Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2020 Páx. 6211

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2020, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento SA462B).

De conformidade co Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlase no Decreto 137/2019, do 10 de outubro, e os fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da súa Subdirección Xeral de Atención Primaria, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes. Así mesmo, a dita subdirección é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións que, respecto da materia obxecto da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e de desenvolver, xestionar e coordinar os programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia. Asumirá as funcións asistenciais que se lle asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas, así como colaborar na implantación e seguimento de programas de reinserción de pacientes drogodependentes que se leven a cabo na comunidade autónoma.

A actual rede de asistencia de drogodependencias que forma parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, segundo a Orde do 12 de marzo de 2007 pola que se regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde, colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social. Estas entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, deberán estar inscritas no rexistro creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, de acordo coas facultades que me atribúen os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro, para a realización de programas de incorporación social desenvoltos en vivendas durante o ano 2020, segundo a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuito de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.

A súa finalidade é apoiar as persoas que seguen un tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma en ámbito residencial.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA462B para este procedemento administrativo.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.

b) Ser titular ou responsable dunha vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.

Este recurso deberá estar aberto todos os días do ano, sen excepción.

c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de persoas drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria, achegando as memorias de actividade de cada ano. A dita memoria deberá axustarse ao indicado no artigo 8, punto c), do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, para os centros de acollida e inclusión que desenvolven programas de apoio social a procesos terapéuticos, e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Estar autorizada, desde dous anos antes á anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.

f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela, e comprometerse a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.

2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Normas de acceso das persoas usuarias aos programas

1. A entidade responsable do programa destinará este recurso a pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuito de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia que requiran dun programa de incorporación social con apoio. Para poder acceder ao recurso achegarase un informe de derivación asinado pola persoa titular da dirección da unidade asistencial de referencia da persoa interesada, en que conste que esta se encontra nunha situación de estabilidade clínica que permite a súa adscrición á vivenda, e as circunstancias socioeconómicas e familiares que determinan a necesidade deste recurso.

As persoas usuarias poderán presentar calquera tipo de adicción e atoparse incluídas en programa libre de drogas ou en programa de tratamento con metadona.

2. As persoas usuarias serán maiores de 18 anos e o acceso ao recurso será voluntario.

3. O programa ofertarase soamente cando as persoas usuarias carezan de centros terapéuticos adecuados á súa problemática, próximos ao domicilio familiar, ou ben cando non exista un apoio sociofamiliar axeitado.

4. Co obxecto de optimizar os recursos de apoio, as entidades poderán establecer unha achega económica por parte das persoas usuarias, priorizando o acceso daquelas con menos recursos, sen que ningunha persoa poida ser rexeitada por non dispoñer de recursos económicos.

A achega económica por parte das persoas usuarias non superará o 75 % dos seus ingresos líquidos, quedando excluídas do cómputo as gratificacións extraordinarias. O criterio seguido pola entidade para o establecemento desta achega deberá constar no regulamento de réxime interior do centro e, en todo caso, estarán exentas da devandita achega as persoas usuarias con outras persoas ao seu cargo.

5. No suposto de establecer as achegas mencionadas no numero anterior, a entidade beneficiaria da subvención deberá comunicalo á Subdirección Xeral de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde e á unidade administrativa competente na autorización e inspección de servizos sociais dependente da Consellería de Política Social, facendo constar o seu importe.

Artigo 4. Programas subvencionables

1. Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.

2. Serán subvencionables os programas de incorporación social destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adicción que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación dun trastorno adictivo nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuito de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia, que instrumenten accións cuxa finalidade sexa conseguir a normalización na vida cotiá da comunidade de persoas facilmente vulnerables desde o punto de vista social.

3. O programa e as actividades deberán ter un carácter integral e estar deseñados como un proceso continuado, iniciarse cun diagnóstico global e establecer un proceso de incorporación social. A orientación corresponderá inicialmente ao ámbito sanitario, que deberá avaliar a situación global da persoa co fin de propoñer as alternativas máis axeitadas.

4. As entidades beneficiarias só poderán ter dereito á subvención dun programa por vivenda.

5. Cada entidade poderá acadar a subvención para un máximo de 3 programas ou vivendas.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables os que cumpran as seguintes características:

a) Que correspondan exclusivamente aos xerados na realización do programa de apoio social aos procesos terapéuticos.

b) Que se efectúen desde o 1 de decembro do ano 2019 ata o 30 de novembro de 2020 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación; a entidade subvencionada queda obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

c) Que respondan de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios.

d) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos de persoal: contratación de persoal necesario para a realización de actividades e programas específicos da vivenda onde se desenvolva o programa de incorporación social. Terá a dita consideración o persoal que execute funcións inequivocamente relacionadas coa actividade subvencionada.

