Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2020 Páx. 2281

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño para iniciar a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS403G).

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, establece no artigo 1.3.d) que a protección da maternidade é unha necesidade social e que todas as cargas e coidados que supón a gravidez, o parto, a crianza, a socialización das fillas e fillos deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituír discriminación gravosa para as mulleres.

Neste sentido, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións e establece no 28 que a Administración pública galega adoptará medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas recóllese igualmente no Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021 e é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a darlle continuidade ás casas niño autorizadas para iniciar a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017 en núcleos rurais de Galicia que por mor da súa escaseza de poboación carecían de recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, coa finalidade de seguir atendendo as necesidades de conciliación das familias con independencia do seu lugar de residencia e, ao mesmo tempo, seguir favorecendo o acceso ao mercado laboral e a permanencia no territorio das mulleres como factor clave para a fixación de poboación en estes territorios afectados polo declive demográfico.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2019.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin a que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño autorizadas pola Consellería de Política Social para iniciar a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020, coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia en que están establecidas (código de procedemento BS403G).

Artigo 2. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 638.000 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.470.0

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as persoas físicas titulares das casas niño recollidas no artigo 1 que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia.

2. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obteren a condición de beneficiarias.

Artigo 4. Natureza e contía da axuda

A axuda consistirá nunha prima de 22.000 €/ano para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos nas condicións seguintes:

1. A casa niño ofrecerá unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

2. A atención prestarase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos e un mes cada doce, en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

3. Salvo as excepcións contidas no número anterior, a casa niño debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este o quentado de alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso, serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene tales como cueiros, toalliñas ou cremas.

5. As familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolva o proxecto piloto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

6. Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas e para os efectos desta orde as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo suporán dúas prazas, non podendo, en ningún caso, haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, terán prioridade, se as houber, as solicitudes de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo coas puntuacións establecidas no anexo V.

Artigo 5. Requisitos

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa solicitante teña a súa residencia no concello onde está situada a casa niño.

b) Acreditar unha revisión médica anual.

c) Atender un número mínimo de 2 nenos/as.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1 . A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne ningún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 8. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, no modelo normalizado que figura no anexo I, a seguinte documentación necesaria para a tramitación do procedemento:

a) Certificado médico oficial acreditativo do estado de saúde.

b) Programa de actuación da Casa niño onde consten as actividades que se desenvolverán cos nenos e nenas e as prestacións ás familias para a anualidade 2020 (máximo dez páxinas).

c) Xustificante de ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

d) Proposta pedagóxica básica que, en todo caso, deberá abordar os seguintes contidos: período de adaptación, alimentación, a hixiene, o descanso, hábitos de autonomía persoal e a programación xeral dunha xornada.

e) Plan de actuación cos nenos/as ante unha emerxencia.

f) Anexo II relativo á comprobación de datos da persoa que se encargará de substituir a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

Os documentos recollidos nas letras d) e e) só serán achegados no suposto de que sufrisen variación respecto dos que obran en poder da Consellería de Política Social.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A Consellería de Política Social reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de forma electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa reguladora da protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de extranxeiro (NIE) da persoa solicitante e da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

c) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais da persoa solicitante.

d) Situación de alta na Seguridade Social da persoa solicitante.

e) Situación de alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante.

f) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración tributaria (AEAT) da persoa solicitante.

g) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante.

i) Titulacións oficiais universitarias da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

j) Titulacións oficiais non universitarias da persoa que se encargará de substituír a titular da casa niño nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As axudas tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor formularalle ao órgano concedente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

2. Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Polo tanto, de recibir a persoa física ou xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 11. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte da súa notificación, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

No caso de interpor o recurso de reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 13. Modificación da resolución

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias.

1. As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

b) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto das exixencias de acondicionamento do inmoble previstas para a posta en marcha e mais da atención prestada na casa niño subvencionada.

c) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na casa niño de acordo co baremo e puntuación establecido no anexo V no suposto de que a demanda de prazas sexa superior á oferta.

d) Solicitar copia da cartilla de vacinación infantil do neno ou nena para a formalización da matrícula.

e) Prestar atención personalizada aos nenos e nenas nas condicións previstas no artigo 4.

f) Manter a situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios da casa niño e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

i) Dar adecuada publicidade ao número de solicitudes de praza recibidas e, de ser o caso, do baremo aplicado para a súa selección, a través do taboleiro de anuncios da casa niño e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 15. Xustificación da axuda

1. Con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias deberán achegar, con data límite do 5 de decembro de 2020, sempre que non se opoña ao que se estableza na Orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de pechamento do exercicio, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo III).

b) Rexistros mensuais de asistencia, anexo IV, asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e mais polos/as pais/nais, titores/as ou gardadores/as legais dos nenos e nenas que acoden á casa niño.

c) Memoria de actuación asinada pola persoa responsable da casa niño onde consten as actividades realizadas cos nenos e nenas e todas as prestacións realizadas ás familias.

d) Acreditación documental, material e/ou gráfica, a través de fotografías, fotocopias ou capturas de pantallas, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

Artigo 16. Pagamento

As persoas beneficiarias das axudas percibirán ata o 90 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 10 % restante librarase unha vez xustificada a realización da actividade para a que se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde.

Artigo 17. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 14, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas previstas no artigo 14, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Valoración da situación económica

1. Nos supostos de que, conforme o previsto no artigo 4.6 haxa que aplicar o baremo que se recolle no anexo V, na valoración da situación económica seguiranse as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras, se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar, familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no momento de presentación da solicitude de praza.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros do ano 2018, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

No suposto de unidades familiares en que ningún dos seus membros ten obrigación de facer declaración conforme o previsto na normativa do IRPF, os ingresos serán os que consten no/s certificado/s expedidos pola Axencia Estatal de Administración Tributaria acreditativo/s de tal aspecto.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de unidades familiares formadas por unha soa persoa proxenitora (familias monoparentais) incrementarase o número real de membros que a compoñen nun 0,8 sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe resultante por doce.

2. Cando as circunstancias á data da devindicación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.

Artigo 19. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde e no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional segunda. Cambio de localización da casa niño

No suposto de que se produza un cambio de localización da casa niño poderase manter a condición de beneficiaria das axudas reguladas nesta orde sempre que o novo emprazamento estea no mesmo concello e nun núcleo rural en que non exista ningunha outra casa niño ou outro recurso de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade e que se presente informe dos servizos técnicos municipais conforme o novo inmoble proposto estea dotado cos seguintes recursos:

1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.

2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.

3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, se é o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.

5º. Elementos de protección: enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.

6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos que incluirá como mínimo: cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcado CE.

En todo caso, o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.

As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar ademais en planta baixa.

Estes aspectos serán comprobados polos servizos de inspección da Consellería de Política Social con carácter previo ao inicio da actividade no novo inmoble.

Disposición adicional terceira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2020.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Baremo admisión casa niño

Nos supostos previstos no artigo 4.6, as prazas adxudicaranse segundo o que resulte da aplicación do seguinte baremo:

Situación familiar:

Condición de familia monoparental: 3 puntos.

Condición de familia numerosa: 3 puntos.

Situación laboral ou académica*:

2.1. Situación laboral ou de realización de estudos que impliquen dedicación preferente debidamente xustificada:

Nai: 7 puntos.

Pai: 7 puntos.

2.2. Persoas desenvolvendo e percibindo o tramo de inserción (Risga):

Nai: 3 puntos.

Pai: 3 puntos.

2.3. Situación de busca activa de emprego:

Nai: 2 puntos.

Pai: 2 puntos.

A situación de busca activa de emprego acreditarase coa certificación de demanda de emprego.

*No caso de familias monoparentais adxudicáraselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

Puntualizacións sobre o concepto de situación laboral:

1. Non se considerará o traballo realizado sen a alta na Seguridade Social ou, se é o caso, no imposto de actividades económicas.

2. Para os efectos de baremación, computarase como traballo a xornada completa ou parcial a situación recoñecida de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez.

3. Na valoración dos estudos enténdese por estudos os dirixidos á obtención de títulos oficiais como ESO, bacharelato, formación profesional, titulacións universitarias, ou formación para a capacitación profesional entre outras.

Así mesmo, entenderase que existe dedicación preferente cando a persoa interesada presente a matrícula e un certificado de asistencia regular.

Situación económica:

Renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM: +8 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: +7 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: +6 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: +5 puntos.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: +4 puntos.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: +3 puntos.

– Do 150 % ao 200 % do IPREM: +2 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: +1 puntos.