Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2020 Páx. 6255

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS212B).

De acordo co artigo 50 da Constitución española os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigacións familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do devandito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Entre outros aspectos, a lei regula a forma na que se prestarán os servizos sociais, permitíndolles ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

En consonancia co anterior, aprobouse a Orde do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019.

A dita orde dirixiuse a apoiar a posta en marcha de proxectos piloto, en concellos de Galicia cunha poboación menor de 5.000 habitantes, dando preferencia a proxectos a desenvolveren en aqueles concellos nos non existiran recursos de atención a persoas maiores, destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida, ofrecendo unha atención integral e personalizada a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa, grados I e grado II.

Con estes proxectos piloto, impúlsase e apóiase a prestación destes servizos de atención aos maiores mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que demostraron ser eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio.

Neste marco de actuación, cómpre agora fomentar o mantemento dos proxectos en marcha a través dunha convocatoria que contribúa a consolidar as casas do maior.

A experiencia resultante da posta en marcha inicial destes proxectos piloto demostrou que, sen prexuízo de existir unha demanda por parte de maiores en situación de dependencia tamén existe unha demanda por parte de persoas maiores que non acadan o recoñecemento de persoas dependentes.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, contempla, no seu artigo 3 coma obxectivos do sistema galego de servizos sociais garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia así como prever a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

Así mesmo o artigo 4 da citada lei enumera como principios xerais dos servizos sociais, entre outros, a prevención, a equidade e equilibrio territorial e a autonomía persoal e vida independente. Desta forma, as políticas de servizos socias débense orientar a prever e superar as causas que orixinen as necesidades sociais, dando prioridade ás accións preventivas, constituíndo unha obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis adecuadas e dos apoios necesarios para desenvolver os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen, segundo a natureza dos servizos, a súa idoneidade e as condicións de utilización dos mesmos, sempre con respecto da libre decisión das persoas.

O desenvolvemento da rede de centros e servizos sociais ten que ter presente a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o acceso ao sistema das galegas e galegos que residan en áreas con altas tasas de envellecemento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

E por iso, que na presente convocatoria se amplía o perfil de persoas usuarias que poden ser atendidas na casa do maior, comprendendo non só a maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada ou severa senón tamén a persoas maiores en grado de dependencia.

Desta forma aténdese, por unha banda ao benestar de coidadores familiares, ao fin de contribuír a diminuír a carga dos coidados e a favorecer que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan, e por outra banda foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda gozan de autonomía, paliando así mesmo as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

Así mesmo, aos efectos de poder perfilar o futuro recurso, recóllese na presente convocatoria a posibilidade de que a persoa promotora da casa opte por facerse cargo do desprazamento das persoas usuarias. Neste suposto, percibirán unha axuda máxima de 5 euros por persoa e día, sempre que acrediten a prestación do servizo nos termos previstos na presente orde.

O fomento desta continuidade realizarse a través da presente convocatoria pública de axudas, baixo o procedemento de concorrencia non competitiva, que se tramitará como expediente anticipado de gasto, de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto e na Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000.

Desta forma, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 no momento da súa resolución.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2020, de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha no ano 2019.

2. O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212B.

3. A casa do maior, perfílase como fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, graos I e II respectivamente, así como para persoas maiores sen dependencia, como recurso prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual evitando o internamento en outro tipo de institucións cando non sexa desexado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, en que se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e/ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa dependencia e illamento sociais.

4. Estes proxectos pilotos teñen, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, en que a casa do maior permanecerá pechada por vacacións.

5. Salvo as excepcións previstas no número anterior, o proxecto debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa á titular no caso de enfermidade ou algunha situación de emerxencia.

6. A atención prestada comprende a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas beneficiarias das axudas poderán facturar por este servizo un máximo de 5 euros por persoa e día, sempre que se realizase un servizo completo. A estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar ás persoas usuarias das condicións esenciais do mesmo.

