Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7325

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Ordes no núcleo de Reboredo.

O Concello de Ordes remite a modificación de referencia, para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ordes conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente polo pleno municipal o 28 de novembro de 1996.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 21 de xuño de 2016 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación na data 11 de xullo de 2016 (DOG do 3 de agosto), no cal se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas contestaron, ademais da SXOTU:

a) Servizo de Montes da Coruña: informe do 10 de maio de 2016, sen obxeccións.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 23 de maio de 2016 canto a que a modificación non terá impacto nas súas competencias.

4. A arquitecta técnica municipal e o secretario do Concello emitiron o 20 de setembro de 2016 cadanseu informe favorable á aprobación inicial da modificación.

5. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 23 de setembro de 2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego do 14 de outubro de 2016 e Diario Oficial de Galicia do 2 de novembro de 2016) sen que fosen presentadas alegacións.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 30 de maio de 2017:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 22 de febreiro de 2017, sobre a non necesidade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Instituto de Estudos do Territorio: informe do 8 de maio de 2017, sen obxeccións.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 22 de marzo de 2017, favorable.

b) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, sen que conste a súa emisión.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Carral, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso e Tordoia, e responderon unicamente os concellos de Mesía (22 de febreiro de 2017) e Tordoia (16 de marzo de 2017), sen obxeccións á modificación.

7. A arquitecta técnica municipal e o secretario do Concello emitiron o 20 de febreiro de 2018 cadanseu informe favorable á aprobación provisional da modificación.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello pleno do 2 de marzo de 2018.

9. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 17 de agosto de 2018. O Servizo de Urbanismo requiriu o 28 de novembro de 2018 a emenda das deficiencias observadas.

10. A Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento emitiu o 8 de maio de 2019 un informe favorable con condicións á modificación.

11. O pleno municipal do 26 de xullo de 2019 aprobou provisionalmente de novo a modificación.

12. O Concello, mediante escritos do 6 de agosto de 2019 e 27 de agosto de 2019, achegou a documentación. O último proxecto aprobado provisionalmente, de maio de 2019, vén subscrito polo arquitecto Isidro López Yáñez (Estudio Técnico Gallego, S.A.).

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta unha vía prevista nas normas subsidiarias municipais no núcleo rural de Reboredo. Tal vía sitúase sobre terreos de titularidade privada, parcela catastral 8804401NH4780N0001JG. Os terreos lindeiros están cualificados polas normas vixentes como solo non urbanizable de núcleo rural área 1 (NN 1).

2. A modificación ten por obxecto a supresión desa vía. Constátase que a fixación de vías no núcleo de Reboredo se realizou a partir de marcar equidistancias a ambos os lados das vías existentes. A ampliación das vías realízase sempre a partir das vías existentes, excepto na vía que é obxecto da presente modificación puntual, prevista nas NN.SS. atravesando unha propiedade privada e sen ningunha finalidade de conexión con outras vías nin de mellorar a accesibilidade do núcleo, que desvirtúa a morfoloxía do núcleo rural e complica os entroncamentos viarios.

As razóns de interese público encádranse na mellora da ordenación urbanística vixente e na resolución de problemas de circulación.

3. A modificación consiste en:

a) Modificar a folla 2 do plano de ordenación do solo urbano, tramando a vía como «zona exenta de edificabilidade». Introdúcese a folla modificada do plano de aliñacións do núcleo urbano de Ordes e a do plano de servizos.

b) Modificar o primeiro parágrafo da alínea de edificabilidade da ordenanza de solo non urbanizable de núcleo rural NN 1, de xeito que a franxa de vía que desaparece non se compute para os efectos do cálculo da edificabilidade. Inclúese un parágrafo relativo ao cumprimento das servidumes aeronáuticas.

c) Engadir un plano de servidumes aeronáuticas.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e posta en relación coas observacións feitas no informe da SXOTU do 21 de xuño de 2016 e as alteracións que o proxecto aprobado provisionalmente supón respecto do borrador daquela presentado, obsérvase:

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG e punto III.1 do informe da SXOTU do 21 de xuño de 2016).

Os fins expostos en relación coa resolución de problemas de circulación enténdense compatibles co interese público. Tendo en conta a pequena entidade da alteración da ordenación, a valoración da súa oportunidade e conveniencia desde o punto de vista urbanístico, corresponde ao Concello.

2. Contido da modificación (punto III.2 do informe da SXOTU do 21 de xuño de 2016).

a) O proxecto aprobado provisionalmente contén as modificacións no seu texto necesarias para adaptalo á Lei 2/2016, do solo de Galicia.

b) Inclúe os planos modificados das normas subsidiarias onde se grafa a vía.

c) O parágrafo relativo ás servidumes aeronáuticas que se introduce non se adapta plenamente ao informe emitido pola Dirección Xeral de Aviación Civil o 8 de maio de 2019, polo que deben introducirse as seguintes modificacións:

1. Onde por erro di: «...así como a altura máxima da vía férrea, non deberá sobrepasar as alturas...», debe dicir: «...así como a altura máxima da vía ou da vía férrea, sobrepasará as alturas...».

2. Engadirase ao final do parágrafo «A execución de calquera construción, instalación (postes, antenas, aeroxeradores –incluídas as pas–, medios necesarios para a construción (incluídos os guindastres e similares) ou plantación, requirirá o acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 30 e 31 do Decreto 584/1972 na súa actual redacción».

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Ordes no núcleo rural de Reboredo, condicionada ao cumprimento das observacións sinaladas no punto III.2.c) anterior.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Cuarto. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Quinto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2019

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo