BDNS (Identif.): 493023.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarios
Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:
a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.
b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.
Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan unha actividade no ámbito da nova industria.
Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e, polo menos, cinco pemes galegas.
Segundo. Obxecto
O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes non inferior a 5, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 13 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300A).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7706 por un importe de 1.200.000 € para o ano 2020 e de 2.800.000 € para o ano 2021; e con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7820 por un importe de 60.000 € para o ano 2020 e de 120.000 € para o ano 2021.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020
Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica