Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2020 Páx. 3875

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables de uso térmico dirixidas a particulares, para o ano 2020 (código de procedemento IN421P).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas renovables calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición a consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores e na procura de incentivar o coidado do medio natural, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten a xeración e o aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables.

A presente convocatoria de axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2020 e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.500.000 euros.

Estas axudas xestionaranse coa intervención de entidades colaboradoras. Esa colaboración formalizarase mediante o correspondente convenio.

As referidas entidades colaboradoras serán seleccionadas mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, que se regula na Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, que se publicará simultaneamente ás bases reguladoras destas axudas.

Na páxina web do Inega (www.inega.gal) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Por outra banda, establécese a obriga de relacionarse co Inega utilizando só medios electrónicos por parte das entidades colaboradoras solicitantes das axudas, conforme o disposto nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por razón dos suxeitos incluídos dentro do ámbito de aplicación desa norma, e no caso das entidades colaboradoras, así mesmo, con base na capacidade técnica e solvencia exixida na convocatoria do procedemento de selección para acceder a esa condición, a través da cal se acredita o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións co obxectivo de fomentar o aforro enerxético a través da utilización de fontes de enerxía renovables como a biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica.

Precisamente, o uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade e, por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializándoa a través da concesión de subvencións.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables de uso térmico destinadas a particulares, para o exercicio 2020, que se xuntan a esta resolución como anexo I (código do procedemento IN421P).

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020 que se xuntan a esta resolución como anexos II ao VIII.

3. Convocar para o ano 2020, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxías renovables para usos térmicos. As solicitudes de axuda presentadas no prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque netes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e o aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, poidan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Non se poden determinar circunstancias valorables que permitan establecer unha orde de prelación entre unhas solicitudes e outras e, ademais, co réxime de concorrencia non competitiva poderanse atender todas as necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2020 e imputaranse as aplicacións orzamentarias 09.A2.733A.780.1, 09.A2.733A.780.2 e 09.A2.733A.780.3. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.500.000 €.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxectos será o seguinte:

Anualidade 2020

Aplicación orzamentaria

Biomasa (excluída a tipoloxía B2-B3 en zonas non densamente poboadas)

1.150.000 €

 09.A2.733A.780.1

Xeotérmica

700.000 €

09.A2.733A.780.2

Aerotérmica

600.000 €

09.A2.733A.780.3

Solar térmica

50.000 €

09.A2.733A.780.3

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se, pasados dous meses desde a apertura do prazo de solicitudes, nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo para resolver.

3. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación

1. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará segundo a tipoloxía do proxecto nas seguintes datas:

– Biomasa (excluída a tipoloxía B2-B3 en zonas non densamente poboadas), o 2 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

– Xeotermia, o 4 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

– Solar térmica, o 4 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

– Aerotermia, o 6 de marzo de 2020, ás 9.00 horas.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda finalizará o 1 de xullo de 2020 para todas as tipoloxías de proxectos.

Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Inega e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IN421P).

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa de concesión das axudas aos beneficiarios e notificárllela ás entidades colaboradoras será de catro (4) meses contados desde o día seguinte a aquel en que se efectúe a solicitude da axuda. Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, as entidades colaboradoras poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Prazos de execución e xustificación dos investimentos

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de setembro de 2020. O feito de non xustificar correctamente estes investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida.

Disposicións adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Actos de resolución

O director do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a execución correcta desta convocatoria.

Disposición derradeira única

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxías renovables
de uso térmico dirixidas a particulares

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e o fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, aerotermia ou a solar térmica.

En concreto, os proxectos de biomasa que se subvencionarán son os do grupo A1 estufas de aire, cociñas calefactoras; A2 cambio de queimadores existentes que non sexan de biomasa e B1 equipamentos térmicos sen sistema de alimentación automática ou volume de acumulación de combustible V<250 litros e tamén os proxectos de biomasa dos grupos B2 e B3 (grupo B2 caldeiras con sistemas de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥ 250 litros e V< 1.000 litros e B3 caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V≥ 1.000 litros), que se desenvolvan en zonas densamente poboadas.

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán ter dereito á subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 1 e 4 destas bases reguladoras que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2020.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira...).

No caso da biomasa, o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo de montaxe e conexión.

f) No caso da enerxía xeotérmica, o sistema de captación do recurso xeotérmico: sondaxes, intercambiadores, acumuladores, tubaxes, etc.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e o material funxible en xeral.

b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

c) O equipamento e os materiais de segunda man.

d) As obras de mantemento e os gastos de alugamento.

e) As taxas e licenzas administrativas.

f) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, agás os proxectos de aerotermia cuxa axuda será do 35 %, tendo en conta o seu orzamento e os valores máximos por potencia definidos no artigo 5 destas bases reguladoras. A contía máxima por proxecto será de 60.000 €.

Adicionalmente, na procura de instalacións de potencia racionais, establécese un custo elixible máximo por vivenda segundo a seguinte táboa. Para estes efectos, defínese vivenda como todo inmoble que se utilice ou fose deseñado para a residencia dunha familia, independentemente do tamaño desta e da súa tipoloxía (piso, vivenda unifamiliar, acaroado...).

Tipoloxía

Investimento elixible máximo por vivenda (€, excluído o IVE)

Xeotermia

12.000

Aerotermia

 6.000

Solar térmica

 6.000

Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 300.000 € en proxectos con reserva de fondos.

Artigo 5. Normas específicas

1. Co obxectivo de garantir ao máximo aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipamentos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.

Para tal efecto, as instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE), coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE sobre biomasa térmica, así como calquera outra normativa enerxética nacional, rexional ou local que lles sexa de aplicación. Especificamente:

a) Equipamentos térmicos de biomasa.

En relación coas estufas de aire e outros equipamentos que non requiran o cumprimento do Real decreto 1027/2007, exixirase que o solicitante presente un rendemento do equipamento térmico superior ao 75 % e, no caso de que fose de aplicación, unha cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior á D.

b) Bombas de calor.

No caso das bombas de calor, os equipamentos que se instalan deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 4, nas condicións establecidas na norma que os afecte (UNE- EN 14511:2019 e UNE-EN 14825:2016). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para a aerotermia. Polo tanto, para xustificar esta condición, deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

En aplicacións de bomba de calor aire-auga de solo AQS e/ou calefacción con radiadores que non sexan de baixa temperatura, o COP da bomba de calor será igual ou superior ao especificado na seguinte táboa, dependendo da zona climática do proxecto:

Zona climática

A

B

C

D

E

COP mínimo

4,3

4,6

4,6

4,9

4,9

Non serán subvencionables equipamentos de bomba de calor para auga quente sanitaria tipo Monobloc.

c) Solar térmica.

Considéranse nesta alínea as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do documento básico HE 4-contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se destinen a outras aplicacións non obrigadas por esta normativa, unicamente se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción no sector doméstico e terciario unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50º C), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils.

Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.

O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2ºC). Os equipamentos acumuladores deben dispoñer dunha cualificación enerxética clase C ou superior.

2. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:

a) Biomasa.

Tipoloxía

Tipo de equipamento xerador
de biomasa

Rango de potencias

Custo elixible máximo
por potencia sen IVE (€/kW)

A1

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25 kW

225-5 P

P > 25 kW

100

A2

Cambio de queimador en equipamento existente que non sexa de biomasa

50

B1

Equipamentos térmicos sen sistema de alimentación automática ou volume de acumulación de combustible.

V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300- 5 P

20 kW < P ≤ 40 kW

250 – 2,5 P

P > 40 kW

150

B2

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310 – (P/4)

P > 440 kW

200

B3

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible, con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335 – (P/4)

P > 440 kW

225

P: potencia nominal total do sistema de caldeira(s) (kW).

V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros).

Nas tipoloxías B1, B2 e B3, no caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais.

O Inega comprobará (con referencia dos orzamentos presentados, tarifas oficiais e outra información dispoñible) que o orzamento do equipamento térmico se corresponde co valor de mercado, e minorará o custo presentado no caso de que existan diverxencias.

Para o resto dos conceptos subvencionables, o importe destas epígrafes poderá ser corrixido unha vez valorado o orzamento presentado.

Non se admitirán nunha mesma solicitude varias caldeiras de distintas tipoloxías.

b) Xeotermia.

Tipoloxía

Características do equipamento

Rango de potencias

Investimento elixible máximo por potencia ( €/kW)

A1

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado horizontal

P ≤ 10 kW

1.300

10 kW < P ≤ 30 kW

1.300 – 10 · (P - 10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.100 – 2 · (P - 30)

P > 100 kW

960

A2

Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado vertical

P ≤ 10 kW

1.900

10 kW < P ≤ 30 kW

1.900 – 25 · (P - 10)

30 kW < P ≤ 100 kW

1.400 – 3 · (P – 30)

P > 100 kW

1.190

P: potencia nominal en calefacción da bomba de calor (kW), debidamente xustificada coa documentación achegada, tal e como se indica no artigo 12.

c) Aerotermia.

O investimento elixible máximo será de 600 €/kW para as bombas de calor aire/auga e 400 €/kW para as aire/aire; a potencia será avaliada tal e como se indica no artigo 12.

d) Solar térmica.

Segundo a tecnoloxía utilizada, a contía máxima da subvención será a seguinte:

Tipo de instalación

Investimento elixible máximo

Paneis planos

1.500 euros/kW (*)

Tubos de baleiro

1.000 euros/m² (**)

(*) A potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45º C, temperatura ambiente 15º C e 800 W/m² de radiación.

(**) Superficie de apertura.

Artigo 6. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 20 destas bases reguladoras.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal.

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5, San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela.

Artigo 8. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, que non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das beneficiarias

1. Son obrigas das beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que xuntarse á solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 24 destas bases.

f) Cando non se poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitaraa a entidade colaboradora, mediante a presentación do anexo V que se xunta a título informativo. Este anexo estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

g) A beneficiaria está obrigada a respectar o destino do investimento, polo menos, os tres (3) anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

h) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de tres (3) anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Solicitudes

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará na data e hora prevista para cada tipoloxía de proxecto no artigo 3.2 desta resolución, e finalizará o 1 de xullo de 2020.

2. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para a beneficiaria igual ou superior a 15.000 €, a beneficiaria deberá solicitar como mínimo o contido de tres ofertas de distintos provedores, tendo en conta que a oferta seleccionada corresponderá á da entidade colaboradora adherida encargada da tramitación da súa solicitude.

3. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas á convocatoria de axudas.

4. Unha vez elixida a instalación, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que a persoa que vai solicitar a axuda cumpre cos requisitos establecidos no artigo 8 destas bases para poder ser beneficiaria da axuda.

b) A entidade colaboradora encherá a solicitude para esa solicitante, mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a paxina web do Inega (www.inega.gal). Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinados polas persoas interesadas.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude da beneficiaria por duplicado.

5. A solicitude (anexo II) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada pola beneficiaria ou representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo II.

6. Para que a reserva de fondos sexa válida debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda, anexo II.

b) Autorización para a representación, anexo III.

c) Memoria técnica da actuación, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

7. Os fondos solicitados e os validados polo Inega para cada liña poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a liña de axudas de que se trate (BIO, XEO, AER, STE). Polo tanto, a axuda máxima que concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De esgotárense os fondos dispoñibles para unha liña de axudas, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta liña; no momento da presentación a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

9. As entidades colaboradoras serán seleccionadas mediante un procedemento específico no cal virán determinadas as condicións de eficacia e de solvencia técnica que deben ter.

Artigo 12. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. Co envío da solicitude (anexo II) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Autorización para a representación segundo o anexo III.

b) Acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou a dispoñibilidade deles durante un período mínimo de tres anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do Rexistro da Propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda; contrato de arrendamento ou cesión de uso, xunto co documento que acredita a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do Catastro Inmobiliario.

c) No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude e a entidade colaboradora achegará a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento no cal consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

d) No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente posuirá a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentar:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que acepte as bases da convocatoria, se comprometa á execución das respectivas obras e faculte o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

e) Presentación da oferta da instalación que se pretende levar a cabo. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, a entidade adherida, á que lle corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as tres ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, neste suposto a beneficiaria deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

f) Memoria técnica da actuación. Composta polos seguintes documentos:

1º. Planos de situación en que se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.

2º. Folla de características do equipamento xerador utilizado.

3º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo específico dispoñible na web do Inega (www.inega.gal): unha memoria técnica na cal se describirán, de forma detallada, os sistemas xeradores e os compoñentes principais da instalación.

4º. No caso da xeotermia, aerotermia e solar térmica, os certificados de rendemento dos sistemas xeradores coas seguintes especificacións:

– Xeotermia e aerotermia.

Certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) e da potencia, emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que afecte (UNE- EN 14511:2019 e UNE-EN 14825:2016). No caso de Eurovent e da EPHA, admitirase a impresión da páxina web en que se poden consultar os datos de potencia e COP do propio equipamento ou do ensaiado na serie técnica sempre que se acompañe dunha captura do enlace en que se pode contrastar a información. Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

– Solar térmica.

Resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación. No caso dos equipamentos que deban dispoñer dunha cualificación enerxética, deberán achegar a documentación xustificativa correspondente.

g) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a avaliación correcta do proxecto.

Artigo 13. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superen os tamaños máximos establecidos de 5MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, Seguridade Social e Facenda autonómica.

b) DNI ou NIE, cando a persoa solicitante sexa unha persoa física.

c) Concesión de subvencións e axudas.

d) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Órganos competentes

A persoa que represente a xefatura da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven dese procedemento.

Artigo 16. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistida na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Sen prexuízo do establecido no disposto no número anterior, poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

4. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Enerxías Renovables e dous técnicos do Inega (un da Área de Enerxías Renovables e outro da Xerencia). O Comité de Avaliación elaborará unha proposta en que figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 17. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da beneficiaria, o custo elixible do proxecto e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 18. Notificación

1. Para dar cumprimento ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (artigo 14.2), e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (artigo 10), todas as notificacións se realizarán por medios electrónicos, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), na epígrafe Notificacións electrónicas.

Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións na súa conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

2. As entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá crear de oficio ese enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas do seu deber de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer dun usuario e dunha clave no servizo Chave365, ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado ao NIF da persoa destinataria, e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

3. As notificacións efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

Se o envío da notificación non é posible por problemas técnicos, o Inega efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As entidades colaboradoras poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes á medida que avanza a tramitación administrativa dos expedientes e a documentación presentada.

5. Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, ante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VII.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da proposta de resolución definitiva sen que a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que a beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo á entidade colaboradora, que presentará o anexo V polos medios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras e comunicará este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 11 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Prazo de execución das instalacións

O prazo de execución das instalación iniciarase unha vez se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2020.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentaraa a entidade colaboradora de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 18 destas bases reguladoras.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de 10 días hábiles a presente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta de verificación do NIF da solicitante (persoa física).

A presentación da xustificación no prazo adicional de 10 días non eximirá das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 22 destas bases reguladoras e deben estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento por parte do solicitante da subvención concedida, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados, achegaranse as facturas, nas cales figurará o importe total que pagar, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF/NIE do beneficiario.

– Enderezo onde se realiza a obra.

– Descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado en que se manipulen.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas a transferencia bancaria, o xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo e a certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que deben coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención.

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número de factura obxecto do pagamento.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación e, en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario que executasen total ou parcialmente as actuacións subvencionadas, deberán concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a pertinente autorización por parte do órgano xestor.

4º. En ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da entidade.

6º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existiren modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VIII).

e) A beneficiaria achegará un certificado asinado polo técnico instalador no cal se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos de xeración térmica con potencia superior a 70 kW, deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente e o código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que fose necesario.

f) Nos proxectos de enerxía xeotérmica, a beneficiaria deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto, a beneficiaria deberá xustificar a obtención desta ou, no caso de que aínda non se recibise a autorización, deberase acreditar documentalmente a súa solicitude.

Lémbrase que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

Artigo 25. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total. Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou os obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 26. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 27. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais.

Artigo 28. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reserva para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control que se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detectar que os beneficiarios da subvencións ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 29. Normativa de aplicación

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file