Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8004

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 20 de decembo de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinancidas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR351A).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as cooperativas de explotación comunitaria da terra ou as sociedades agrarias de transformación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, dentro da medida 4 (investimentos en activos físicos), submedida 4.11 (apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas), código de procedemento MR351A, así como convocalas para o ano 2020.

Para iso, serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) Maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

Non se subvencionarán:

a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

b) Non se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos.

c) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais nin as máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

d) A maquinaria e os equipamentos de carácter forestal.

e) Colleitadoras de forraxes cun uso previsto menor de 500 horas anuais.

f) A maquinaria de aplicación de xurro mediante sistemas de prato, abano ou canóns.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de decembro de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR351A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de 2.500.000 euros.

O importe da axuda que se concederá a cada beneficiario será do 35 % dos custos elixibles, que se poderán incrementar ata un máximo do 50 % en función da aplicación dos seguintes criterios: 5 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas; e 10 % por investimentos colectivos cando o beneficiario procede dunha fusión de cooperativas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias