Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7455

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2020 do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade enxeñaría técnica agrícola, convocado mediante a Orde do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 47, do 7 de marzo) pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 13 e o 14 de xaneiro de 2020, o tribunal nomeado mediante a Orde do 12 de xullo de 2019 (DOG núm. 137, do 19 de xullo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade enxeñaría técnica agrícola, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo), modificado pola Orde do 23 de xullo de 2019 (DOG núm. 144, do 31 de xullo),

ACORDOU:

Primeiro. Unha vez revisadas, na sesión que tivo lugar o 13 de xaneiro de 2020, as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria:

– Anular as preguntas 31, 48, 68 e 72, que pasan a ser substituídas polas preguntas de reserva 93, 94 e 95.

– Cambiar a resposta da pregunta 80, que pasa da resposta b) á a).

– Desestimar o resto das alegacións presentadas.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos). Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, aprobados polo tribunal no Acordo do 20 de novembro de 2019, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións, ata completar o número máximo de 80, sempre que obtivesen un número mínimo de 36 respostas correctas na quenda libre e un número mínimo de 28 respostas correctas na quenda de promoción interna (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta). Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa declarada apta que marque o corte considéranse igualmente aptas, aínda que se supere o número de persoas aspirantes antes indicado (80).

Dado que como consecuencia das impugnacións admitidas o número total de preguntas válidas é de 89 para a quenda de acceso libre e de 69 para a quenda de promoción interna, procede reducir proporcionalmente o número mínimo de respostas correctas, de xeito que o número mínimo de respostas correctas na quenda de acceso libre pasa a ser de 35, e o número mínimo de respostas correctas na quenda de promoción interna pasa a ser de 27.

Asignouse a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada.

O resto das persoas declaradas aptas teñen unha puntuación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito asignouse a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección na sesión do 14 de xaneiro de 2020, e consonte os criterios anteriores, superaron o exame un total de 44 persoas aspirantes no conxunto de todas as quendas, todos eles pertencentes á quenda de acceso libre, dado que da quenda de promoción ningunha das persoas aspirantes obtivo o mínimo de preguntas correctas establecido.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade enxeñaría técnica agrícola, no lugar onde se realizou a proba e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020

Olga Janeiro Barandiarán
Presidenta do tribunal