Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5853

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO do contido da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra), promovido por Beltaine Touriñán, S.L. (expediente IN661A 2011/13-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da Resolución do 13 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra) e promovido por Beltaine Touriñán, S.L. (IN661A 2011/13-4).

Contido da resolución e condicións que a acompañan:

a) Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Touriñán III-2, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis (Pontevedra) e promovido por Beltaine Touriñán, S.L., para unha potencia de 24 MW.

b) Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico Touriñán III-2:

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Beltaine Touriñán, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 165.600 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

6. Así mesmo, o promotor deberá ter en conta o regulado na disposición transitoria oitava da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, modificada polo Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, no que se refire á caducidade dos permisos de acceso e conexión. A caducidade destes permisos, no caso de producirse, poderá dar lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

7. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 24 de setembro de 2013, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental. Así mesmo, o promotor deberá ter en conta o regulado na disposición transitoria primeira da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, no que se refire á caducidade da declaración de impacto ambiental. A citada caducidade, no caso de producirse, dará lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O promotor deberá adoptar todas as medidas compensatorias a que fai referencia o informe da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Investigación, relativo á valoración da posible incidencia do parque eólico sobre un radar meteorolóxico propiedade da Xunta de Galicia, sito no cumio do monte Xesteiras, de acordo co indicado no punto 10.5 da declaración de impacto ambiental do 24 de setembro de 2013.

No caso de que se manifestasen perturbacións no funcionamento do citado radar meteorolóxico da Xunta de Galicia, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico Beltaine Touriñán, S.L., deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle ao funcionamento do radar as anteriores condicións de calidade.

9. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa ás infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 24 de setembro de 2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

11. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

12. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Beltaine Touriñán, S.L., deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 24 MW, promovido por Beltaine Renovables, S.L.

2. O 27 de xuño de 2011, Beltaine Touriñán, S.L. (en diante, o promotor), sociedade filial unipersoal de Beltaine Renovables, S.L., solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

3. Mediante a Resolución do 22 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial) someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 7 de maio de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 20 de abril de 2012 e no xornal La Voz de Galicia do 13 de abril de 2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo e Cuntis), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

4. Durante a tramitación do procedemento a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión I, S.A., Concello de Campo Lameiro, Concello da Estrada, Concello de Cuntis, Concello de Cerdedo e Augas de Galicia.

5. O 24 de setembro de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 17 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019).

6. O 3 de xuño de 2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que os aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable acorde co Plan sectorial eólico de Galicia.

7. O 12 de setembro de 2019 o promotor solicitou modificacións do proxecto, consistentes na modificación da evacuación do parque eólico por unha nova posición nunha subestación en tramitación. Estas modificacións foron aprobadas pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o 13 de setembro de 2019.

8. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 24 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, de conformidade coa disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas