Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2020 Páx. 6497

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 21 de xaneiro de 2020 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

Mediante a Orde do 26 de novembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 232, do 5 de decembro, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei e o artigo 17.4 do citado decreto,

RESOLVE:

Primeiro. Adxudicarlle o destino no posto de traballo que se indica á persoa funcionaria de carreira que se relaciona no anexo desta orde.

Segundo. O cesamento no actual destino efectuarase, segundo o previsto no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para a toma de posesión da praza adxudicada será de tres días hábiles contados a partir do seguinte ao do cesamento se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. No caso de que a persoa adxudicataria obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles e computarase desde a data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, lle fosen concedidos á persoa interesada. Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

Terceiro. A xefatura do centro en que cause baixa a persoa funcionaria, así como a daquel en que obteña praza, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as dilixencias de cesamento e toma de posesión, das cales lle darán traslado, mediante copia, á Dirección Xeral da Función Pública.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.12.2018; DOG núm. 243, do 21 de decembro)
José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Apelidos e nome: Veiras Suárez, Silvia.

Nº de rexistro persoal: 4482513446 A2059.

Corpo ou escala: auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Subgrupo: C2.

Posto de traballo: secretario/a.

Código: ED.101.00.000.15770.004.

Nivel: 18.

Centro directivo: Gabinete do/da conselleiro/a.

Localidade: Santiago de Compostela.