Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2020 Páx. 7240

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que convocan para o ano 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (códigos de procedemento VI482A e VI482B).

BDNS (Identif.): 492842.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as previstas no artigo 2 das bases reguladoras, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 3 das citadas bases.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das prórrogas extraordinarias previstas no artigo 6.2 das bases reguladoras aquelas persoas que finalizasen o período máximo ordinario de desfrute das axudas deste programa durante o ano 2019 ou 2020, coa excepción das sinaladas no artigo 2.1.h) das bases reguladoras.

Segundo . Obxecto

1. Convocar as axudas do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o ano 2020, con financiamento plurianual, que se tramitarán cos códigos de procedemento VI482A e VI482B.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Orde do 18 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, publicadas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 4 do 7 de xaneiro de 2019, modificada pola Orde do 16 de decembro de 2019 (DOG núm. 248 do 31 de decembro).

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2020, 2021, 2022, 2023 e 2024 faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2020

07.83.451B.480.3

200.000 €

2021

07.83.451B.480.3

200.000 €

2022

07.83.451B.480.3

200.000 €

2023

07.83.451B.480.3

200.000 €

2024

07.83.451B.480.3

200.000 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 11 de decembro de 2020.

2. As persoas beneficiarias deste programa e que non perderan o dereito mediante a oportuna resolución poderán solicitar a prórroga ordinaria ou, no seu caso, a extraordinaria, dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, no seu caso, das prórrogas que estea percibindo, coa excepción sinalada no parágrafo seguinte.

3. As persoas que á data da publicación desta convocatoria xa tiveran desfrutado os períodos ordinarios da axuda durante tres anos, poderán solicitar a prórroga extraordinaria no prazo de dous (2) meses, contados dende a publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo