Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2020 Páx. 3805

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión, pola que se encargan ao medio propio Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) as obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertedura incontrolada en diferentes concellos de Galicia, para o ano 2020, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, nunha porcentaxe máxima do 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 06, prioridade de investimento 06.04, obxectivo específico 06.04.01.

Encomenda de xestión.

– Actividade: execución das obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertedura incontrolada en diferentes concellos de Galicia. Os traballos encomendados consisten en actuacións de clasificación dos residuos para a súa reciclaxe ou valorización, na perfilación e acondicionamento dos residuos inertes e na revexetación mediante a estendedura de terra vexetal e a sementeira con especies pratenses. Inclúese o levantamento GPS do punto da vertedura incontrolada, reportaxe fotográfica anterior e posterior á execución e a elaboración e redacción de informes.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva, ao ter a Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) a consideración de medio propio instrumental da Administración segundo o establecido na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e de conformidade co disposto nos artigos 45 e 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: os traballos encargados comezarán o día seguinte a que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a través da persoa designada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático como coordinadora do encargo, da orde de inicio dos traballos e deben finalizar, como data límite, o 31 de decembro de 2020.

– Importe e modalidade de financiamento: o importe da encomenda ascende á cantidade de novecentos noventa e nove mil novecentos noventa e nove euros con catorce céntimos (999.999,14 €) con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aplicación orzamentaria 07.02.541D.601.1.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda