Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2020 Páx. 3014

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN519D).

Os parques empresariais precisan ser abastecidos de enerxía eléctrica a través de redes de distribución ben dimensionadas que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que albergan.

Lamentablemente, esto non ocurre en moitos dos nosos parques, que ou ben por un mal deseño inicial, ou ben por un crecemento maior do previsto, non dispoñen de redes de distribución ca capacidade adecuada que lles permitan crecer e dar servizo de calidade ás novas empresas.

Coa finalidade de reforzar estas infraestruturas, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estima necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas nos parques empresariais galegos.

Polo dito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas ao reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que da servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2020.

De acordo co establecido no protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”, asinado con data 10 de outubro de 2017, a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas por concellos acollidos á dita iniciativa.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para incentivar o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase as devanditas subvencións para o ano 2020.

3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN519D.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020 e 2021, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Anualidade 2020

Anualidade 2021

Total

09.20.732A.760.0

Reforzo de liñas eléctricas en polígonos industriais

1.400.000,00 €

3.000.000,00 €

4.400.000,00 €

2. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

3. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, no seu caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6º das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses.

Artigo 6. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos na Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como Diarios Oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 9. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519D, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://ceei.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 54 55 87 e 981 54 55 72 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (dende o resto do Estado: 902.120.012).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase ao director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas subvencións teñen por obxecto o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os proxectos a subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo dos anos 2020 e 2021.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Son actuacións subvencionables o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que da servizo a un parque empresarial existente ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Son gastos subvencionables os establecidos no pliego de condicións técnicas e no orzamento emitidos pola empresa distribuidora para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que da servizo a un parque empresarial existente ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os ditos gastos deban ser asumidos polos solicitantes, conforme ao establecido no artigo 25.3 do Real Decreto 1048/2013, de 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

3. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados dende o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de xustificación do investimento.

4. Non se valorarán a efectos de investimento, os gastos que se realicen en pago de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda.

5. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

6. Tamén é subvencionable o gasto do cartel informativo ao que se refire o artigo 19.8 da presente orde.

7. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

8. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

9. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 1.000.000,00 euros por solicitude.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores as sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible, neste caso prorratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente Orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexan de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras supere o custo da actividade subvencionable.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ó iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por parque empresarial.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que ostente a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

c) Pliego de condicións técnicas e orzamento dos traballos de reforzo e extensión a realizar, elaborado pola distribuidora, según se establece no artigo 25.3 do Real Decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica.

d) Declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo II).

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

f) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

g) De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia no que se acredite a proposta de habilitación do concello como “Concello Emprendedor-Concello Doing Business” ou diploma no que se acredita como “Concello Emprendedor-Concello Doing Business”, expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Órgano competente

O Servizo de Administración Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, correspondendo ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda ou subsanación poderanse facer mediante publicación no DOG, producindo os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o subdirector xeral de Administración Industrial ou persoa na que delegue.

b) Vogais: Os responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou un funcionario por eles designado.

c) Secretario: O xefe de servizo de Administración Industrial ou un funcionario designado polo director xeral de Enerxía e Minas.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 13. Criterios de valoración

O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

a) ata 500.000 m2 (10 puntos).

b) máis de 500.000 m2 (7 puntos).

2. Nivel de ocupación do parque empresarial:

a) ata 300 empresas (10 puntos).

b) máis de 300 empresas (7 puntos).

3. Poboación do concello no que se atopa o parque empresarial:

a) menos de 10.000 habitantes (6 puntos).

b) entre 10.000 e 20.000 habitantes (4 puntos).

c) máis de 20.000 habitantes (2 puntos).

4. Maior custo subvencionable. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 20 puntos).

5. Concello acollido á iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes: 23 puntos.

Artigo 14. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Resolución e notificación

Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que se derive do disposto no artigo 11.4 e, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución que elevará ao conselleiro.

Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Para as solicitudes desestimadas, indicarase a causa de desestimación. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios e aos non beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

1. Executar a actuación que fundamente a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actuación, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a. da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do interese de demora legalmente establecido desde o momento do pago da subvención, segundo o establecido no artigo 25 da presente Orde.

4. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lle dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

7. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no Título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

8. Colocar un cartel informativo no parque empresarial da actuación subvencionada, conforme ao modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución da actuación.

Artigo 20. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100% das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe estarse ao disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2021 para presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace do/a alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º O cumprimento da finalidade da subvención

2º Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acreedor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá aportar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No obstante, no presente procedemento, admitiranse as facturas orixinais en papel ou copias debidamente compulsadas, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica por parte da Administración para emitir copias auténticas electrónicas.

c) Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo así como os xustificantes obtidos a través de Internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) Acta de posta en marcha das actuacións realizadas na rede de distribución, emitida pola Xefatura Territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria

e) Os tres orzamentos que se esixen en aplicación do artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se os traballos de extensión non son feitos pola empresa distribuidora, senón por unha empresa instaladora habilitada, e o importe de ditos traballos supera as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor.

f) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

g) Informe técnico no que se describa a realización total da actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado por técnico municipal.

h) Fotografía do cartel informativo ao que se refire o artigo 19.8 da presente orde de axudas.

i) Anexo III: Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento da mesma actuación, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

j) Anexo III: Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de Subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a Lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 22. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente da actuación, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63º, 65º e 67º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, no seu caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 50 % do importe da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio presupuestario.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme ao establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O beneficiario deberá achegar coa solicitude de anticipo a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

b) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da administración como polo beneficiario.

Artigo 24. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

1º Non comunicar á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5% da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2º Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19.8 destas bases, suporá a perda dun 5% da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

5. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Control

1. A consellería de Economía, Emprego e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á labor interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lle sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 26. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file