Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7315

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de novembro de 2019 de aprobación definitiva da corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Láncara.

O 11 de setembro de 2019 recíbese documentación remitida polo Concello de Láncara, que consta de certificado de secretaría do acordo do Pleno do 24 de xullo de 2019 e documentación en CD de corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Láncara, para os efectos de resolver consonte o establecido nos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), vixente no momento de ditarse a orde de aprobación do Plan xeral de ordenación municipal de Láncara.

Analizada a documentación recibida e vista a proposta literal subscrita pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Antecedentes.

1.1. O Concello de Láncara dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 22 de febreiro de 2013, publicada no DOG do 8 de marzo e publicada a súa normativa no BOP do 23 de marzo de 2013, coa corrección de erros materiais aprobada por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 8 de outubro de 2013, publicada no DOG do 24 de outubro.

1.2. O 28 de decembro de 2018 o Concello de Láncara remitiu acordo do pleno do Concello do día 27 de decembro, e CD coa documentación da proposta de corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Láncara, para os efectos de resolver consonte o establecido nos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), vixente no momento de ditarse a orde de aprobación do PXOM de Láncara.

1.3. Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento de oficio ou a instancia de parte os errores materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

1.4. Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración de que, para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito, se require que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos; que o erro material ou de feito se caracterice por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos; e que se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.

1.5. Na data do 4 de abril de 2019 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, emitiu informe sobre a proposta elevada polo Concello de Láncara formulando unha serie de observacións e requirindo a eliminación das cuestións que non acadan a consideración de corrección de erros por supoñer a modificación do PXOM.

2. Análise e consideracións.

A) Analizada a documentación recibida, e posta en relación co anterior informe da DXOTU do 4 de abril de 2019, púidose observar que se cumpriron as obxeccións formuladas, nomeadamente canto a:

1) Achégase certificado e informe xurídico de secretaría sobre de proposta de alcaldía de corrección de erros do Plan xeral de Láncara do pleno do 24 de xullo de 2019.

2) A base cartográfica utilizada para a corrección de erros é a mesma que a da realización do PXOM, polo que xa non existen variacións sobre cotas, largos de vías ...

3) Elimínase o erro gráfico de superposición de liñas entre solos rústicos de protección de augas, espazos naturais e infraestruturas e solo de núcleo rural, prevalecendo o solo de núcleo e o solo rústico no caso das áreas de ampliación.

4) Complétase a información dos planos de ordenación de núcleos rurais a escala 1.2000 incorporando as dotacións e o seu uso segundo a información dos planos a 1.5000.

5) Achégase documentación detallando en cada plano os elementos catalogados que sofren algunha corrección, tomando como información os planos a 1.5000 e o catálogo.

6) Os planos dos elementos catalogados 2.2-18 (casa reitoral de Muro) e 2.1-32 (capela de Souto), ambos no núcleo rural de Sambreixo (0-42), correspóndense cos planos da cartografía pola que se aprobou o PXOM.

7) Corríxese a liña límite municipal no plano do núcleo da Veiga de Anzuelos (0-85).

8) A eliminación dos contornos de protección dos cemiterios existentes a 50 m destes realízase nos planos da cartografía pola que se aprobou o PXOM.

9) A delimitación de solo rústico de protección de infraestruturas nos tramos da antiga estrada LU-636 nos planos de núcleo rural faise sobre a cartografía do PXOM.

B) Polo que respecta a aqueles puntos que non se consideraron corrección de erros, introdúcense os axustes procedentes:

1) Corríxese o plano de ordenación a escala 1.5000 e a ficha do catálogo situando o elemento patrimonial da capela de Santo Antonio correctamente e eliminando o contorno de protección que se atopaba desprazado.

2) Xustíficase na memoria presentada segundo a normativa do PXOM de Láncara o cambio de representación gráfica no plano 2 de ordenación urbana da Pobra de San Xiao, ordenación e xestión, substituíndo a trama de campo da feira pola de conservación de carácter (O.C.C).

3) Corríxese a cualificación de solo de expansión no solo de núcleo rural no plano O-55.

Daquela, observouse que consonte coa xustificación achegada, no documento achegado polo Concello de Láncara no 11 de setembro de 2019 se cumpren os requisitos do erro material, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica.

3. Competencia.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «as administracións públicas poderán, asimesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos».

O acto de aprobación definitiva do PXOM de Láncara foi ditado por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 22 de febreiro de 2013, publicada no DOG do 8 de marzo e publicada a súa normativa no BOP do 23 de marzo de 2013, coa corrección de erros materiais aprobada por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 8 de outubro de 2013, publicada no DOG do 24 de outubro.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

4. Resolución.

En consecuencia, e a vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación ao documento de corrección de erros do Plan xeral de ordenación de Láncara aprobado polo Concello pleno do 24 de xullo de 2019.

Segundo. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda