Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2020 Páx. 2315

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que modifican as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e o control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes:

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 209, do 3 de novembro), declarouse a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e establecéronse as zonas demarcadas para esta praga e as medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio da Comunidade Autónoma, as cales foron actualizadas mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 38, do 25 de febreiro), e mediante a Resolución do 2 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).

O día 14 de febreiro de 2017 publícase no DOG número 31 a Resolución do 9 de febreiro do 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as medidas urxentes para a erradicación e control da praga Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia, na cal se establecían medidas de obrigado cumprimento tanto para operadores nos puntos de venda de pataca de semente como para produtores profesionais e de autoconsumo.

Posteriormente, o día 26 de marzo de 2018 publícase no DOG número 60 a Resolución do 23 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca ao concello de Muxía.

Con data do 4 de marzo de 2017 publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo), que establece definicións e medidas que deberán cumprir os produtores e comercializadores nas zonas demarcadas.

O artigo 8.1.a) do Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny) indica que «se prohibirá a plantación de cultivos de pataca durante un período mínimo de dous anos. Transcorrido este prazo, a autoridade competente valorará a situación da praga, en especial se non se conseguiu acadar o obxectivo da erradicación, e poderá prorrogar o período de vixencia desta prohibición».

Por outra banda, a auditoría levada a cabo pola Dirección Xeral de Saúde e Seguranza Alimentaria da Comisión Europea en España entre os días 11 e 21 de setembro de 2018 para avaliar a situación relativa á couza guatemalteca conclúe que foron establecidas medidas de control integral na lexislación nacional e no plan de continxencia co obxectivo de erradicar esta praga. A auditoría atopou que as medidas foron aplicadas inmediatamente despois de calquera achado da praga, o que deu como resultado unha rápida e significativa redución da súa poboación. A aplicación continuada destas medidas deberían levar no tempo á erradicación de Tecia solanivora en España en xeral e en Galicia en particular.

O artigo 15 do Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny) indica que se considerará erradicada a praga nunha zona infestada cando non se detecte a súa presenza nun mínimo de dous anos consecutivos, momento no cal poderán levantarse as restricións ao movemento establecido no artigo 9.

No punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas no Real decreto 197/2017, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (DOG núm. 49, do 10 de marzo), establece a zona tampón como os terreos comprendidos dentro dunha franxa de 5 quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas.

Na mesma resolución establécese que os agricultores das zonas tampón definidas no punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017 deberán seguir comunicando, inmediatamente logo da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo I da Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

Os datos de seguimento dos seguintes concellos mostran que non se detectou a presenza da praga durante polo menos dous anos consecutivos: Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos e As Pontes de García Rodríguez na provincia de A Coruña e Abadín e Ourol na provincia de Lugo.

Na Resolución do 19 de febreiro de 2019 (DOG núm. 46 do 6 de marzo) na exposición de antecedentes indícase que, cando a praga se considere erradicada de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias ditará unha resolución que establecerá o procedemento para levantar a prohibición do cultivo de pataca nunha zona infestada.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Que os seguintes concellos deixan de ser considerados como zonas infestadas por Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e pasan a ser considerados dentro da zona demarcada como zona tampón: Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos e As Pontes de García Rodríguez na provincia de A Coruña e Abadín e Ourol na provincia de Lugo.

2. Como consecuencia da modificación da zona infestada quedan excluídos da zona tampón toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia de A Coruña e os concellos de Xermade e Vilalba na provincia de Lugo, que adquiren o status de zona libre.

3. Deste xeito, os concellos infestados na provincia da Coruña son Cariño, Mañón, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e as parroquias de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela (Santa María), no concello de Carballo. Na provincia de Lugo os concellos infestados son Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove.

4. Considérase zona tampón na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Ares, As Somozas, Cabanas, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Moeche e As Pontes de García Rodríguez, unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo, e, ademais, as parroquias de Monteagudo (San Tomé) e a de Sorrizo (San Pedro) no concello de Arteixo, Rebordaos (San Salvador), Vilela (San Miguel) e a parte norte da parroquia de Noicela (Santa María), segundo figura no anexo, no concello de Carballo, e Cabovilaño (San Román), Lemaio (Santa María) e Torás (Santa María), no concello da Laracha. Na provincia de Lugo considérase zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Abadín e Ourol e unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Muras, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.

5. Manter todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 e, en concreto, a expresa prohibición do cultivo de pataca nas zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura
e Industrias Agroalimentarias