Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7361

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS614B).

BDNS (Identif.): 487926.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Respiro Familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2020 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

Segundo. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos mil euros (600.000 €) que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.04.312D.480.3.

Terceiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha persoa con necesidades especiais de atención persoal.

Cuarto. Requisitos para acceder á subvención

Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que ben o coidador ou ben a persoa que se atende sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se coida presente calquera das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.

3º. Que a persoa que se coida presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

c) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do último exercicio.

Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro Familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS614B).

Sexto. Tipo de axuda e contía

1. Modalidade Respiro no fogar.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, prestarase unha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter a estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

A axuda consiste nunha achega para contribuír ao pagamento do importe dos citados servizos a domicilio, cuxa contía estará determinada en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: 14 €/hora.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 euros: 7 €/hora.

2. Modalidade de Respiro en residencia.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade establece a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento da estadía coa porcentaxe do custo que se establece a seguir en función dos seus ingresos económicos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: subvención do 70 % do custo do servizo.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: subvención do 50 % do custo do servizo.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: subvención do 25 % do custo do servizo.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 euros: subvención do 10 % do custo do servizo.

O importe da axuda económica ou custo do servizo calcularase sobre un prezo máximo da estadía.

O prezo máximo da estadía será de 80,00 €/día (IVE incluído) para estadías quincenais ou de duración inferior e de 90,00 €/día (IVE incluído) para estadías de fin de semana ou de días festivos.

Serán as persoas solicitantes as que aboen o importe total da estadía.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitude comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social