Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2020 Páx. 4008

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se modifican as ordes de aplicación de impostos propios e da taxa fiscal sobre o xogo.

Con obxecto de simplificar e facilitar o cumprimento das obrigacións fiscais, considérase conveniente fomentar o pagamento de débedas utilizando para iso tarxetas de crédito ou de débito, en condicións de comercio electrónico, mediante a implantación dun TPV.

Nestes momentos estase a tramitar o proxecto de decreto polo que se regula a colaboración das entidades de crédito na recadación dos ingresos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia, que recolle a posibilidade de que os pagamentos se poidan realizar tamén mediante tarxetas de crédito ou débito e en condicións de comercio electrónico seguro mediante un sistema terminal punto de venda (TPV) virtual e, no caso dos tributos que se poidan pagar de xeito presencial, este poderá ser efectuado mediante un terminal punto de venda (TPV) físico en calquera das delegacións da Atriga.

Como consecuencia da habilitación deste novo sistema de pagamento, é necesario actualizar todas as disposicións normativas en que se regulan os procedementos de pagamento de débedas tributarias. As ordes que regulan a presentación e pagamento do imposto sobre sucesións e doazóns e do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados están actualmente sendo revisadas e en tramitación. Cómpre, polo tanto, adaptar as disposicións que regulan o pagamento e os seus xustificantes para o resto dos impostos xestionados pola Atriga, mediante a modificación das súas ordes en vigor.

Ademais, procede adaptar as disposicións necesarias da Orde do 25 de marzo de 2011 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada (IDMAE) á modificación do suxeito pasivo abordada pola Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública durante un prazo non inferior a quince días hábiles.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se modifican as ordes de aplicación de impostos propios e da taxa fiscal sobre o xogo.

O proxecto de orde poderase consultar no Portal de transparencia e goberno aberto, na páxina web da Xunta de Galicia: http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions.

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado a través do citado Portal de transparencia e goberno aberto.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2020

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda