Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2020 Páx. 3044

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN541A).

O emprendemento de novas actividades de carácter industrial é fundamental para o desenvolvemento e a consolidación do tecido empresarial galego. Non obstante, os novos emprendedores encóntranse con moitas dificultades ao inicio da súa actividade, que fan fracasar o proxecto en moitas ocasións.

Os viveiros industriais de empresas, entendidos como espazos físicos para o nacemento de novas empresas de carácter industrial, nos que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado, son un apoio moi importante para os novos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade, e contribúen ao éxito final do proxecto.

Dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estima necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos que fomenten a creación de novas empresas de carácter industrial.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á convocatoria destas axudas para o ano 2020.

De acordo co establecido no protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia”, asinado con data 10 de outubro de 2017, a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas por concellos acollidos á dita iniciativa.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria para incentivar a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócase as devanditas subvencións para o ano 2020.

3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN541A.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe en euros

09.20.732A.760.1

Axudas para a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia

1.000.000,00

2. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

3. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, no seu caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

5. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6º das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia – Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos na Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como Diarios Oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 9. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN541A, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://ceei.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981.957.186 e 981.545.572 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (dende o resto do Estado: 902.120.012).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase ao director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os proxectos a subvencionar ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2020.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento no seu termo municipal.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as actuacións para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais, co fin de crear un viveiro industrial de empresas. Enténdese por viveiro industrial de empresas aos efectos desta orde, un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial, no que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

2. O concello debe ser titular das naves industriais que conforman o viveiro industrial de empresas.

3. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados dende o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de xustificación do investimento.

4. Non se valorarán a efectos de investimento, os gastos que se realicen en pago de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda.

5. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

6. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos que se refire o artigo 20.8 da presente orde.

7. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

8. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

9. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 240.000,00 euros por solicitude.

3. As intensidades de axuda poderán ser inferiores as sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible, neste caso prorratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente Orde serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexan de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras supere o custo da actividade subvencionable.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ó iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por concello.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Documento acreditativo da titularidade do concello sobre as naves xa existentes que van conformar o viveiro industrial de empresas.

c) Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que ostente a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

d) Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

e) Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

f) Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

g) Programa de acollemento de empresas (segundo se detalla no artigo 7)

h) Declaración expresa do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo II).

i) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

j) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

k) De ser o caso, certificado conxunto da Fegamp e da Xunta de Galicia no que se acredite a proposta de habilitación do concello como “Concello Emprendedor – Concello Doing Business” ou diploma no que se acredita como “Concello Emprendedor – Concello Doing Business”, expedidos con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Programa de acollemento de empresas

O programa de acollemento de empresas establece as condicións para o acollemento temporal das empresas no viveiro industrial. Nel deben especificarse polo menos as seguintes circunstancias:

1. Modelo de xestión do viveiro. Os posibles modelos de xestión serán:

a) Xestión directa polo concello. O xestor será o concello, que fará uso para elo dos seus propios medios, e asumirá nas súas contas os resultados da explotación do viveiro.

b) Xestión indirecta polo concello. O concello delegará a xestión nun terceiro mediante a subcontratación dos servizos precisos, pero asumirá nas súas contas os resultados da explotación do viveiro.

c) Xestión por terceiros. O xestor será un terceiro, e adquirirá a súa condición por concurso público ou concesión administrativa, asumindo os resultados da explotación do viveiro.

2. Descrición do viveiro industrial (número e superficie das naves para a implantación de novas empresas, número e superficie das naves adicadas a servizos comúns)

3. Relación dos servizos comúns que se prestan. Nesta relación ten que figurar a lo menos o asesoramento empresarial

4. Normas de uso dos espazos cedidos a cada empresa e dos espazos comúns

5. Cotas a pagar polas empresas acollidas

6. Duración do acollemento: as empresas poderán estar acollidas no viveiro industrial por un período máximo de 12 meses, prorrogable por outros 12 máis previo acordo por escrito do xestor do viveiro e da empresa

7. Descrición dos requisitos para ser acollido no viveiro:

a) Poderán acollerse no viveiro empresas aínda non constituídas pero que prevean facelo no prazo máximo de tres meses dende a resolución de acollemento no viveiro, ou empresas constituídas fai menos de 6 meses dende a data de solicitude de acollemento.

b) As empresas deberán ter domicilio social e fiscal no concello titular do viveiro

c) As empresas deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial. Se entenderá por actividade empresarial de carácter industrial, a totalidade do ámbito de aplicación do Decreto 37/2015, do 12 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia (artigo 3).

d) As empresas deberán presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica e técnica

8. Procedemento de selección de empresas para ser acollidas no viveiro industrial:

a) O procedemento de selección deberá ser desenvolvido polo xestor do viveiro.

b) Deberá convocarse un primeiro procedemento de selección entre xaneiro e xuño de 2021

c) A resolución do primeiro procedemento de selección será anterior á data límite de 31 de outubro de 2021

d) O procedemento de selección terá carácter público

e) Deberán recollerse exclusivamente criterios de selección obxectivos

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) NIF da entidade local solicitante

b) DNI/NIE da persoa representante

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Órgano competente

O Servizo de Administración Industrial da Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, correspondendo ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda ou subsanación poderanse facer mediante publicación no DOG, producindo os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o subdirector xeral de Administración Industrial ou persoa na que delegue.

b) Vogais: Os responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria ou un funcionario por eles designado.

c) Secretario: O xefe de servizo de Administración Industrial ou un funcionario designado polo director xeral de Enerxía e Minas.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables, ademais o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

a) ata 500.000 m² (10 puntos)

b) máis de 500.000 m² (7 puntos)

2. Nivel de ocupación do parque empresarial:

a) ata 300 empresas (10 puntos)

b) máis de 300 empresas (7 puntos)

3. Poboación do concello no que se atopa o parque empresarial:

a) menos de 10.000 habitantes (6 puntos)

b) entre 10.000 e 20.000 habitantes (4 puntos)

c) máis de 20.000 habitantes (2 puntos).

4. Maior superficie útil das naves para a implantación de novas empresas. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 10 puntos)

5. Maior superficie útil das naves para a prestación de servizos comúns. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 10 puntos)

6. Maior custo subvencionable. A asignación farase de xeito proporcional (máximo 10 puntos)

7. Modelo de xestión do viveiro:

a) xestión directa polo concello (10 puntos)

b) xestión indirecta polo concello (7 puntos)

c)xestión por terceiros (4 puntos)

Avaliaranse coa mínima puntuación aqueles apartados que non queden xustificados adecuadamente na memoria do proxecto presentada.

8. Concello acollido á iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes: 33 puntos.

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que se derive do disposto no artigo 12.4 e, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución que elevará ao conselleiro.

2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Para as solicitudes desestimadas, indicarase a causa de desestimación. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios e aos non beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

1. Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a. da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do interese de demora legalmente establecido desde o momento do pago da subvención, segundo o establecido no artigo 25 da presente Orde.

4. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lle dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

7. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no Título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

8. Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme ao modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme ao modelo indicado no anexo V. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

Artigo 21. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100% das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe estarse ao disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención os concellos beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2020 para presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace do/a alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acreedor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá aportar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No obstante, no presente procedemento, admitiranse as facturas orixinais en papel ou copias debidamente compulsadas, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica por parte da Administración para emitir copias auténticas electrónicas.

c) Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo así como os xustificantes obtidos a través de Internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) Certificación de obra cando se trate dun contrato de obras ou, no resto de contratos, documento equivalente co desglose da actuación realizada (indicando concepto, unidades e prezos unitarios).

e) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale o tipo de contrato tramitado (obras, suministro,....) para a realización da actuación segundo a Lei de contratos do sector público.

f) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor).

g) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

h) Informe técnico no que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado por técnico municipal.

i) Fotografía do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos que se refire o artigo 20.8 da presente orde de axudas.

j) Anexo III: Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

k) Anexo III: Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de Subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a Lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 23. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63º, 65º e 67º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, no seu caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme ao establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O beneficiario deberá achegar coa solicitude de anticipo a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

b) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

Artigo 24. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da administración como polo beneficiario.

Artigo 25. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

1º. Non comunicar á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5% da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 20.8 destas bases, suporá a perda dun 5% da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Cando non se teña convocado e resolto nos prazos establecidos no artigo 7 o primeiro procedemento de selección de empresas para ser acollidas no viveiro industrial.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

5. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Control

1. A consellería de Economía, Emprego e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á labor interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lle sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 27. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 28. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases estarase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file