Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 2020 Páx. 2486

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2020 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS410A).

BDNS (Identif.): 491459.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2018, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.

Serán igualmente beneficiarias desta prestación as fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017.

2. Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

3. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.

4. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

5. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

6. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2020 (código de procedemento BS410A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2020 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS410A).

Cuarto. Tipo de axuda e contía

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

a) Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

b) Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

c) Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de trinta e cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social