7. Se a persoa promotora da casa opta por asumir o desprazamento das persoas usuarias ata a mesma, percibirá unha axuda adicional da Xunta de Galicia, a razón de 5 euros por persoa e día. A estes efectos, deberá cumprimentar unha declaración responsable na que manifeste a súa vontade de prestar o servizo de desprazamento, no caso de que as persoas usuarias quixeran facer uso do mesmo.

8. As persoas maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/a profesional que desenvolva o proxecto piloto. En función do mesmo, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.

9. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se situara ou nun limítrofe.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas persoas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados, ni padecerán enfermidades infecto-contaxiosa en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos aditivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

10. Para acceder ao financiamento previsto é necesario que se atenda a un mínimo de 1 e máximo de 5 persoas maiores.

A estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza así como o establecido entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a ocupación efectiva dela.

Artigo 2. Financiamento

1. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto e na Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Desta forma, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 no momento da súa resolución.

2. A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é 681.412,50 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 13.04.312E.470.0.

3. De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha transferencia de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, no seu caso, previa aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior as persoas físicas que se estableceron como empresarios autónomos ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante o ano 2019, puxeran en marcha unha casas do maior.

Só poderán acceder ás axudas aqueles/as promotores/as de casas do maior que contaran alo menos cunha persoa usuaria ao longo do ano 2019 ou respecto das cales exista solicitudes de persoas usuarias pendentes de tramitación, na data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables

Será subvencionables ao amparo desta convocatoria a prestación da atención individualizada dos maiores de 60 anos, en situación de dependencia graos I e II, e das persoas sen dependencia, como recurso de prevención de da dependencia e promoción da autonomía persoal, nas condicións previstas no artigo 2 de presente orde.

Artigo 5. Tipos de axudas e contías

1. A axuda polo mantemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 euros/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora que se liquidará nos termos previstos no artigo 18.

2. Adicionalmente, no caso de que os promotores optaran por asumir o desprazamento das persoas usuarias, as persoas beneficiarias das axudas desta orde percibirán un máximo de 5 euros por persoa e día. Para estes efectos o beneficiario da axuda deberá acreditar o número de usuarios deste servizo mediante a cobertura do anexo VI.

Artigo 6. Procedemento e réxime

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre os solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederalles a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todos aqueles beneficiarios que cumpran cos requisitos.

Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, de recibir a persoa física ou xurídica outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver enviar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como última día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fóra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e si no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte á notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, teranse por desistidas da súa petición, previa correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Con cada solicitude (anexo I), as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) Certificado médico oficial acreditativo das condicións de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s encargadas do desenvolvemento o proxecto piloto.

b) Xustificante da vixencia da póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros, que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que puidesen xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía nel ou das actividades propias que se realicen no exterior.

c) Anexo III, cuberto cos datos da persoa encargada do desenvolvemento da actividade, no caso de cooperativas de traballo asociado.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante ou da que está a desenvolver o proxecto piloto no caso de cooperativas de traballo asociado e número de identificación fiscal (NIF), no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa ou entidade solicitante e da persoa que vai desenvolver o proxecto.

c) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos da persoa solicitante e da persoa que vaia a desenvolver o proxecto piloto.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde ao órgano competente en materia de sistemas de acceso e admisión nos centros e servizos para as persoas maiores en situación de dependencia, maiores e con discapacidade, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta e resolución, e poderalle requirir ao/a solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que, tras o trámite de emenda, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación da solicitude na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e procederase ao arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 6.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas o órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, tras a fiscalización da proposta, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver será de dous (2) meses, que se computarán desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente. Transcorrido devandito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A resolución de concesión comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e as obrigacións que lle corresponden, a contía da subvención, os requisitos específicos relativos a produtos ou servizos que deban obterse con ela.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa.

Poderán recorrerse potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditara ou ser impugnadas directamente ante o orde xurisdicional contencioso-administrativo, nun prazo de 2 meses desde o día seguinte á notificación.

O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, si o acto fora expreso. Transcorrido dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, no seu caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Si o acto non fora expreso, poderase interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa normativa específica se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigacións que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Deberán igualmente conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control de acordo coa lexislación vixente.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social.

d) Levar un rexistro de persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade das persoas maiores que se atenden, dos seus titores no seu caso, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso.

e) Levar un rexistro das persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade dos usuarios e usuarias que fagan uso do servizo de comidas.

f) Levar un rexistro mensual das persoas usuarias do servizo de desprazamento onde consten os datos de identidade das persoas maiores que fagan uso do mesmo, ou dos seus titores ou representantes legais de ser o caso, así como o número de días de utilización do servizo no caso de que o promotor/a se comprometa a asumir o desprazamento das persoas usuarias.

g) Cumprir con todas as obrigas derivadas da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter especial, debendo recadar os consentimentos necesarios para a tratamento dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento da experiencia piloto.

h) Informar ao público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 en que apareza o anagrama da Consellería de Política Social.

i) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme ao establecido nesta orde.

j) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

k) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida polo órgano convocante así como órgano pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

m) Acreditar o estado de saúde co correspondente certificado médico oficial.

n) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

ñ) Poñer en coñecemento do órgano convocante todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa titular do servizo con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista, ou no prazo de dez días desde que se produza no resto dos casos. Nestes supostos deberase acompañar a documentación xustificativa do contrato laboral e o alta na Seguridade Social, así como o certificado médico oficial das condicións de saúde da persoa substituta.

o) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, segundo o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que la solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigacións con algunha destas administracións, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

q) Todas aquelas obrigacións e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

3. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Xustificación

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar as actuacións realizadas no ano 2020 curso ata o 30 de novembro de 2020 e presentarase con data límite do 5 de decembro de 2020.

2. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 do xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias con cada solicitude de pagamento (anexo II) deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola/s persoa/s responsable/s do desenvolvemento do proxecto e polas persoas maiores ou, de ser o caso, titores ou representantes legais das mesmas que acudan á casa do maior (anexo IV).

Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais relativos ás persoas usuarias do servizo de desprazamento (anexo V).

Para xustificar o servizo de manutención, deberá achegarse o anexo VI cuberto.

3. Adicionalmente na xustificación final presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada polo beneficiario da axuda.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, capturas de pantalla, ...) do cumprimento da obrigación de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

3. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase á persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achega os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, procederase, tras a resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos intereses de demora.

Artigo 18. Pagamento

En relación ao pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 50 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa a dita anualidade en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo no momento da notificación da concesión.

Á solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total, sumados aos anticipos concedidos, non poderá superar o 80 % da contía anual da subvención concedida, a estes efectos a persoa promotora deberá achegar os anexos III e V.

O importe restante librarase despois da xustificación polas persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde.

En todo caso deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas no ano 2020 con data límite do 5 de decembro de 2020.

3. O pagamento da axuda destinada a cubrir o desprazamento dos usuarios levarase a cabo previa solicitude da persoa promotora unha vez xustificado o número efectivo de usuarios e días de servizo.

Á solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 80 % da contía anual da subvención concedida, achegando ao efecto os anexos III e VI.

5. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigacións tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

6. Atendendo a natureza da actividade a desenvolver, para a resolución de concesión dos anticipos e pagamento á conta da liquidación efectiva previstos nesta orde, non será preciso a constitución de garantías.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 16 e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o que se concedeu a subvención ou a obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para os efectos desta orde, consideraranse supostos de reintegro parcial:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os fondos financiados que supoñerá unha perda do 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos obxecto de subvención, que supoñerá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que supoñerá a perda dun 5 % da axuda concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que supoñerá un reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpriu este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os intereses de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao amparo desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na dirección https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no Servizo de Recursos Comúns e Atención ao Alzhéimer, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, do teléfono 012 ou de modo presencial.

