Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7376

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2019 pola que se convocan as subvencións para a adquisición de vivenda xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (códigos de procedemento VI435A e VI400A).

A Xunta de Galicia ten como obxectivo fomentar o acceso á vivenda no seu territorio, velando polo cumprimento do dereito á vivenda de toda a cidadanía, recoñecido no artigo 47 da Constitución española de 1978. Con esta finalidade, promulgouse a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que se dirixe, tal e como proclama a súa exposición de motivos, a garantir o acceso á vivenda a quen realmente o necesita.

A realidade social dos últimos anos puxo de manifesto que un segmento da poboación moza sufriu con maior intensidade o problema do desemprego e tivo maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo e, polo tanto, para acceder a unha vivenda en propiedade. Neste contexto, o Instituto Galego da Vivenda e Solo puxo en marcha dúas liñas de subvencións encamiñadas a fomentar a adquisición de vivenda por persoas menores de 35 anos e, deste xeito, axudar as persoas mozas a afrontar a súa emancipación. Estas dúas liñas de axudas son, por unha parte, as subvencións para a adquisición previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 9 de marzo), dirixidas a facilitar ás persoas mozas o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade situada en concellos de menos de 5.000 habitantes; e, por outra, as subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, coas que, ademais, se pretende revitalizar e poñer en valor os conxuntos históricos, así como contribuír ao asentamento de nova poboación nestes ámbitos.

Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións citadas para a anualidade 2020; a súa tramitación axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020 as seguintes liñas de subvencións para a adquisición de vivenda:

a) Subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitarán co código de procedemento VI435A.

b) Subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas nas seguintes resolucións:

1. Resolución do 12 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI435A), publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019.

2. Resolución do 18 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda nos centros históricos e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI400A), publicada no DOG núm. 124, do 2 de xullo.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións obxecto desta convocatoria financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2020:

a) No caso das subvencións para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A), aplicación orzamentaria 07.83.451B.780.1, por un importe total de 800.000 euros.

b) No caso das subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos (código de procedemento VI400A), aplicación orzamentaria 07.83.451B.780.2, por un importe total de 102.700 euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. No suposto de existir remanente nalgunha das anteriores aplicacións, poderíase utilizar para financiar solicitudes da outra aplicación, mediante a pertinente xestión orzamentaria.

A alteración da distribución da contía total máxima entre os créditos orzamentarios citados no parágrafo primeiro non precisará dunha nova convocatoria, pero sí das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación polos mesmos medios que a convocatoria, de acordo co previsto no artigo 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.

b) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:

– Respecto á vivenda.

• No caso de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A), que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

• No caso de subvencións para a adquisición de vivenda en centros históricos (código de procedemento VI400A), que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se determinan os centros históricos para os efectos das deducións previstas no número 14 do artigo 5 e nos números 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (DOG núm. 51, do 13 de marzo de 2018).

– Respecto ao prezo de adquisición da vivenda.

• No caso de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A), que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.

• No caso de subvencións para a adquisición de vivenda en centros históricos (código de procedemento VI400A), que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m² e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non poderá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m² e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

– Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

h) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas, no caso de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A).

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

Quinto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2018. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario, debidamente cuberto, que se incorpora como anexo I a esta resolución (no caso de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 - código de procedemento VI435A) ou como anexo II (no caso de subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos - código de procedemento VI400A). Tanto nun como noutro caso a solicitude deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada copropietario/a interesado/a na concesión destas axudas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén poderán presentarse presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude, a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco (5) anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda.

d) Compromiso de ocupar a vivenda no prazo máximo de tres (3) meses, contados desde a súa adquisición.

e) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio español, agás os supostos exceptuados nas bases reguladoras destas axudas.

i) No caso de subvencións para adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A), declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle teña revogada ou fose obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

j) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Oitavo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Anexo III, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un modelo de anexo III por cada unha delas.

c) Anexo IV, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañado da seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

d) No caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

e) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– De ser o caso, documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia no poden habitar a vivenda familiar por calquera outra causa allea á súa vontade.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

f) Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

g) Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que fose formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.

h) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude.

i) No suposto de solicitudes de subvención para a adquisición de vivenda en centros históricos, certificado emitido polo concello correspondente de que a vivenda está situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, o IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a súa acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. No caso de que os documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo 2. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, cando sexan estranxeiras, de ser o caso.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT), da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

f) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia, correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

g) Certificacións da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

i) Certificación de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

j) Certificación de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

k) Título de familia numerosa, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia.

l) Certificado acreditativo da discapacidade, no caso de que a persoa solicitante e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia e o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de que deba ser expedido por outra Administración pública, deberá achegarse a correspondente documentación.

m) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

m) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da consellería competente en materia de política social, da persoa solicitante así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

ñ) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia, no caso de que fagan constar na solicitude que lles é de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos cadros correspondentes habilitados nos anexos I, II e III e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo terceiro. Procedementos de concesión e requirimentos de emenda

1. Os procedementos iniciaranse de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación das correspondentes convocatorias.

2. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria recollerá a obriga da/das persoa/s beneficiaria/s de achegar, no prazo que se determine na correspondente convocatoria, a escritura pública de compravenda que acredite a adquisición dunha vivenda que reúna os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Xustificación das subvencións

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar a subvención mediante a achega da documentación especificada no ordinal décimo noveno da Resolución do 12 de decembro de 2018, no caso de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A) e no ordinal décimo noveno da Resolución do 18 de xuño de 2019, no caso de subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos (código de procedemento VI400A).

2. A documentación xustificativa das subvencións concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro de 2020.

3. A persoa beneficiaria poderá ceder o seu dereito de cobramento da totalidade do importe da subvención á persoa vendedora da vivenda nos termos previstos no ordinal vixésimo da Resolución do 12 de decembro de 2018, no caso de subvencións para a adquisición de vivenda do Plan 2018-2021 (código de procedemento VI435A) ou no ordinal vixésimo da Resolución do 18 de xuño de 2019, no caso de subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos (código de procedemento VI400A).

Décimo sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. As persoas beneficiarias deberán subministrar ao IGVS, logo do requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Décimo oitavo. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, nos propios formularios anexos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá nos devanditos formularios.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida aos procedementos, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo noveno. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file