ao IGVS a liquidación das axudas de subsidiación referida a períodos vencidos, achegando a certificación de importes facturados.

6.2. Comprobación e aboamento das liquidacións.

Comprobadas as liquidacións das axudas de subsidiación e sempre que a remisión de datos por parte da entidade de crédito se axuste ao disposto neste convenio, o IGVS expedirá os mandamentos de pagamento correspondentes ao importe das citadas liquidacións, conforme as normas xerais vixentes en materia de pagamentos.

6.3. Revisión das liquidacións.

Sen prexuízo do establecido na cláusula anterior, o IGVS poderá levar a cabo unha revisión ulterior das liquidacións e exixir, de ser o caso, as rectificacións pertinentes, e o prazo legal de pagamento delas quedará condicionado á súa corrección.

A entidade de crédito estará obrigada a devolver ao IGVS as cantidades liquidadas indebidamente.

Sétima. Subministración de información

A entidade de crédito comprométese a facilitar ao IGVS a información que lle sexa requirida, para os efectos de control e seguimento do desenvolvemento dos programas de financiamento.

Así mesmo, a entidade de crédito comprométese a facilitar a información certificada necesaria para o reintegro das axudas aboadas.

A entidade de crédito comprométese a informar con urxencia a toda a súa rede de oficinas acerca da sinatura do presente convenio, así como do seu contido e termos.

Oitava. Comisión de seguimento do convenio

Para o seguimento e control do cumprimento do presente convenio, así como para a resolución das dúbidas sobre a súa interpretación e o seu funcionamento, constituirase unha comisión de seguimento integrada por un representante de cada unha das partes asinantes.

Novena. Modificación e resolución

O presente convenio poderá ser modificado de mutuo acordo entre as partes.

Serán causas de resolución do convenio as seguintes:

a) O mutuo acordo das partes.

b) O incumprimento grave ou reiterado dalgunha das súas cláusulas.

No suposto de resolución do convenio, os préstamos manterán o seu carácter de convidos nas condicións establecidas neste convenio.

Décima. Duración

O presente convenio de colaboración producirá efectos desde o día da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2025 e poderase prorrogar mediante acordo expreso de ambas as partes, sempre que a súa prórroga se adopte cun mes de antelación á finalización do seu prazo de duración.

Décimo primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

De conformidade co establecido no artigo 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información e bo goberno, e no artigo 29 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os asinantes manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan no presente convenio e as demais especificacións contidas nel poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

As partes comprométense a tratar os datos persoais que se poñan no seu coñecemento unicamente coa finalidade e alcance de executar o establecido no presente convenio, respectando os requisitos establecidos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na súa normativa de desenvolvemento.

Décimo segunda. Réxime xurídico aplicable

Ao presente convenio non lle será de aplicación a lexislación de contratos do sector público, conforme o disposto no artigo 4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación supletoria dos principios da citada lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se poidan presentar.

Dada a natureza xurídico-pública do presente convenio, as controversias que poidan xurdir na aplicación do convenio serán resoltas pola xurisdición contencioso-administrativa.

E, en proba de conformidade e para a debida constancia de canto queda convido, as partes asinan por duplicado o presente documento no lugar e na data indicados ao principio.

ANEXO II

Actuacións protexibles

Tipo de obra

Obras en elementos comúns dos edificios (tamén aplicable a vivendas unifamiliares)

Obras en vivendas

Obras de adecuación estrutural e construtiva, de adecuación das condicións de habitabilidade do edificio ou da vivenda e de mellora de eficiencia enerxética.

Actuacións de reforzo, consolidación reparación ou substitución dos elementos estruturais do edificio ou vivenda para garantir a súa estabilidade e seguridade.

Rehabilitación de fachadas.

Remate de fachadas

Substitución ou reparación de carpintarías exteriores e colocación de dobre carpintaría.

Cubertas con todos os seus elementos.

Reforma e instalación de ascensores que se adapten ás posibilidades do edificio e que non creen un itinerario practicable global desde a vía pública.

Instalación de fontanaría, gas, electricidade, protección contra incendios, ventilación, instalacións térmicas do edificio, instalacións comúns de telecomunicacións e alarmas, (adaptación á normativa).

Redes de saneamento e evacuación de augas.

Illamento térmico e acústico para adaptar o elemento rehabilitado aos parámetros que exixe a normativa.

Novas instalacións de calefacción ou reformas que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética.

Actuacións que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Novas instalacións de calefacción ou reformas e colocación de dobre ventá, que supoñan unha mellora da eficiencia enerxética.

Instalacións de electricidade para a adaptación á normativa.

Conversión de locais en vivendas.

Illamento térmico e acústico para adaptar o elemento rehabilitado aos parámetros que exixe a normativa.

Obras de adecuación dos edificios ou das vivendas e os seus accesos á normativa vixente sobre accesibilidade.

Relacionadas coa supresión de barreiras arquitectónicas.

Instalación de ascensores que supriman todas as barreiras arquitectónicas, creando un itinerario practicable global desde a vía pública.

Reformas dos accesos desde a vía pública para suprimir barreiras arquitectónicas.

Reformas interiores para suprimir barreiras arquitectónicas para persoas con problemas de mobilidade.

Reformas de baños para suprimir barreiras (substitución de bañeiras, incorporación de maquinaria, etc).

Obras de adecuación do acabamento xeral do edificio e das vivendas aos principios da boa construción.

Arranxos de portal, escaleiras e resto das zonas comúns do edificio.

Reformas de instalacións de electricidade, calefacción, fontanaría, instalacións térmicas do edificio, de saneamento e evacuación de augas, de gas e instalacións comúns de telecomunicacións.

Actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións para adecualas aos criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Reformas interiores de vivendas de albanelaría, escaiola, carpintaría interior, fontanaría, saneamento, reformas de instalacións de electricidade e calefacción, instalacións de gas, instalacións audiovisuais e actuacións de reparación ou substitución dos revestimentos de acabamento dos paramentos verticais e horizontais da vivenda, incluída a pintura.

Substitución ou colocación dos aparatos sanitarios da vivenda, sempre e cando vaian acompañados da reforma de fontanaría e/ou electricidade.

Remodelación da distribución interior da vivenda para adecuala ás necesidades dos seus usuarios

Substitución ou reparación das carpintarías.