As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social segundo a seguinte táboa salarial, referidos a catorce pagas anuais para unha xornada semanal de corenta horas:

Grupo I

31.619,06 €

Grupo II

25.295,45 €

Grupo III

22.133,14 €

Grupo IV

18.970,83 €

Grupo V

15.809,53 €

Grupo VI

12.647,22 €

Grupo VII

10.539,35 €

Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos correntes: ata un máximo do 30 % da contía concedida.

a. Gastos correntes de mantemento da vivenda en que se desenvolve o programa.

b. Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 % do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda.

c. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluídos os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do/s programa/s por parte da entidade.

d. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

e. Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrantes das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 6. Subcontratación

1. Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiras persoas a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Aplicarase o que dispoñen os artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A prestación das actividades que se desenvolvan ao abeiro desta orde será levada a cabo polas persoas profesionais que integran o equipo técnico dos diversos dispositivos das entidades beneficiarias, que serán as responsables da xestión dos programas obxecto de subvención a nivel técnico e administrativo.

Excepcionalmente, cando polas especiais características dalgunha das actividades que se vaian desenvolver ou das necesidades das persoas beneficiarias delas sexa necesario, a entidade beneficiaria poderá subcontratar ata un máximo do 50 % da contía total concedida.

En ningún caso concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

Artigo 7. Imputación orzamentaria, réxime de compatibilidades e contía

1. Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de douscentos dez mil euros (210.000 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.21 e código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020; quedando as resolucións, no momento da súa concesión, quedan condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.

2. O crédito previsto no número anterior deste artigo poderá ser ampliado nos supostos e condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En todo caso, o incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no citado artigo ou da dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado. Cando proceda, será necesario aprobar a oportuna modificación orzamentaria. Nestes supostos, o órgano concedente das subvencións terá que publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Neste caso a contía máxima establecida como subvencionable para cada programa incrementarase de xeito proporcional á puntuación total obtida. A nova contía de cada programa calcularase tendo en conta o total de puntos obtidos polos programas subvencionados e o importe en que se incremente o crédito da subvención, determinando un valor por punto.

3. En todo caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento de resolución desta convocatoria de subvencións.

Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron os ditos actos.

4. O procedemento de aprobación de gasto axustarase ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 24 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

5. A tramitación do procedemento realizarase mediante tramitación anticipada, segundo o disposto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As axudas que se concedan ao abeiro desta orde serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

7. A axuda máxima que se financiará por cada programa é de 42.000 euros, sen prexuízo do indicado no número 2 deste artigo.

Non obstante, o importe das subvencións outorgadas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas desta ou doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, ou das achegas dos usuarios, se é o caso, supere o custo das actividades que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

En todo caso, a obtención doutras axudas para o programa subvencionado deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Atención Primaria, no momento da súa concesión.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) A documentación que acredite a representación legal da entidade asinada electronicamente.

b) A copia da escritura de constitución.

c) Os estatutos.

d) A documentación acreditativa da capacidade técnica da entidade solicitante asinada electronicamente.

e) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2019 asinado electronicamente.

f) O certificado ou calquera outra documentación oficial acreditativa da implantación e mantemento de sistemas de calidade normalizados, no caso de que o posúan.

g) A copia do regulamento de réxime interno do centro visado polo Servizo de Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

h) A acreditación de tratarse dunha entidade de utilidade pública, no caso de que así sexa.

i) O anexo IV debidamente cuberto e asinado.

j) A información técnica do programa segundo o anexo II.

k) A memoria técnica do programa segundo o anexo III.

l) A documentación acreditativa de formación específica en terapias de rehabilitación en substancias adictivas do responsable do proxecto e do resto do persoal que participe no programa.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Calquera cambio que se produza dos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Atención Primaria, que poderá demandar da entidade solicitante todos e cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) O NIF da entidade solicitante.

b) O DNI /NIE da persoa representante da entidade que solicita a subvención.

c) A titulación oficial universitaria e/ou oficial non universitaria da persoa titular da dirección responsable e das persoas profesionais que desenvolven o programa social de apoio aos procesos terapéuticos de rehabilitación de distintas adiccións.

d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria do Estado.

f) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

g) O certificado de estar inscrita no rexistro administrativo competente.

h) Consulta doutras subvencións e axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos recadros habilitados no formulario de inicio (anexo I) ou no anexo IV, segundo o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Procedemento, instrución e comisión de valoración

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase por escrito ás entidades interesadas os datos, documentos e aclaracións que se consideren necesarios para completar o expediente, con indicación de que, se así non o fixeren nun prazo de dez días hábiles, se considerará que desistiron da súa solicitude, logo da resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 15, avaliará os proxectos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados.

Esta comisión terá a seguinte composición:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Atención Primaria, que exercerá a presidencia. De ser o caso, será substituída pola persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación. No caso de empate, a persoa que exerza a presidencia terá voto de calidade.

b) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental. Se é o caso, será substituída pola persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Coordinación Sociosanitaria.

c) Dúas persoas de entre o persoal técnico do Servizo de Saúde Mental, das cales unha asumirá a secretaría. De ser o caso, serán substituídas por persoal técnico do Servizo de Coordinación Sociosanitaria.

A comisión de valoración poderá solicitar a presenza dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Inclusión, Inmigración e Acción Social ou unidade administrativa competente nesta materia, así como dunha persoa representante da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, da Consellería de Política Social que teña o rango mínimo de titular dunha xefatura de servizo, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento e integración social levados a cabo polas entidades solicitantes.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor que formulará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 14. Reformulación das solicitudes

Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar a entidade proposta como beneficiaria co fin de que reformule da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

No caso de que se inste a entidade a que faga unha reformulación do programa, a entidade deberá achegar, no prazo de dez días naturais, unha solicitude de aceptación-reformulación-desistencia, segundo o anexo V, que deberá dirixir á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Se no prazo indicado no parágrafo anterior a entidade instada non achegase a solicitude, a Subdirección Xeral de Atención Primaria realizará proposta de subvención a favor da ou das seguintes entidades solicitantes na orde de puntuación dos programas, sempre que o crédito resulte suficiente.

Unha vez que a solicitude conte coa conformidade da comisión de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a nova proposta de resolución.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

Artigo 15. Criterios de valoración das solicitudes

1. Primeira fase de valoración:

a) Calidade do programa (máximo 12 puntos). O mínimo exixido para este criterio será de 6 puntos, polo que as solicitudes que non acaden esta puntuación mínima non pasarán á seguinte fase de valoración.

Para cuantificar a calidade do programa presentado valoraranse preferentemente os seguintes aspectos:

1º. Metodoloxía empregada: descrición pormenorizada das fases do programa e dos criterios de alta. Máximo 2 puntos.

2º. Obxectivos xerais e específicos. Máximo 2 puntos.

3º. Inclusión de alternativas ocupacionais e/ou formativas específicas. Máximo 1 punto.

4º. Inclusión de alternativas ocupacionais e/ou formativas específicas destinadas a persoas con adiccións emerxentes. Máximo 0,5 puntos.

5º. Criterios de inclusión e exclusión no procedemento de acceso á vivenda. Máximo 1 punto.

6º. Dedicación e cualificación das persoas traballadoras implicadas na atención directa en relación cos obxectivos propios destes programas. Máximo 1 punto.

7º. Desenvolvemento das actividades realizadas no programa para o fomento de adquisición de habilidades sociais e da utilización dos recursos normalizados e externos á entidade. Máximo 2 puntos.

8º. Consecución de obxectivos: valorarase a porcentaxe de persoas usuarias que acadasen os obxectivos no ano previo, segundo as memorias achegadas no artigo 2, punto c), desta orde. Máximo 1,5 puntos.

Porcentaxe de persoas usuarias que acadan o obxectivo

Puntos

≥25%- ˂50%

0,5

≥50%- ˂75%

1

≥75%

1,5

9º. Indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos. Enténdese por indicador de proceso aquel que permita avaliar a realización dunha actividade independentemente do resultado e, por indicador de resultado, o que avalía o grao en que a actividade acadou os obxectivos propostos. Máximo 1 punto.

b) Traxectoria da entidade solicitante. Máximo 8 puntos.

1º. Valorarase cun punto cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas en materia de actuación en drogodependencias e que a dita axuda fose debidamente xustificada pola entidade perceptora, ata un máximo de 6 puntos.

2º. Calidade na xestión da entidade: valoraranse con 1 punto as entidades que conten con certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001: 2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas. Máximo 1 punto.

3º. Declaración de utilidade pública da entidade debidamente acreditada. Máximo 1 punto.

Pasarán á segunda fase os que cumpran o mínimo establecido para cada un dos criterios, o que suporá obter un mínimo de puntuación nesta primeira fase de 6 puntos.

A puntuación obtida acumularase á que se obteña na segunda fase.

2. Segunda fase de valoración:

a) Grao da consolidación na prestación do servizo: 3 puntos por cada ano en que a entidade obtivese axuda específica de entidades públicas da Comunidade Autónoma galega, nacionais ou europeas, para o desenvolvemento de programas de incorporación social destas persoas en vivendas específicas. Valorarase ata un máximo de 12 puntos, sempre que xustificase as actividades realizadas e a consecución dos obxectivos do programa.

b) Funcionamento da vivenda (máximo 10 puntos):

1º. Ámbito territorial da vivenda: provincial: 1 punto. Autonómico: 2 puntos.

2º. Presenza física de persoal polas noites na vivenda: 1 punto.

3º. Presenza física de persoal os fins de semana na vivenda: 2 puntos.

4º. Concreción e regulación do procedemento de acceso á vivenda. Máximo 2 puntos.

5º. Regulamento interno da vivenda. Valorarase a claridade das normas e obrigas, así como das posibles sancións polo seu incumprimento. Asi mesmo, valorarase a claridade na determinación das achegas económicas que, de ser o caso, fagan as persoas usuarias. Máximo 2 puntos.

6º. Ocupación media da vivenda no ano 2019. Máximo 1 punto.

c) Participación de institucións non públicas no financiamento das ditas vivendas no ano 2019 por importe igual ou superior a 1.000 euros, ata un máximo de 5 puntos. 1 punto por cada axuda de institución non pública debidamente acreditada.

d) Contribución da actividade á discriminación positiva da muller: 1 punto.

e) Uso da lingua galega no desenvolvemento das actividades: 1 punto.

3. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada das solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada en cada unha das fases.

4. As axudas adxudicaranse aos 5 programas que obteñan as puntuacións máis altas, ordenados de maior a menor puntuación, cada un dos cales terá un importe de 42.000 euros.

5. A Subdirección Xeral de Atención Primaria poderá realizar os axustes que xulgue adecuados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

6. Se a entidade beneficiaria renuncia á axuda destinada a algún dos programas e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 7, quedan programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na prelación resultante da aplicación dos criterios recollidos neste artigo.

7. Se de acordo coa valoración realizada dúas ou máis entidades obteñen unha puntuación igual e, por razóns de insuficiencia de crédito dispoñible ou superación do límite máximo de número de axudas recollido no artigo 7, non poden recibir axuda todas elas, terán preferencia para a obtención da condición de beneficiarias aquelas que:

a) Conten cunha maior puntuación na primeira fase de valoración.

b) Conten no seu cadro de persoal con persoas traballadoras discapacitadas. No caso de que esta epígrafe a cumpra máis dunha entidade, terá preferencia para a obtención da condición de beneficiaria aquela ou aquelas entidades que conten cunha maior porcentaxe de persoas traballadoras con discapacidade no seu cadro de persoal, sempre e cando esta circunstancia sexa debidamente acreditada.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución deberá serlle notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada, de acordo co previsto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. As entidades solicitantes propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación unha vez recibida a notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 17. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, e se non o é, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da data de notificación, se o acto é expreso, ou seis meses se non o é, contado desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. Os pagamentos correspondentes realizaranse de acordo co procedemento de aprobación do gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e faranse efectivos do seguinte xeito:

a) Unha vez concedida a subvención efectuarase un pagamento en concepto de anticipo pola contía prevista no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Pagamentos parciais: poderanse realizar pagamentos parciais ata un máximo do 80 % do importe concedido (incluíndo o anticipo), á conta da liquidación definitiva e segundo se desenvolvan as actividades do programa.

A data límite e improrrogable para a presentación de documentación para os pagamentos parciais é o 5 de novembro de 2020.

c) A porcentaxe restante da subvención (20 %) non se fará efectiva ata que estea integramente xustificadas a totalidade dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas incluídos, se é o caso, o importe do/s pagamento/s á conta e o pagamento anticipado.

Os pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía.

2. En todo caso, segundo o disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias terán que achegar, para os pagamentos á conta:

a) Xustificantes dos gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes, onde se fagan constar a persoa acredora e documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto e o importe, segundo o anexo VI.

Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do/da provedor/a para gastos inferiores a 1.000 euros.

b) Certificación expedida pola persoa que teña atribuídas as funcións de secretaría ou a persoa representante da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento das actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados (segundo o anexo VII).

3. A xustificación final realizarase logo do cumprimento da finalidade e demais condicións desta orde nos termos recollidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no artigo 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, achegando a seguinte documentación:

a) A indicada no punto 2 do presente artigo.

b) Declaración das actividades realizadas e financiadas do programa obxecto da subvención, indicando o custo repercutido para a entidade.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo programa, das distintas administracións públicas e non públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

A data límite e improrrogable para a presentación de documentación para o pagamento final é o 1 de decembro de 2020.

4. Consideraranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 5.

5. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente.

6. Con anterioridade ao 15 de febreiro de 2021, presentarase unha memoria dos programas realizados e financiados coa presente subvención ao longo do ano 2020.

As memorias deberán contar coas epígrafes que se indican no anexo IX, e incluír informe emitido pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social en relación cos criterios mencionados nos artigos 3 e 15.2.b). Para estes efectos, considerarase o período desde o 1 de decembro do ano 2019 ata a data de inspección realizada no ano 2020.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar as actividades que fundamentan a concesión da subvención.

b) Xustificar ante a Subdirección Xeral Atención Primaria o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) As entidades beneficiarias e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro.

f) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Atención Primaria.

g) Manter debidamente actualizados todos aqueles rexistros que sexan precisos para remitir á Subdirección Xeral de Atención Primaria, de acordo coa periodicidade que se lle sinale, a información relativa á actividade das persoas usuarias, facendo constar o número de admisións e intervencións realizadas, as actividades realizadas nos dispositivos da asociación, unha relación do número de solicitudes de admisión que lle acheguen e un informe onde conste se foron admitidas ou, se é o caso, rexeitadas, indicando a razón do seu rexeitamento.

h) Comunicar á Subdirección Xeral de Atención Primaria calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal. Os gastos derivados destas variacións nos cadros de persoal soamente serán considerandos subvencionables desde a data da comunicación efectiva non teñan, en ningún caso, carácter retroactivo.

i) Manter actualizados os sistemas de información que estean en funcionamento nos dispositivos.

j) Coordinarse coas unidades asistenciais da rede do Plan de Galicia sobre drogas.

k) Coordinarse con outros centros, servizos e programas recollidos dentro do Plan de trastornos adictivos de Galicia, co fin de asegurar a súa programación homoxénea.

l) Someter á consideración técnica da Subdirección Xeral de Atención Primaria calquera programa ou intervención que, non estando recollido dentro do documento que estableza os instrumentos de planificación en materia de incorporación social de trastornos adictivos, vaia poñer en marcha o equipo técnico responsable do desenvolvemento do programa.

Para tal fin, a dirección técnica deste equipo presentará unha descrición do programa que se vai desenvolver e fará constar, como mínimo, a denominación do programa, a xustificación da actuación, a metodoloxía para o seu desenvolvemento, así como unha previsión para o seu desenvolvemento programático: obxectivos xerais e específicos, poboación destinataria, difusión prevista, recursos humanos e materiais, mecanismos de coordinación, detalle de actividades, cronograma, orzamento e avaliación prevista.

m) Axustarse ás disposicións recollidas na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e ás instrucións que o Servizo Galego de Saúde poida facer nesta materia.

n) Engadir en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consoancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa. Segundo o establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a entidade beneficiaria deberá dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento do programa subvencionado, nos termos regulamentariamente establecidos. En concreto, deberán manter no espazo dedicado á realización das actividades, de xeito visible, un cartel coa lenda «Proxecto cofinanciado» acompañado do logotipo da Xunta de Galicia e do Servizo Galego de Saúde.

ñ) Remitir, antes do día 5 de cada mes a ocupación da vivenda, segundo o anexo VIII. No caso das altas, deberanse achegar os respectivos documentos de derivación das unidades asistenciais de drogas da rede do Plan de Galicia sobre drogas, en que recibe tratamento e seguimento o paciente

Xunto coa ocupación deben achegar declaración responsable de non ter persoas ao seu cargo asinada polos pacientes que realizan achega económica, declaración responsable dos ingresos da persoa que realiza o pagamento da achega (xa sexa a propia persoa usuaria ou un familiar) e xustificación das transferencias bancarias efectuadas como pagamento das achegas.

o) Cubrir o cadro de indicadores de actividade que remitirá a Subdirección Xeral de Atención Primaria con periodicidade anual.

Artigo 20. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederase á revogación da subvención, así como ao reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21. Infraccións e sancións

En canto ao réxime de infraccións e sancións, será de aplicación o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento.

Artigo 22. Publicidade

Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e crédito orzamentario a que se imputen, da entidade beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

1. Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Sanidade–, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

2. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

3. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

4. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde, aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file