Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2020 Páx. 3871

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421H e IN421I).

BDNS (Identif.): 492217.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas propietarias de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 3 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, estas non se poderán disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, para o exercicio 2020, que se xuntan á resolución como anexo I (IN421H, IN421I).

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020 que se xuntan á resolución como anexos II ao IX.

4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas a particulares para proxectos de enerxías renovables, ao cal se deben adherir as entidades colaboradoras (anexo X).

5. Convocar para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, segundo o disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxías renovables e á mellora dos servizos básicos e renovación da poboación nas zonas rurais para equipamentos térmicos de biomasa.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421H e IN421I).

Cuarto. Contía

1. A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de 948.342 €, que se distribuirá do seguinte xeito:

Medida 7.2 Creación, mellora e expansión de infraestruturas

a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro

enerxético

Anualidade 2020

Aplicación orzamentaria

Biomasa (tipoloxía B2-B3 en zonas non densamente poboadas)

948.342 €

09.A2.733A.780.1

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de mais subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 19 das bases reguladoras.

De producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

3. Este crédito está cofinanciado con fondos do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, estes ascenden a 948.342 euros, dos cales o 75 % procede do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 7: actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos e renovación de poboacións nas zonas rurais, e da submedida 2: creación, mellora e expansión de infraestruturas a pequena escala, incluíndo enerxía renovable e aforro enerxético; un 7,50 % procede dos orzamentos xerais do Estado e un 17,50 % dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

4. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo do anexo III desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

As solicitudes deberanse presentar exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitar a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II).

3. O prazo de presentación das solicitudes de axudas será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao de remate do prazo de adhesión das entidades colaboradoras. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia