Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7330

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro Familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS614B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígna á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexa real e efectiva, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural. Así mesmo, establece no artigo 3 como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia.

Do mesmo xeito, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade política o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Plan estratéxico rexional de Galicia 2015-2020 recolle un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir e, en concreto, potenciar o desenvolvemento de recursos destinados á permanencia das persoas maiores no seu contorno habitual, particularmente daquelas persoas que presentan algún tipo de limitación no seu grao de autonomía persoal.

A Consellería de Política Social, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, ten, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, entre outras, a competencia para dirixir, impulsar, xestionar, planificar, coordinar, controlar e supervisar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, ás persoas con discapacidade e persoas dependentes en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Esta convocatoria pretende seguir avanzando na mellora da conciliación das familias galegas e ampliar a tipoloxía dos recursos a que dá cobertura, coa finalidade de que estas dispoñan dun abano máis amplo de posibilidades que dean resposta aos supostos de necesidades puntuais; deste xeito, ademais da modalidade Respiro en residencia, o programa de Respiro de persoas coidadoras subvencionará a prestación de servizos de atención e coidado no propio domicilio da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade, a través da modalidade Respiro no fogar.

Deste xeito estamos prestando apoio ás persoas coidadoras e facilitamos que poidan manter a súa vida social, familiar e de lecer, ao mesmo tempo que mantemos unha mellor calidade de vida de todas as persoas implicadas.

Neste senso, o aumento da esperanza de vida incrementou a proporción de persoas que precisan de apoios para poderen realizar as actividades básicas da vida diaria. A achega predominante da familia na provisión de coidados a estas persoas precisa de medidas de apoio no medio familiar e laboral, o que supón a necesidade de diversificar os programas orientados á atención das persoas dependentes e a creación de novos recursos alternativos á clásica atención residencial.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Por outra banda, a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no correspondente proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Para a finalidade da presente orde, existe no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, na aplicación 13.04.312D.480.3 crédito adecuado e suficiente.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Respiro de persoas coidadoras para o exercicio 2020 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

2. Así pois, para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores, o obxecto desta orde defínese a través das seguintes modalidades do citado programa:

a) Modalidade de Respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.

b) Modalidade de Respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar estadias temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Política Social cun orzamento de 600.000 € que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.04.312D.480.3, na cal existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001; a concesión das subvencións quedará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O período subvencionable comprenderá desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de novembro de 2020.

4. Realizarase unha desconcentración inicial do 50 % do crédito dispoñible entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do número de persoas dependentes e con discapacidade existentes en cada provincia. O crédito restante será desconcentrado sucesivamente en función das solicitudes presentadas en cada provincia de modo que se garanta que, no caso de que o crédito se esgote, se respecte en todo caso a orde de presentación de solicitudes a nivel autonómico. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Política Social o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

5. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha persoa con necesidades especiais de atención persoal.

Artigo 4. Requisitos para acceder á subvención

Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que ben o coidador ou ben a persoa que atende, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa a que se coida presente calquera das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.

3º. Que a persoa a que se coida presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

c) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do último exercicio.

Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Tipo de axuda e contía

1. Modalidade Respiro no fogar.

1.1. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, prestarase unha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo que deberá ser prestado por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa solicitante, cubrirá os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa en ausencia dos coidadores e poderanse prestar as seguintes tarefas:

a) Compañía activa: manter conversación, lectura e apoio.

b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.

e) Administrar medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestar coidados mínimos a enfermos crónicos.

f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.

g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

Cando nun domicilio se atenda máis dunha persoa usuaria, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

1.2. Horario e duración do servizo.

Con carácter xeral, concederase un máximo de 72 horas por persoa beneficiaria para cada ano natural. Estas horas poderán distribuírse de luns a domingo.

1.3. Contía da axuda.

1.3.1. A axuda consiste nunha achega para contribuír ao pagamento do importe dos citados servizos a domicilio, cuxa contía estará determinada en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: 14 €/hora.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 euros: 7 €/hora.

1.3.2. A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 15.

2. Modalidade de Respiro en residencia.

2.1. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade establece a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos:

a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas beneficiarias. No caso de que unha persoa beneficiaria desexe ocupar unha habitación individual, estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.

b) Menú axeitado baixo supervisión médica.

c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida...).

d) Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que a persoas usuarias teñan prescrito polos seus especialistas, se for o caso).

2.2. Duración do servizo.

En función da súa duración, as estadías no centro residencial elixido poderán ser de dous tipos:

a) Estadías de ata un máximo de 15 días.

A estadía terá unha duración máxima de 15 días (14 noites) por persoa beneficiaria para cada ano natural e poderase prorrogar unicamente en circunstancias excepcionais ou cando a persoa con dependencia teña recoñecida a libranza de coidados no contorno familiar do SADD; neste caso contará cun máximo de 45 días, ao ano, sempre que non dispoña xa da compatibilidade con outro recurso (segundo o establecido no artigo 64.5, alíneas b), c) e d) da Orde do 2 de xaneiro de 2012).

b) Estadías de fin de semana.

Trátase de estadías dun fin de semana completo, considerando como tal a entrada o venres a partir das 19.00 horas e a saída o domingo antes das 19.00 horas.

Establécese, como excepción, a posibilidade da estadía en día festivo (un como máximo), que poderá cadrar ou non unido ao fin de semana. O horario de entrada é o sinalado no parágrafo anterior e computarase como unha estadía dun día completo.

Coa finalidade de posibilitar o acceso ao programa ao maior número de solicitantes posible, unicamente se poderá conceder ao mesmo beneficiario un máximo de dous fins de semana para cada ano natural.

2.3. Contía da axuda.

A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento da estadía coa porcentaxe do custo que se establece a seguir en función dos ingresos económicos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: subvención do 70 % do custo do servizo.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: subvención do 50 % do custo do servizo.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: subvención do 25 % do custo do servizo.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 euros: subvención do 10 % do custo do servizo.

O importe da axuda económica ou custo do servizo calcularase sobre un prezo máximo da estadía.

O prezo máximo da estadía será de 80,00 €/día (IVE incluído) para estadías quincenais ou de duración inferior e de 90,00 €/día (IVE incluído) para estadías de fin de semana ou de días festivos.

Serán as persoas solicitantes as que aboen o importe total da estadía.

2.4. Requisitos dos centros que prestan os servizos.

O centros residenciais elixidos polos beneficiarios do programa deberán de estar autorizados pola Consellería de Política Social para a atención de persoas en situación de dependencia para poderen prestar o programa de Respiro Familiar.

Para tal fin, desde as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social informarase os centros residenciais con prazas privadas que reúnan os requisitos anteriores das condicións que se establecen para este programa, para os efectos da elaboración dunha listaxe de centros habilitados para a prestación do servizo que será publicada na páxina web da Consellería de Política Social.

Artigo 6. Renda per cápita

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da adición das rendas de cada un dos seus membros do último exercicio fiscal, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

b) O importe anterior dividirase entre número de membros computables da unidade familiar.

2. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 7. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberase efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do servizo recibido.

4. O solicitante deberá presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde (anexo I), o cal terán que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3. O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social, epígrafe de axudas e subvencións (código de procedemento BS614B), o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar xunto co anexo I (solicitude), se procede, a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos do dependente, cónxuxe, parella e outros membros da unidade familiar.

b) Informe social (segundo o modelo do anexo III ) ou no modelo unificado (ISU) relativo á persoa dependente, só naqueles casos que non exista recoñecemento de grao dependencia ou que variasen as circunstancias desde a valoración da dependencia.

c) Informe médico relativo á persoa dependente segundo o modelo do Sergas, só naqueles casos en que non exista recoñecemento do grao dependencia

d) Copia do pasaporte, se procede, do coidador e da persoa dependente.

e) Xustificación documental da situación de respiro do coidador.

f) Certificado das pensións non outorgadas, se for o caso, polo Instituto Nacional da Seguridade Social, nin pola Xunta de Galicia, do cónxuxe, parella ou outros membros computables da unidade familiar.

g) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente se non fose expedido pola Xunta de Galicia.

h) Copia do libro de familia completo ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nesta orde. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento poderán consultarse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, da persoa dependente, do cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, da persoa dependente, do cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

c) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente expedido pola Xunta de Galicia.

d) Declaración do IRPF da persoa solicitante, do cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período en que se presente a solicitude, así como o certificado das pensións outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social ou pola Xunta de Galicia.

No caso de non estar obrigada a presentar a declaración do IRPF algunha das persoas anteriormente citada, consultarase o nivel de renda correspondente ao último exercicio, segundo os datos que constan na Axencia Estatal Tributaria (AET).

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e, de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas, deberán facer constar a súa oposición expresa no recadro habilitado para o efecto no anexo I e no anexo II, de ser o caso, e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da dita consellería, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses, contados desde o día seguinte á data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade, electrónica ou en papel, escollida para a notificación. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por estes medios, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de interpor recurso de reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 17. Pagamento e xustificación da axuda

Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias disporán da subvención logo de achegar á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo IV).

b) Copia das facturas (ou documentos de valor probatorio equivalente) acreditativas dos gastos realizados, onde conste expresamente a identificación (nome e DNI) da persoa que recibe o servizo, o día e/as hora/s en que se prestou e o nome e NIF da persoa ou empresa ou entidade que emite a factura e prestou o servizo.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura. Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e o seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda: xustificante médico de enfermidade da persoa coidadora, así como xustificación documental ou, na súa falta, declaración responsable da circunstancia que impide o coidado da persoa dependente.

No suposto de se producir algunha variación na renda da unidade familiar ou respecto do declarado no momento de presentación da solicitude, deberase comunicar á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato. Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente en que se debe ingresar a axuda.

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do 5 de decembro de 2020.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a achegue debidamente.

As xefaturas territoriais realizarán as comprobacións necesarias antes do pagamento da axuda e poderán exixir xustificacións complementarias cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

2. Todas as persoas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración actuante, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 19. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión do servizo subvencionado, o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Publicidade e información ás persoas interesadas

1. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por seren un dos supostos de excepción previstos nas ditas normas.

2. Non obstante o anterior, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS614B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), no portal da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que as persoas interesadas poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file