Disposición adicional primeira. Información Básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, pola Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Usuarios da casa do maior

1. Acceso ao recurso.

Poderán acceder a este recurso, por unha banda as persoas ás que de conformidade co Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, lles recoñecese a súa condición de persoas en situación de dependencia grao I ou grao II e lles resolvera no seu programa individual de atención o recurso regulado nesta norma.

Igualmente as persoas maiores que non teñan recoñecida a condición de dependencia poderán acceder ao recurso, polo sistema de libre concorrencia, de existir dispoñibilidade de prazas.

As persoas que queiran acceder ás casas de maior deberán en todo caso, seguir o procedemento de recoñecemento da dependencia.

No acceso a este recurso terase en conta a aplicación dos seguintes criterios:

No caso de persoas maiores en situación de dependencia: terase en conta a aplicación dos criterios establecidos no artigo 44.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

No caso de persoas maiores sen grao de dependencia terán en conta para o acceso ao recurso os seguintes criterios:

1) A menor capacidade económica.

2) A situación sociofamiliar da persoa.

3) A non percepción de outra prestación ou servizo.

4) A data de presentación da solicitude de valoración da dependencia.

5) Idade da persoa solicitante.

En todo caso, terán prioridade no acceso ao recuso as persoas en situación de dependencia.

2. Asignación e ingreso do servizo.

Todas as casas do maior que xestionen este recurso deberán comunicar á xefatura territorial correspondente todas aquelas prazas que se atopen vacantes e dispoñibles para a súa cobertura no prazo máximo de cinco días hábiles desde que aquelas adquirisen tal condición.

Tras a proposta de resolución ditada polo órgano de valoración de Dependencia da respectiva xefatura territorial, correspóndelle á xefatura territorial competente resolver a asignación de prazas vacantes en cada momento.

3. Notificación e recursos.

A resolución da asignación do recurso non pon fin á vía administrativa. Será notificada á persoa interesada pola unidade administrativa responsable, quen poderá impugnala en recurso de alzada ante a dirección xeral competente en materia de dependencia, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Comunicación ao promotor do proxecto piloto.

De forma simultánea á notificación á persoa interesada, a xefatura territorial correspondente, comunicaralle ao promotor do recurso a asignación de praza vacante, para os efectos de que nun prazo máximo de cinco días se poña en contacto coa persoa beneficiaria, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

O prazo para o ingreso na praza vacante será de dez días naturais que comezarán a contar desde o día seguinte a aquel en que a persoa interesada reciba a comunicación por parte do promotor do proxecto piloto, nos termos a que se refire o parágrafo anterior. A non incorporación no prazo sinalado entenderase como unha renuncia ao dereito.

5. Comunicación do ingreso.

No prazo de dous días hábiles desde que se produza o ingreso, o promotor do proxecto deberá comunicar á xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar. Así mesmo, deberá comunicarse á indicada xefatura os casos de non incorporación dentro do prazo establecido e de renuncia, acompañando a documentación acreditativa.

6. Renuncia.

A persoa solicitante, ou quen exerza a súa representación legal, poderá renunciar ao dereito recoñecido de asignación do recurso. Formalizada a renuncia, arquivarase a solicitude e poñerase fin ao expediente.

7. Adiamento ingreso.

Cando por causas de forza maior ou por razón de ingreso hospitalario, non se produza o ingreso dentro do prazo regulado no punto 4 desta disposición adicional, a persoa interesada antes da finalización deste prazo, poderá solicitar o adiamento do mesmo. De ser o caso, a súa praza será cuberta por outra persoa. Desaparecida a causa que xustifica o adiamento, incorporarase na primeira vacante que se produza no recurso previamente recoñecido.

A autorización do adiamento, que recollerá debidamente xustificada a súa causa, efectuaraa a xefatura territorial nun prazo máximo de tres días hábiles.

Subsidiariamente ao disposto nesta disposición adicional, será de aplicación a normativa vixente en materia de ingresos.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación e actos do procedemento previstos nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigacións e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2019 

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file