Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2020 Páx. 3213

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas (código de procedemento PR775A).

BDNS (Identif.): 491907.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar aos premios os nenos e nenas galegos con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os fillos e fillas de quen sexa integrante do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Segundo. Obxecto

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e convócase, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas orientado aos nenos e nenas galegos, con idades comprendidas, segundo estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos (código do procedemento PR775A).

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán esta convocatoria serán as contidas na Resolución do 23 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas. As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

Existirán en cada categoría tres premios en metálico, cada un deles coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación do anexo I, e presentarán a seguinte documentación, en arquivos independentes:

a) O texto do conto. Este arquivo nomearase co título do conto e o pseudónimo do seu autor.

b) Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/a menor que se presenta ao concurso.

No caso de que se opte pola presentación presencial, á solicitude, que deberá formularse mediante a presentación do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, acompañado do pseudónimo e do título do conto. Este sobre incluirá o texto do conto en folio formato A4.

b) Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/a menor que se presenta ao concurso.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten os contos, tanto na presentación presencial como na electrónica cumpriranse as seguintes exixencias:

– Na cabeceira do conto indicarase exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo.

– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública