Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2020 Páx. 4010

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2020 pola que se fai público o importe do canon específico de tratamento por tonelada na planta da fracción orgánica dos residuos urbanos que deberá aplicar a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2020.

Antecedentes.

Primeiro. A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, prevé que a consellería competente en materia de residuos, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A (Sogama), e dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establecerá un programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe, e fixará as condicións de adhesión dos concellos, así como a aprobación do modelo de adhesión para a súa formalización, o que se fixo mediante Resolución da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 19 de decembro de 2017 (DOG núm. 11, do 16.1.2018).

Segundo. Na mencionada disposición adicional segunda fíxase un canon específico de 45 euros por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica, máis o IVE correspondente.

Terceiro. A actualización deste canon para o ano 2019 ascendeu a 45,45 euros tonelada máis o IVE.

Fundamentos xurídicos.

I. O Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da entón Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, de modificación parcial do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ben directamente ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da devandita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sinala que dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., e acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, se poñerá en marcha unha planta de produción de composta a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais.

O punto catro da dita disposición, en garantía da sustentabilidade financeira da nova instalación de xestión, fixou o canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo galego e que a súa contía actualizada se publicaría no Diario Oficial de Galicia.

Quedando garantida a sustentabilidade finacieira do sistema sen necesidade de actualizar para o ano 2020 o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos, pode considerarse de forma excepcional non proceder á súa actualización.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica aplicable, durante o ano 2020, no marco do programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 45,45 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda