Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2020 Páx. 6714

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR341S).

Na actualidade máis do 30 % da poboación de persoas traballadoras autónomas de Galicia sitúase por riba dos 55 anos, o que incide na necesidade de poñer en marcha un programa de substitución no emprego autónomo que permita aproveitar os esforzos realizados durante a etapa de consolidación do negocio por parte da persoa que deixa a actividade, á vez que se xeran oportunidades para novas persoas autónomas coas máximas garantías.

O programa de remuda xeracional está recollido na Estratexia do emprego autónomo 2017-2020, dentro da Axenda 20 para o emprego da Xunta de Galicia. O abandono da actividade da persoa traballadora autónoma non debe representar o final do seu negocio. Co programa de remuda xeracional búscase que outra persoa emprendedora adquira o negocio e continúe con el. A finalidade deste programa é a concesión de axudas económicas para a realización dun remuda xeracional ordenado nos negocios dos autónomos.

As actuacións desta orde compleméntanse coa web da oficina do autónomo onde hai un espazo habilitado para a publicación das ofertas de adquisición e transmisión de negocios onde os interesados poden poñerse en contacto e onde a persoa transmisora e a persoa adquirente poden inscribirse no programa de remuda xeracional.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro; e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de Subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2019; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 1.000.000 euros, que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPITULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR341S).

CAPÍTULO II

Obxecto bases reguladoras e marco xeral.

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do programa do bono renova nos negocios das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020.

2. A finalidade deste programa é a concesión de axudas económicas para a realización dunha remuda xeracional ordenada nos negocios das persoas traballadoras autónomas.

Artigo 3. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2019, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas; nos Regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 717/2014 da Comisión Europea. relativo ás axudas de minimis; e nesta orde.

Artigo 4 Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Financiamento

1. No exercicio económico de 2020, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse as axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 1.000.000,00 de euros. Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2019, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2020 adecuado e suficiente no momento da resolución. Segundo o artigo 25 do Regulamento da Lei de Subvencións de Galicia a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente neste programa.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 9.2 desta orde . No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora. Isto será así para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en conxunto.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 6. Persoas beneficiarias

1. Serán persoas beneficiarias destas axudas a persoa traballadora autónoma que vai transmitir o seu negocio por cese, e que no momento da transmisión estea nalgunha das seguintes situacións no momento da transmisión do negocio:

a) Que teñan 60 anos ou máis.

b) Pola declaración de incapacidade total ou absoluta (incluíndo grande invalidez) recoñecida polos órganos competentes da seguridade social.

c) As persoas herdeiras no caso de falecemento da persoa traballadora autónoma titular do negocio.

No caso das persoas traballadoras autónomas societarias para ser persoas beneficiarias desta axuda a transmisión das accións ou participacións da sociedade debe supoñer o control da sociedade por parte do adquirente, é dicir, posuír máis do cincuenta por cento das accións ou participacións da sociedade.

No caso de transmisión do negocio por ter a persoa traballadora autónoma 60 anos ou máis, debe levar máis de 24 meses de alta no no Réxime especial de traballadores autónomos (RETA).

2. Tamén será beneficiaria da axuda a persoa que adquira o negocio e que estea dada de alta no Réxime especial de traballadores autónomos (RETA) tras a súa adquisición.

Artigo 7. Exclusións

Estarán excluídas as transmisións realizadas entre os cónxuxes.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde as persoas ou entidades nas que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Subvencións

1. A persoa transmisora terá unha subvención de 5.000 € para compensar os gastos derivados do traspaso.

No caso de que o negocio teña varios persoas donas a axuda consistirá no pagamento desa contía en proporción á súa participación

2. A persoa adquirinte terá tres liñas de axudas:

a) Bono asesoramento: A persoa adquirente terá unha axuda consistente no pagamento do 100 % cun límite de 3.000 € dos gastos de asesoramento realizados mediante un contrato que deberá ter as seguintes cláusulas obrigatorias:

– Cláusula de obxecto do contrato:

A prestación de servizos dentro do programa do bono renova 2020 consistirá en:

1. Análise e viabilidade do negocio.

• Funcionamento do negocio.

• Análise do estado económico-financeiro.

• Análise comercial.

• Carteira de clientes.

• Análise da situación legal e administrativa do local e da actividade.

Neste análise deberá terse en conta a estrutura económico financeira. O custo de transferencia do negocio, o financiamento alleo e as modificacións nos custos fixos.

2. Elaboración plan empresarial.

O documento recollerá os aspectos estratéxicos fundamentais e que se condensarán en catro bloques:

• Antecedentes do proxecto.

• Estudo de mercado.

• Definición da oferta (márketing mix)

• Análise económico financeiro.

3. Acompañamento no proceso de peche da transmisión e de posta en marcha da empresa.

• Orientación e asesoramento nas distintas situacións particulares que se poidan presentar.

• Elaborar os documentos necesarios para formalizar a transmisión.

• Asesoramento na posta en marcha do negocio e as súas implicacións fiscais e legais.

O negocio obxecto da compra debe facerse constar no obxecto do contrato de xeito que poida ser perfectamente identificado

– A cláusula de confidencialidade.

– A cláusula de custo do servizo que debe ter o prezo determinado que a persoa adquirente debe pagar á entidade, profesional ou asociación de autónomos que lle asesora.

O asesoramento poderá ser efectuado por empresas, entidades ou profesionais adicados ao asesoramento e polas asociacións de traballadores autónomos.

Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se o negocio ten varias persoas adquirentes para explotalo conxuntamente a axuda será por negocio en proporción á súa participación.

b) Bono formación: a persoa beneficiaria recibirá unha axuda de ata 6.000 € para realizar formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio a emprender e así se xustifique. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada no prazo comprendido de tres meses antes da alta ata o 31 de outubro de 2020.

O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable, que será desde 3 meses antes da alta ata o 15 de novembro de 2020 e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Non se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Bono Inicio de actividade, será unha subvención para os gastos de inicio de actividade que será dunha cantidade de 5.000 por negocio e terá un incremento de 3.000 por traballador por conta allea de alta na empresa no momento do traspaso e que se comprometa a manter durante un período mínimo de 2 anos.

Este incremento será por un máximo de 5 traballadores, entre os que se incluirán as persoas que se dean de alta como traballadoras autónomas se fosen uns traballadores da empresa.

Para este bono o adquirinte comprometese a manter o negocio durante un período mínimo de 2 anos e a manter os traballadores polos que solicite a axuda durante ese período mínimo de 2 anos mantendo como mínimo a mesma xornada.

Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación, ou na súa falta na xornada máxima legal

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente por razón de territorio segundo a localización do centro de traballo obxecto do contrato de transmisión declarado pola persoa solicitante.

Artigo 10. Solicitudes e prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020, cumprindo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei de Subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos segundo o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (Dog do 26 de xullo). Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

3. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos esixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán á persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución, tramitación e notificación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego da xefatura territorial competente por razón de territorio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

A solicitude deberase presentar no modelo que figura como anexo II a esta orde xunto coa seguinte documentación:

1. Documentación común para todo tipo de axudas:

a) Contrato de transmisión do negocio ou documento análogo asinado pola persoa adquirente e a transmitinte ou polos seus representantes e debe ter obrigatoriamente unha cláusula de non competencia por parte da persoa transmitinte. No caso de transmisión de accións ou participacións dunha sociedade o contrato de transmisión ou documento análogo debe explicitar a porcentaxe de accións ou participacións que o adquirente pasa a posuír e debe ser maior do cincuenta por cento para ter dereito a axuda regulada nesta orde.

b) No caso de transmisión por incapacidade da persoa traballadora autónoma, resolución da incapacidade total ou absoluta polo órgano competente, se procede

c) No caso da transmisión do negocio por parte das persoas herdeiras por falecemento da persoa traballadora autónoma dona do negocio, deberán presentar a documentación xustificativa da herdanza (certificado de defunción da persoa traballadora autónoma, certificado de últimas vontades, testamento ou declaración das persoas herdeiras).

d) No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

2. Documentación especifica:

a) Bono asesoramento.

– As solicitudes deberán ir acompañadas do contrato de asesoramento que deberá incluír as cláusulas obrigatorias especificadas no artigo 7 desta orde, e os datos identificativos do negocio sobre o que se fai o asesoramento.

– Factura e pago do asesoramento.

b) Bono formación.

– Modelo Anexo II xunto coas facturas proforma ou orzamentos dos cursos a realizar, no caso de estar efectivamente pagadas, facturas e xustificante bancario do seu pagamento

c) Bono inicio actividade.

– Informe de vida laboral do código conta cotización correspondente ao mes da transmisión do negocio e do mes anterior.

– Anexo III, debidamente cuberto e asinado, de ser o caso.

– Anexo IV, debidamente cuberto e asinado, de ser o caso.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deles.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e da representante.

b) Vida laboral da persoa solicitante.

c) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. Salvo que as persoas traballadoras polas que se solicita o mantemento do emprego, o que deberán indicar no recadro sinalado no anexo IV e achegar os documentos correspondentes, consultaranse os seguintes datos das persoas traballadoras:

a) DNI ou NIE.

b) Vida laboral.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido no artigo 25.3 da Lei de subvencións de Galicia. O prazo de resolución non poden ir máis alá do 31 de decembro de 2020.

3. Unha vez que o órgano competente notifique a resolución, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

4. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos Regulamentos de minimis.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecidos na resolución ou, se é o caso ata o 20 de decembro de 2020.

2. Documentación xustificativa para a subvención:

a) Para todas as axudas: declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V)

b) No caso do bono de formación:

– Facturas da empresa, entidade ou persoa física, e documentos bancarios acreditativos do efectivo pagamento do servizo recibido.

– Certificado da entidade formadora da asistencia da persoa solicitante ao curso/actividade obxecto da axuda

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións públicas.

Artigo 20. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias

Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias:

1. A persoa adquirente e a transmitinte teñen a obriga de estar inscritos separada ou conxuntamente no Programa de remuda xeracional na oficina do autónomo.

2. A persoa adquirente debe estar dada de alta no RETA no mes seguinte á transmisión do negocio, mantendo a alta no RETA e na actividade do negocio que se adquire durante un período mínimo de 2 anos.

3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un período mínimo de 2 anos desde a data da transmisión do negocio, mantendo como mínimo a xornada pola que se concedeu a subvención.

No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa ou entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación, polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á de persoa substituída . Para cubrir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación debe serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda xunto cun novo anexo -- referido á nova contratación e non dará lugar en ningún caso a unha nova subvención. A suma do tempo contratada da persoa traballadora e da substituta debe ser como mínimo igual aos dous anos

4. Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, coa Seguridade Social.

5. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 8 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 20.2, de mantemento da alta no RETA durante un período de dous anos.

3. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 20.3 de mantemento do emprego e xornada da persoa traballadora contratada. Esta contía será o resultado da diferencia entre a axuda concedida por esa persoa traballadora e a que lle correspondería unha vez acabado os 2 anos de mantemento.

4. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 20.2 de manter a alta no RETA durante dous anos, e se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos

5. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 23. Seguimento e control

A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establecen nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 24. Réxime das axudas

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o limite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites de deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Artigo 25. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64º do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Documentación orixinal

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Disposición adicional terceira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, e nas persoas responsables das correspondentes xefaturas territoriais desta consellería para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer as obrigas e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional cuarta Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como Diarios Oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde e as súas convocatorias anuais.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file