Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7319

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de decembro de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo.

O Concello de Carballo remite a modificación puntual referida, para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación subscrita polos arquitectos Beatriz Aneiros Filgueira e Álvaro Fernández Carballada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por Orde desta consellería do 4 de febreiro de 2016.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 16 de maio de 2018 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico da modificación no 5 de xuño de 2018 resolvendo non sometela á avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Contestaron, ademais da DXOTU:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 24 de maio de 2018 en que se indica que a modificación non ten incidencia sobre a paisaxe.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 14 de maio de 2018 en que se indica que a modificación non terá impacto nas actividades de acuicultura mariña ou continental competencia desa dirección xeral.

4. No expediente remitido consta un informe técnico e xurídico municipal do 9 de outubro de 2018 favorable á aprobación inicial da modificación.

5. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 29 de outubro de 2018. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 16 de novembro de 2018 e Diario Oficial de Galicia do 14 de decembro de 2018). Non foron presentadas alegacións, segundo o certificado do 2 de abril de 2019 incluído para o efecto no expediente.

6. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado o 15 de marzo de 2019:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 2 de xaneiro de 2019, en que se indica a non necesidade de someter a modificación ao informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 14 de xaneiro de 2019, favorable.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 18 de febreiro de 2019, favorable.

– Augas de Galicia: informe do 27 de febreiro de 2019, no que se sinala que a modificación non afecta as competencias deste organismo de bacía.

– Instituto de Estudos do Territorio: informe do 1 de marzo de 2019, sen obxeccións.

– Portos de Galicia: informe do 2 de abril de 2019, sen afeccións ás súas competencias.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia, que non emitiron informes.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta:

a) Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: informe do 22 de xaneiro de 2019 en que non se formulan observacións ou obxeccións.

b) Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 18 de decembro de 2018 de que non existen bens ou dereitos estatais afectados, sen prexuízo da lexislación sectorial aplicable.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informes do 10 de decembro de 2018, desfavorable, e do 16 de xaneiro de 2019, favorable, tras modificación.

8. Consta informe asinado o 11 de abril de 2019 polo arquitecto e o técnico xurídico de urbanismo, e polo secretario municipal o 12 de abril de 2019, favorable á aprobación provisional da modificación.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en pleno do 29 de abril de 2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten por obxecto alterar un total de 23 artigos da normativa do plan xeral, introducindo os seguintes cambios:

a) Modificación da definición do concepto índice de edificabilidade e aproveitamento lucrativo establecida no punto B do artigo 9 da normativa, con base na definición de edificabilidade ou índice de edificabilidade neta do punto 4.c) do anexo I do RLSG. Este cambio esténdese á ordenanza 1 (punto G do artigo 315).

b) Nova proposta relativa ao artigo 213, para definir o concepto de edificio de uso exclusivo, bastando que o uso principal supoña un 60 % da superficie construída.

c) No artigo 215 modifícase o concepto de uso residencial para incluír, dentro dos edificios concibidos principalmente para tal fin, a actividade económica.

d) Aclaración e mellora das condicións de compatibilidade do uso residencial e o industrial, mediante a alteración dos seguintes artigos da normativa do PXOM:

– Artigo 220: categoría B, industrias compatibles coa zonificación residencial: permítese a posibilidade de situalas en plantas baixas de vivendas, restrínxense as actividades permitidas e limítase a potencia instalada de 41,58 kW a 20 kW.

– Artigo 221: nas actividades industriais, substitúese a «potencia eléctrica» pola «potencia instalada».

– Artigo 330 (regulador dos usos en solo de núcleo rural), introdúcese como uso complementario o industrial en categoría B.

– Artigo 316: regulador da Ordenanza 2 Zona residencial intensiva-Vivenda colectiva en Carballo, canto aos usos industriais permitidos, inclúese a categoría B, cunha superficie máxima de 200 m2 en planta. Exclúense os talleres de carpintaría e vernizado de madeira, os talleres de perfilarías metálicas e os talleres de ferraxaría, conforme os criterios publicados no BOP do 18 de maio de 2018.

e) Aclaración e mellora das condicións de compatibilidade do uso residencial e o comercial, mediante a alteración dos seguintes artigos da normativa do PXOM:

– Artigo 227: o local comercial en planta soto só se permite unido á planta baixa.

– Artigo 315: na Ordenanza zonal 1 Zona residencial extensiva-Vivenda familiar en Carballo, introdúcese a categoría B do uso comercial.

f) Aclaración e mellora das condicións de compatibilidade do uso administrativo e de oficinas co uso comercial, mediante a alteración dos seguintes artigos:

– Artigo 315: introdúcese na Ordenanza zonal 1 Zona residencial extensiva-Vivenda familiar en Carballo como uso compatible o uso administrativo e oficinas nas categorías A e B definidas no artigo 228 da normativa do plan xeral.

– Artigo 330: no núcleo rural, inclúese o uso administrativo en todas as categorías.

– Artigo 228: inclúese como uso administrativo o de prestación de servizos sanitarios.

g) Modificación das alturas libres mínimas para os usos comercial e administrativo, fixadas nos artigos 227 e 228, que se remiten á lexislación sectorial (Real decreto 486/1997, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo) cun mínimo de 2,5 m; e o artigo 229, que regula as excepcións para os locais comerciais e de oficinas existentes con anterioridade ao PXOM.

h) Regulación do uso de espectáculos públicos e actividades recreativas, alterando o artigo 245, eliminando as categorías e remitindo ao Decreto autonómico 292/2004, modificado polo Decreto 160/2005; e os artigos 315 Ordenanza zonal 1 Zona residencial extensiva-Vivenda familiar, artigo 316 Ordenanza zonal 2 Zona residencial intensiva-Vivenda colectiva, artigo 317 Ordenanza zonal 3 Zona terciaria, artigo 319 Ordenanza zonal 5 Industrial B. Zona polígono empresarial de Bértoa, e artigo 330 (normas reguladoras do solo de núcleo rural) ampliando os usos permitidos.

i) Aclaración das condicións de implantación do uso dotacional, derrogando o artigo 249.

j) Facilitación da implantación de aparcadoiros en edificacións existentes, modificando o artigo 233 para eximir en certos casos das condicións exixibles.

k) Modificación do artigo 330, de regulación do uso agropecuario en solo de núcleo rural, incluíndo instalacións en que se manteñen con carácter permanente animais con finalidade de esparexemento ou didáctica.

l) Flexibilización da implantación dos sistemas de aire acondicionado (artigo 295).

m) Cambios derivados da normativa de telecomunicacións, en concreto, nos artigos 74, 156, 207, 315, 316, 333, 335 e 336, sobre os tendidos eléctricos e de telecomunicacións.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación achegada, púidose comprobar que a mesma se axusta á normativa urbanística aplicable, considerando que dá cumprimento ás observacións formuladas no informe emitido pola DXOTU o 16 de maio de 2018, na fase de consultas previas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello.

Quinto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda