Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2020 Páx. 6344

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 29 de outubro de 2019 acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300A).

As axudas ás pemes desta convocatoria fináncianse no marco do PO Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular: 

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do FEADER) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (….).

Actuación 3.4.1.3: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e a consolidación das peme.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Os premios finánciase con cargo a fondos propios da Xunta de Galicia.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

2017 00012 (axudas)

09.A1.741A.7706

1.200.000 €

2.800.000 €

4.000.000 €

2017 00012 (premios)

09.A1.741A.7820

60.000 €

120.000 €

180.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos das pemes rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 15 de outubro de 2021.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 31 de outubro de 2020 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de outubro de 2020 ou anterior, e como máis tarde o 31 de outubro de 2021 no resto dos proxectos.

Os organismos intermedios deberán presentar a solicitude de cobro da parte variable do premio como máximo o 31 de outubro de 2021.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en adiante, a Axenda) aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas a desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020. Coa última revisión da Axenda propúxose a continuación das accións nos anos 2021 e 2022.

Asemade, a Axenda aprobada contemplaba a posta en marcha dun número de actuacións de curto prazo, entre as que se atopaba a acción de Lanzamento Piloto Industria 4.0 encaixada no plan de impulso á innovación e no enfoque estratéxico pemes innovadoras e, en concreto, despregando a medida 4.1.5.: impulsar as innovacións en procesos e produtos das empresas galegas. Tecnoloxías Facilitadoras Esenciales (TFE), dixitalización e fábrica do futuro.

Nas tres convocatorias realizadas de Piloto Industria 4.0 concedéronse axudas por máis de 9,2 M€, para mobilizar preto de 27 M€. Sete organismos intermedios foron quen de impulsar 15 proxectos agrupados e tutelalos na súa execución, de resultas ao cal 128 proxectos de pemes recibiron axuda e convertéronse nun exemplo para o resto da industria de adopción das tecnoloxías Industria 4.0.

Demostrouse deste xeito que o programa permite unha colaboración clara do tecido asociativo especializado na promoción de proxectos (clusters e asociacións orientadas á industria), concentra o esforzo inversor na modernización da industria dun conxunto coordenado de proxectos de investimento produtivo e permite un seguimento máis próximo dos proxectos por parte do Igape. Debido a isto, proponse nesta edición cambiar a denominación «Proxectos Piloto Industria 4.0» por «Proxectos Agrupados Industria 4.0».

Os obxectivos estratéxicos e medidas que se recollen na Axenda, e esta actuación en particular, están totalmente aliñados coa estratexia de especialización intelixente de Galicia, a RIS3, plenamente avalada polo axentes do Sistema Galego de Innovación, na procura de levar a un crecemento intelixente do actual tecido industrial de Galicia a través da do aproveitamento de novas oportunidades, tanto as relacionadas co seu modelo de negocio actual como as non relacionadas, así como a través dun incremento do peso da innovación nos seus procesos actuais e futuros.

Trátase deste xeito de poñer en marcha un programa cara á ‘Fabrica Intelixente’, que se desenvolverá mediante bases reguladoras do proceso, co fin de actuar como exemplo e demostración da virtualización da industria en ámbitos de actividade seleccionados; co apoio aos investimentos na implantación industrial dos proxectos seleccionados.

O obxectivo é seleccionar proxectos que, pola súa diversidade de tecnoloxías aplicadas, coherencia cos obxectivos das empresas implicadas e factibilidade técnica e económica poidan servir como futuros puntos de arranque e impulso da diversificación e dixitalización de instalacións produtivas que se pretende acadar para Galicia.

Para conseguir esta selección, que permita a concentración de fondos nos proxectos máis axeitados, a axuda actúa en dúas fases: na primeira convócase un concurso de proxectos entre organismos intermedios asociativos que permitan aúnar a vontade dun grupo de pemes interesadas; na segunda apóiase a posta en marcha dos mellores proxectos.

O financiamento dos premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 contan con recursos económicos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é a regulación da concesión dun premio a un máximo de seis proxectos que inclúan no seu desenvolvemento a implantación de equipamento e sistemas para a modernización dos procesos nun grupo de pemes non inferior a 5, así como das axudas á devandita implantación para cada peme participante en cada un dos proxectos.

A implantación consistirá na incorporación ás empresas de tecnoloxías relacionadas cos conceptos de «Industria 4.0», segundo os termos recollidos na «Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0», que inclúe as seguintes:

1º. Robotización e robotización colaborativa.

2º. Fabricación aditiva.

3º. Sensórica e actuadores mecatrónicos.

4º. Sistemas ciber-físicos.

5º. Automatización total ou estendida.

6º. Intercomunicación máquina-máquina.

7º. Conectividade total ou estendida.

8º. Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

9º. Personalización de produtos.

10º. Internet das cousas, internet dos equipos e máquinas.

11º. Big Data, cloud computing e ciberseguridade aplicadas á industria.

12º. Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministros coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

13º. Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. A subvención ás pemes participantes incardínase nos artigos 14 e 18 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

Os premios incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro).

4. As axudas ás pemes desta convocatoria fináncianse no marco do PO Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular: obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.01, actuación 3.4.1.3, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07. E están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, apartado 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001 - Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002 - Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado R341G - Empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados)

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas a pemes son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere a contía establecida no artigo 6 destas bases. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do mencionado Regulamento (UE) 1303/2013, na súa redacción modificada polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1066 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme ao documento no que se establezan as condicións da axuda.

2. Debido a que os premios aos organismos intermedios están sometidos ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda á peme, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. Antes de conceder e pagar o premio ao organismo intermedio solicitarase calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán obter os premios os organismos intermedios incardinados nalgunha das seguintes definicións:

a) As organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio á competitividade empresarial das pemes, nas súas diversas formas, e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten de forma habitual servizos empresariais de apoio á competitividade das pemes e promovan proxectos nos que non persigan a obtención de beneficios.

2. Poderán ser beneficiarios das axudas as pemes que desenvolvan unha actividade no ámbito da nova industria.

Aos efectos destas bases, entenderase por:

a) Peme galega:

a) As pequenas e medianas empresas (pemes) segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos, que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto e que desenvolvan a súa actividade empresarial nalgún dos ámbitos de actividade subvencionables.

b) Ámbito da «nova industria»:

As actividades da industria manufactureira e as dos servizos á industria, segundo o concepto de ‘nova industria’ definido na Axenda de Competitividade Industrial de Galicia: «ampliando o tradicional concepto de industria para abarcar os servizos á produción, complementarios e interdependentes desta».

As empresas do sector transporte só poderán obter axudas para as colaboracións externas.

3. Para poder optar aos premios e subvencións os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída por un organismo intermedio e polo menos cinco pemes galegas. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, o organismo intermedio será nomeado representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez fallado o premio, e concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da axuda.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá contemplar como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do organismo intermedio como representante da mesma ante a Administración para os efectos de interlocutor coa mesma.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta a concurso descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, segundo o anexo IV.

g) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

4. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. Un organismo intermedio poderá liderar unha ou máis agrupacións sempre que os proxectos se presenten a categorías sectoriais diferentes. As pemes poderán participar en máis dunha agrupación, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas que desenvolvan a súa actividade nos sectores seguintes:

i) Pesca e acuicultura.

ii) Produción agrícola primaria.

iii) Sector do aceiro, sector do carbón, sector da construción naval, sector das fibras sintéticas, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.

d) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

6. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no apartado 18 do artigo 2, do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Os apoios aos proxectos agrupados Industria 4.0 terán dúas modalidades: premio ao proxecto, que corresponderá ao organismo intermedio, e subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes integrantes do mesmo:

a) Premios aos seis proxectos sectoriais máis representativos do concepto «Industria 4.0»:

1º. Cualificaranse o proxecto máis representativo dentro dunha determinada categoría sectorial segundo a súa definición, desenvolvemento, características e condicións de execución, e que integrará a implementación de diversas solucións en todas e cada unha das pemes individuais participantes.

2º. Poderanse premiar un máximo de 6 categorías sectoriais (determinadas polos sectores de actividade ou ámbitos de negocio que presenten proxectos ao concurso). O premio outorgaráselle ao organismo intermedio líder da agrupación. En caso de non poder conformar as 6 categorías sectoriais, ou que o premio dalgunha categoría quede deserto, poderá asignarse máis dun premio nunha categoría.

b) Subvencións aos investimentos e gastos en que consista a execución dos proxectos premiados:

1º. As subvencións serán individualizadas para cada peme participante integrante dos proxectos premiados.

2º. No caso de que as subvencións concedidas ás pemes participantes nos proxectos premiados non esgoten o orzamento publicado, o Igape poderá seleccionar o proxecto colectivo con maior puntuación entre os non premiados e subvencionar os proxectos das pemes participantes, e así sucesivamente ata o esgotamento do crédito restante.

3º. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, de 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020:

i) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade, relacionados coa Industria 4.0 segundo se define no artigo 1 destas bases. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos. A adquisición e adaptación de software considerarase investimento subvencionable.

ii) Colaboracións externas: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría, titorización e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

4º. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

5º. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

Se a exclusión dunha ou mais pemes reducira o número de participantes a menos de 3, denegaríase a solicitude no seu conxunto.

6º. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

7º. O beneficiario deberá adquirir os bens obxecto de investimento en propiedade. No caso de adquirilos mediante fórmulas de pagamento aprazado, os bens deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

8º. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

9º. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

10º. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

11º. Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente a cada peme os investimentos e gastos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

12º. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada. Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.

13º. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

Artigo 6. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. Concederase un premio por categoría de contía máxima de 30.000 € cada un e placa conmemorativa. O premio dividirase en dous tramos: un fixo de 10.000 € e placa conmemorativa que se entregará en acto público convocado ao efecto unha vez fallados os premios. Despois de executados os proxectos, os organismos intermedios premiados percibirán unha cantidade variable de ata 20.000 € que se modulará en función da porcentaxe de execución dos proxectos de pemes subvencionados, unha vez xustificadas e aboadas as correspondentes axudas. Os premios son acumulativos entre categorías, de xeito que un mesmo organismo poderá resultar premiado por unha o máis categorías.

2. A subvención ás pemes participantes será do 30 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas e do 20 % para as medianas. Excepto a subvención sobre os gastos de colaboracións externas que se incardinan no artigo 18 do devandito Regulamento (UE) 651/2014 e que será do 50 %. A subvención total concedida ao conxunto de pemes que participen ao abeiro de cada proxecto premiado (ou subvencionado sen premio, segundo o artigo anterior) non superará 1.500.000 euros.

3. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, cuxos criterios deberán estar especificados na memoria que acompañe á solicitude de forma clara e explícita:

1º. Dimensión do proxecto. 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Número de pemes participantes: 0,5 puntos por peme, ata un máximo de 8 puntos.

ii) Intensidade do investimento medio das pemes participantes: 1 punto por cada 25.000 € de gasto subvencionable, ata un máximo de 12 puntos.

2º Calidade técnica do proxecto: 20 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Aplicabilidade das tecnoloxías ao sector concreto.

ii) Experiencias previas no sector (non necesariamente en Galicia).

ii) Mellora de resultados esperada.

iii) Accións previstas no proxecto que faciliten a efectiva aplicación da tecnoloxía na peme.

iv) Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva, e a asunción de compromisos concretos.

3º. Diversidade das solucións a implementar nas empresas participantes: 20 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Número de ámbitos «industria 4.0» dos enumerados no artigo 1 que se incorporan ás empresas.

ii) Intensidade da incorporación en cada empresa.

iii) Número de empresas que incorporan cada tecnoloxía.

4º. Sector ou ámbito de negocio no que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde participen maioritariamente empresas pertencentes a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 e actividades referenciadas no Reto 2 (O modelo industrial da Galicia do futuro) da estratexia RIS3 de Galicia. En particular:

i) Estratéxicos: Agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, Automoción, Enerxías Renovables, Madeira/Forestal, Naval/Industria marítima, Pedra Natural, Textil-moda.

ii) Emerxentes e de alto potencial: Aeronáutico/aeroespacial, Industria da saúde e do benestar, Industrias creativas, Biotecnoloxía, Novos materiais, Ecoindustria, TIC.

5º. Participación de centros e institucións tecnolóxicas como colaboradores externos: 15 puntos, un punto por cada 1 % da previsión de gasto en colaboracións externas do proxecto.

6º. Efecto demostrador no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 10 puntos que se avaliarán en función dos seguintes parámetros, en orde de maior a menor importancia:

i) Compromisos concretos de colaboración coa administración na difusión do proxecto, máis aló do mínimo fixado nestas bases reguladoras.

ii) Relevancia das empresas que forman parte da agrupación no sector concreto de aplicación.

iii) Variedade na posición destas empresas na cadea de valor do sector.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a agrupación solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A solicitude será presentada a través do organismo intermedio que lidere a dita agrupación. Para tal fin, con carácter previo á presentación da candidatura, deberá terse constituído a agrupación das pemes participantes á que fai referencia o artigo 4 destas bases.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

Dada a finalidade destas axudas de implementar tecnoloxías 4.0, para participar nun proxecto destas características as empresas deben partir dun nivel de desenvolvemento dixital no que se refire a recursos físicos e persoais que supón necesariamente que os autónomos que participen dispoñen de medios electrónicos adecuados, polo que a única vía de tramitación é a electrónica.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Documento contractual que regule o funcionamento interno da agrupación segundo o establecido no artigo 4.

b) Compromiso expreso do organismo intermedio líder da agrupación de realizar pola súa conta os seguintes soportes divulgativos segundo as instrucións ditadas polo Igape:

1º. Un vídeo de 5 minutos de duración cando menos no que se visualice o resultado da execución do proxecto de cada empresa e se valoren cualitativamente os resultados do conxunto da agrupación.

2º. Este vídeo complementarase cun informe de resultados de cada peme, cunha extensión orientativa de dúas páxinas por empresa, orientado á súa publicación web e no que se ofrecerá información gráfica e textual sobre cada proxecto.

c) Para cada partícipe da agrupación:

1º. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil ou as inscritas que se opoñan expresamente a que o Igape consulte estes datos.

2º. As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado as pemes participantes, de acordo co establecido no artigo 5 destas bases reguladoras.

3º. Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 6.3 destas bases, que se deberá xuntar como documento ao formulario electrónico de solicitude. Esta memoria tamén deberá incluír a correlación entre os ámbitos da Industria 4.0 que se implementan no proxecto de cada peme e os investimentos e gastos propostos.

4º. Anexo IV de comprobación de datos, que inclúe as seguintes declaracións da persoa partícipe da agrupación ou representante relativas á peme integrante da agrupación:

i) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

ii) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

iii) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

iv) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

v) Que cumpre os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

vi) Que non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

vii) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

viii) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun investimento subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (art. 125.4.d) e 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013).

ix) Que terá unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manterá as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos segundo o establecido no artigo 5 das bases reguladoras.

x) Se é o caso, que ten implantado un plan de igualdade.

xi) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa peme ou cos seus órganos directivos ou xestores de acordo co artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

Para o organismo intermedio líder da agrupación:

a) Consulta de concesións pola regra de minimis.

