Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 2020 Páx. 1754

III. Outras disposicións

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2019 pola que se ordena a publicación do anexo ao Convenio de adhesión entre o Concello de Ares e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

O día 11 de decembro de 2019 a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o Concello de Ares asinaron o anexo ao Convenio de adhesión polo que se amplían as competencias delegadas na Axencia.

De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2019

José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Anexo ao Convenio de adhesión entre o Concello de Ares
e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2019.

O Concello de Ares delegou as súas competencias na APLU, mediante Convenio de adhesión do 30 de xaneiro de 2009, publicado no DOG o día 18 de marzo de 2009.

Porén, os recentes cambios normativos acaecidos, especialmente a nova Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, instauraron en Galicia o réxime de comunicacións previas e licenzas como títulos habilitantes, fronte á tradicional intervención administrativa exclusivamente mediante a licenza como control previo de calquera actuación con contido urbanístico.

Ante esta nova regulación, proponse unha modificación dos convenios orixinarios co obxectivo de prestar un maior e mellor servizo aos concellos que veñen demandando a asunción por parte da APLU da disciplina urbanística en relación coas obras e usos suxeitos a comunicación previa e a resolución dos recursos administrativos por parte desta axencia.

Así mesmo, o presente anexo ao convenio inclúe un novo réxime de financiamento, modificándose a transferencia prevista inicialmente.

Segundo o Acordo plenario do 25 de marzo de 2019 e a Resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 11 de decembro de 2019, acordouse modificar o Convenio de adhesión segundo o reflectido no presente anexo.

ANEXO I

Primeiro. Modifícase o parágrafo terceiro da estipulación segunda «Delegación de competencias», quedando redactada nos seguintes termos:

«3. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos ditados pola Axencia, en exercicio de competencias delegadas, corresponderalle igualmente á Axencia, despois do informe previo do Concello, que deberá emitirse no prazo máximo dun mes. Transcorrido o cal, continuarase coa tramitación do recurso».

Segundo. Modifícase a estipulación terceira «Réxime económico», segundo o seguinte:

1. A letra a) do parágrafo primeiro, queda redactada do seguinte xeito:

«a) A Axencia transferirá ao Concello o 10 % do produto das multas coercitivas e sancións, e como máximo trinta mil euros anuais, efectivamente recadadas pola Axencia no termo municipal de Ares»;

2. Suprímese a letra b) do parágrafo primeiro, ao quedar o suposto da transferencia por sancións integrada na letra a).

3. Modifícase o segundo parágrafo quedando redactado do seguinte xeito:

«2. O importe das multas coercitivas e das sancións impostas pola Axencia en exercicio de competencias delegadas polo Concello serán ingresadas polos suxeitos obrigados directamente na conta xeral da Axencia. No suposto de que non sexan aboadas en período voluntario, a Axencia solicitará da Consellería de Facenda o seu cobramento pola vía de constrinximento.

Ao finalizar cada exercicio anual, a Axencia transferirá ao Concello unha cantidade equivalente ao 10 % dos ingresos percibidos, e como máximo trinta mil euros anuais, polas multas coercitivas e sancións recadadas no seu termo municipal.

Este modelo de financiamento será de aplicación as multas coercitivas e sancións impostas a partir da entrada en vigor da presente modificación, sen afectar as multas e sancións impostas en períodos anteriores, aínda que se recaden unha vez entre en vigor a presente modificación».

Terceira. No tocante á estipulación carta «Obrigacións asumidas polo Concello», modifícanse as obrigas recollidas na letra c) e f), nos seguintes termos:

«c) Cando o Concello adherido remita denuncias por obras e usos do solo sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións, deberá achegar un informe técnico con contido suficiente para a incoación dos expedientes administrativos que procedan. En todo caso, e como mínimo, deberán identificarse as persoas responsables da actuación inspeccionada, as obras obxecto do expediente, así como os incumprimentos da normativa urbanística.

f) Emitir informe previo á resolución dos recursos interpostos contra actos ditados pola Axencia en exercicio de competencias delegadas, no prazo máximo dun mes. Transcorrido o cal, continuarase coa tramitación do recurso».

Cuarto. Engádese a cláusula oitava no relativo á protección de datos, co seguinte teor literal:

«Oitava. Protección de datos de carácter persoal

As partes asinantes obríganse ao cumprimento do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa vixente de aplicación en cada momento en materia de protección de datos.

A sinatura do presente convenio suporá o consentimento expreso das partes asinantes para incluír e facer públicos os datos persoais que consten no convenio, e mais o resto de especificacións contidas nel, de conformidade co artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno (DOG núm. 30, do 15 de febreiro) e o Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o rexistro de convenios da Xunta de Galicia (DOG núm. 149, do 3 de agosto)».

Quinto. Prazo de vixencia do anexo

Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o seu prazo de vixencia será indefinido.

E para que así conste, asinan o presente anexo, por triplicado exemplar, no lugar e data arriba indicados.