Para cada unha das pemes integrantes da agrupación:

a) DNI/NIE da persoa partícipe da agrupación.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.4 destas bases.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude ou no anexo IV de comprobación de datos, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

Os proxectos serán avaliados por un xurado composto por dúas persoas designadas polo director xeral do Igape entre o seu persoal, dúas persoas designadas polo director xeral da Axencia Galega de Innovación entre o seu persoal, e tres persoas designadas polo director xeral do Igape entre expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio nos ámbitos nos que se desenvolven os proxectos. Na primeira reunión constitutiva do xurado, os seus membros designarán de entre eles a quen faga de presidente, e designarán tamén á persoa que faga funcións de secretario, que pode non ser membro do xurado. Nese caso, non terá voz nin voto. O funcionamento do xurado axustarase ás normas contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Área de Competitividade do Igape é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios e axudas. A dita instrución finalizará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

Corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape ditar a resolución de concesión dos premios e axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

O incumprimento dos requisitos para ser beneficiario por parte dalgunha das pemes participantes levará á avaliación do proxecto sen ter en conta a participación desa peme en particular, ou á denegación do proxecto no seu conxunto no caso de incumprimento do organismo intermedio. Se unha vez aplicada esta condición quedaran no grupo menos de tres pemes, isto dará lugar á denegación do proxecto no seu conxunto.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. O xurado puntuará os proxectos segundo o baremo do artigo 6.3 e establecerá unha lista, ordenada por puntuación, na que se indique o sector ou ámbito de negocio ao que pertence cada proxecto. En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 1º dos descritos no artigo 6.3. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio 2º e así sucesivamente.

Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no art. 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto no que se prevea a implantación dun plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no anexo IV. De persistir o empate, darase preferencia aos proxectos segundo a súa orde de presentación.

Os proxectos deberán acadar unha puntuación mínima de 50 puntos para seren considerados con mérito suficiente para poder optar aos premios e, polo tanto, entrar na lista ordenada por puntuación.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución conxunta de concesión dos premios e axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape, con indicación do nome do organismo intermedio premiado, a contía fixa do premio, a parte variable da subvención que lle corresponde ao organismo intermedio e as subvencións individuais aos investimentos e gastos das pemes participantes nos proxectos premiados. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

2. Para a adxudicación dos premios, partirase da lista establecida polo xurado, e procederase da seguinte forma:

a) Adxudicarase un premio ao proxecto máis valorado dentro de cada un dos sectores ou ámbitos de negocio indicados polo xurado ata completar as seis posibles gañadoras.

b) No caso de que non fose posible adxudicar os seis premios porque nalgunha categoría ningún proxecto acadase a puntuación mínima ou porque non houbese suficiente número de categorías, adxudicarase o premio ao seguinte proxecto de maior puntuación aínda que corresponda a unha categoría sectorial xa premiada.

c) No caso de que non se puideran asignar os seis premios mediante este procedemento, un ou varios deles declararanse desertos.

No caso de que coa concesión dos seis premios non se esgotara o crédito dispoñible, poderán concederse axudas ás pemes participantes nos seguintes proxectos con maior puntuación entre os non premiados, sempre que superaran a puntuación mínima.

3. A resolución individual de concesión da subvención de cada peme participante no proxecto premiado, comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se Establecen as Condicións de Axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda, co contido previsto no apartado 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

4. A resolución conxunta dos premios e axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción electrónico). Sen prexuízo de que a concesión se anuncie no acto público de entrega do premio ao organismo intermedio líder da agrupación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións da resolución inicial dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas ao orzamento subvencionable á baixa, ao traspaso orzamentario entre partidas de gasto, á modificación á baixa do prazo de execución do proxecto, ao cronograma de execución, á tipoloxía de proxecto/s a acometer, ao cambio de provedores e tipoloxía de gasto, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. O beneficiario deberá comunicar ao Igape a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación, deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 7 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á Dirección Xeral do Igape. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, manter os investimentos durante polo menos tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte á natureza do investimento, ou o cesamento da actividade. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Colaborar co Igape nas actividades de demostración do concepto «Industria 4.0»: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas, e calquera outra similar.

c) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación ou, no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, de 2 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

f) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.

g) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

i) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

j) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no art. 5.

k) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, cada un dos integrantes da agrupación de xeito individual, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá ao beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do investimento/gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) A memoria de execución do proxecto incluída no formulario de liquidación.

d) A copia -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) destas bases.

e) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.1.b).9º das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

f) Aqueles proxectos nos que as colaboracións externas superen os 60.000 € e representen máis do 50 % da contía total subvencionable deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito no que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de interese, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados polo beneficiario e o efectivo desenvolvemento do proxecto de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución. Este informe poderá solicitarse por parte do Igape en proxectos que non cumpran esta condición, cando a súa especial dificultade técnica o aconselle.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

Deberá cubrir na ficha resumen de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

8. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

9. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme ao artigo 13 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime ao beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme á Lei 9/2007.

Artigo 16. Aboamento dos premios e axudas

1. Aboamento das axudas:

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. Aboamento dos premios:

O Igape aboará de oficio aos gañadores do premio á que fai referencia o artigo 1 destas bases a parte fixa do mesmo unha vez celebrado o acto público de entrega.

Os organismos intermedios presentarán a solicitude de cobramento da parte variable do premio, no prazo establecido na resolución de convocatoria, a cal será atendida unha vez xustificada a subvención correspondente ás pemes participantes.

A dita parte variable será aboada proporcionalmente á porcentaxe da correcta execución de cada proxecto subvencionado.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro ao que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

b) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable supere os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos neste artigo.

f) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.f) destas bases.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 15.9.

h) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

i) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

j) Procederá o reintegro do premio por parte do organismo intermedio no caso de que non se produza ningunha execución efectiva da axuda por parte de ningunha das pemes participantes.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Se o incumprimento desvirtuase o proxecto ou superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos nos que se aplique o artigo 5.1.b).12º destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14 destas bases, ou o plan de igualdade, suporá o reintegro dun 2% da subvención concedida.

b) Non colaborar co Igape nas actividades demostrativas en relación co proxecto, suporá o reintegro dun 4 % da subvención concedida.

c) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período no que se incumprira este requisito.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 14, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos, ou dous anos no caso de operacións cun investimento subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación; o Igape informará da data de inicio á que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de Datos Nacional de Subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia -Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de Organismo Intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, apartado 2, artigo 140, apartados 3 a 5, e Anexo XIII, apartado 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

d) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

e) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

f) Directrices sobre as axudas estatais de finalidade rexional para o período 2014-2020 (DOUE C 209, do 23 de xullo de 2013).

g) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

i) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Premios e axudas aos Proxectos Agrupados Industria 4.0 en Galicia 2020, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020

– Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no Anexo XII, apartado 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que da apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato a utilizar é o seguinte:

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Breve descrición no seu sitio de Internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrado no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FEDER-IG223-AgrupadoI4.0.png

b) Para os proxectos subvencionados por importe inferior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio. Para proxectos subvencionados por importe igual ou superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público durante o prazo de execución do proxecto.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

3. Para proxectos cunha subvención superior a 500.000 €, ademais, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da data de finalización do proxecto. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Prepararanse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión de conformidade co artigo 115, apartado 4 do Regulamento 1303/2013.

O contido e modelos da placa permanente serán idénticos aos do cartel temporal. Recoméndase a reprodución da placa permanente en material auto-adhesivo para contra-colage nunha base de metacrilato ou aceiro pulido, latón ou similar.

– Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en color nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou blanco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

– Características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais.

De acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O nome do proxecto, o principal obxectivo desta e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo deben figurar no cartel temporal ao que se refire o anexo XII, sección 2.2, punto 4, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ocupar polo menos o 25 % do cartel.

2. O nome do proxecto e o principal obxectivo da actividade apoiada por aquel, e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo que deben figurar na placa ou cartel permanentes a que se refire o punto 5 da sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 ocupará polo menos o 25 % da dita placa ou cartel.

– Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo do mesmo.

Se ben, en toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file