Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2020 Páx. 8369

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN848C).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de Autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) establece o marco xeral de actuación cara ao que deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea e fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, a súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación; Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva e Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos a ser cumpridos a nivel europeo con fitos específicos para cada país.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, atribuíndolle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

O primeiro Plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este Plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 e prevé, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o Programa de retención, incorporación e mobilidade de talento, dirixido a fomentar o espírito emprendedor innovador, mediante o instrumento de fomento do talento que servirá para axudar á incorporación de talento investigador e persoal tecnólogo en Centros de Investigación así como nas empresas galegas, como vía para fomentar especificamente a atracción e/ou retención de investigadores que orienten a súa actividade para atender ás demandas do sector produtivo galego a través da realización de proxectos de innovación dentro das empresas que se baseen na transferencia ou valorización de coñecemento. Así mesmo, inclúese igualmente como instrumento de desenvolvemento o Programa Peme Innova, dirixido a fomentar a capacidade innovadora das pemes, propiciándolles acceso, entre outros, a recursos intanxibles, como pode ser a contratación de doutores, tecnólogos, e/ou profesionais cualificados para a indución de innovación na empresa, que contribúan obxectivamente a mellorar a súa capacidade de absorción de coñecemento na parte de desenvolvemento de actividades de I+D+I con clara orientación ao mercado.

Á súa vez, a Axencia Galega de Innovación no compromiso coa investigación e innovación responsable (IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i. Na práctica, a IIR impleméntase como un conxunto de medidas que inclúen e facilitan a participación de múltiples actores e das persoas na investigación e na innovación, permitindo un acceso máis sinxelo aos resultados da mesma, a incorporación do xénero e da ética no contido e no proceso de I+D+i, e na educación científica formal e informal.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión das axudas reguladas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo con criterios de valoración de natureza obxectiva. Estas axudas axustaranse, no que respecta ás empresas, ao réxime de axudas de minimis segundo o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. Nembargantes, as que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do punto 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. En todo caso, os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas ás actuacións de I+D+i conforme o establecido no punto 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01).

Esta convocatoria tramítase de xeito anticipado ao abeiro do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN848C).

3. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: Segundo o artigo 1 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular,consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa: Segundo o artigo 2 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

3. Iniciativa empresarial emprendedora: Empresa xa constituída que non supere a antigüidade máxima de 42 meses na data de presentación da solicitude, consonte o establecido no artigo 5 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

4. Iniciativa de emprego de base tecnolóxica: Empresa que accedese á obtención de cualificación como tal, de conformidade ao disposto no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), mediante a inscrición da iniciativa no Rexistro administrativo de Iniciativas Empresariais de Base Tecnolóxica.

5. Pequena e mediana empresa innovadora: Aquela que o acredite de acordo ao disposto na Orde ECC/1087/2015, do 5 de xuño, pola que se regula a obtención do selo de Pequena e Mediana Empresa Innovadora e se crea e regula o Rexistro da Pequena e Mediana Empresa Innovadora.

6. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: Son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en adiante organismos de investigación) segundo a definición do artigo 2. 83 do Regulamento (UE) nº 651/2014 toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados das mesmas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos de ditas actividades deberán contabilizarse por separado; as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva en ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

7. Persoal tecnólogo: a efectos desta convocatoria, será a persoa contratada para a realización de actividades de I+D+i, que conte cunha ou varias das seguintes titulacións:

a) Título oficial español de graduado ou máster dentro do novo Espazo Europeo de Educación Superior.

b) Título oficial español de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico.

c) Título oficial de técnico superior de formación profesional ou equivalente.

8. Bono de formación: axuda dirixida ás persoas contratadas por medio desta convocatoria, para levar a cabo accións formativas definidas no seguinte punto.

9. Acción formativa: actividade formativa que mellore os coñecementos e habilidades relacionadas coas actividades de I+D+i que vaia desenvolver o persoal tecnólogo contratado conforme o declarado na Memoria da/s actividade/s de I+D+i a realizar (Anexo II).

10. Reto estratéxico: Sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

2. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as contratacións de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2020 ata o 1 de novembro de 2020, ambas inclusive, coas seguintes características:

a) As actividades de I+D+i que realicen o persoal contratado deberán desenvolverse en centros de traballo da comunidade autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (Anexo III).

b) A contrato de traballo que se formalice poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses. Ademais, deberá respectar o grupo de cotización correspondente á titulación da persoa contratada, segundo a táboa do punto 2 deste artigo.

c) A retribución salarial anual bruta a percibir por cada persoa tecnóloga contratada deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 euros.

d) O persoal contratado deberá cumprir, no momento formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

1º. Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos.

2º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións:

• Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

• Título de formación profesional de grao superior ou equivalente.

No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, dita titulación deberá ser equiparable en capacitación a algunha das anteriores.

3º. Non ter experiencia laboral superior a 36 meses nos grupos de cotización á Seguridade Social correspondentes á súa titulación. Para o cómputo desta experiencia non se terán en conta as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais ou as bolsas.

4º. Non ter sido contratado nos 6 meses anteriores pola entidade solicitante nos grupos de cotización á Seguridade Social correspondentes á súa titulación.

5º. Non ter sido subvencionada a súa contratación á entidade solicitante ao abeiro das Resolucións do 2 de xuño de 2016, do 8 de xuño de 2017,do 24 de abril de 2018 e 17 de decembro de 2018, polas que se convocou o programa Principia para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

2. Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado os que se correspondan coa seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s de cotización á Seguridade Social

Título superior universitario (licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grado superior ou equivalente

3 ou 5

3. As entidades, que así o soliciten, poderán ser beneficiarias dun bono para a formación segundo as definicións dos artigos 2.8 e 2.9 desta convocatoria, coas seguintes características:

a) A persoa beneficiaria que recibe a formación ten que ser a mesma que participa no programa Principia 2020 e polo tanto cumprir os mesmos requisitos que se establecen nos apartados 1 e 2 do presente artigo.

b) A acción formativa será impartida por un provedor externo e terá unha duración total mínima de 40 horas .

c) As entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas por medio da súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da formación e dentro dos prazos que se establecen no apartado seguinte.

d) As accións formativas requirirán de validación previa por parte da Axencia Galega de Innovación. O prazo para solicitar a de validación será de 10 días contados a partir da data de cada contrato incentivado subscrito ou desde o día seguinte á notificación da resolución, para o caso de contratacións xa realizadas antes da dita notificación e, en todo caso, ata o 10 de novembro de 2020 (inclusive).

e) A acción formativa deberá realizarse no prazo dos 12 primeiros meses desde a realización da de cada contratación incentivada. No caso de producirse substitucións do perfil incentivado, segundo o establecido no artigo 23 da convocatoria, algún dos perfís debe recibir a formación de forma completa .

f) Exclúense aquelas formacións que supoñan o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva á que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

g) Exclúense aquelas formacións impartidas polas modalidades de teleformación e a distancia.

4. A selección e contratación de cada persoa tecnóloga, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Artigo 5. Contía das axudas e concorrencia

1. A contía da axuda en concepto de incentivo que percibirán as entidades beneficiarias será de 10.000 euros por cada persoa contratada. Esta contía incrementarase en 1.000 euros no caso de solicitar o bono de formación.

2. Cada entidade poderá solicitar a axuda para ata un máximo de 3 contratos, tendo en conta que a primeira contratación concederase por orde de puntuación de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 16.

As restantes contratacións solicitadas poderán concederse, por orde de puntuación, sempre que exista crédito orzamentario e unha vez esgotada a lista de contratacións solicitadas segundo o recollido no parágrafo anterior.

3. Ditas axudas serán incompatibles con outras que, en concepto de incentivos á contratación, poidan outorgar as administracións públicas. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Artigo 6. Financiamento

1. Os incentivos imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas que existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis incentivos de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848C

Beneficiarios

Aplicación

2020

Empresas

09.A3.561A.470.0

1.000.000 €

Organismos de investigación

09.A3.561A.480.0

100.000 €

Universidades

09.A3.561A.444.0

80.000 €

Total

1.180.000 €

2. A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sendo posible incluso a incorporación de novas aplicacións, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias sen incrementar o crédito total.

3. Esta convocatoria tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2020, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (Anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao día seguinte do mesmo ordinal do día de publicación ata ás 13h. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (Anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria da/s actividade/s de I+D+i a realizar, segundo o modelo que se inclúe como Anexo II.

b) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

c) No seu caso, acreditación da condición de iniciativa de emprego de base tecnolóxica ou de selo de peme innovadora vixente, consonte as definicións do artigo 2 desta convocatoria.

d) No seu caso, vida laboral detallada actualizada, a data de solicitude do Principia 2020, dunha persoa contratada ao abeiro das convocatorias Principia 2016 o 2017 que continúe, sen substitucións e no mesmo grupo de cotización, na mesma entidade beneficiaria.

e) No caso de ter concedida algunha axuda para proxectos de I+D+i, copia da resolución de concesión dos últimas tres anualidades.

f) No seu caso, informe motivado vinculante das actividades de I+D+i das últimas tres anualidades.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Informe da Seguridade Social sobre a vida laboral da empresa.

e) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra minimis.

k) Concesións de subvencións e axudas.

l) Certificado de discapacidade das persoas contratadas.

m) Títulos oficiais universitarios ou non universitarios correspondentes ás persoas contratadas.

n) Informe de vida laboral das persoas contratadas.

ñ) Información da Administración pública competente en canto ao cumprimento do mantemento do emprego das persoas contratadas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN848C, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 881 999 121, 881 999 529 e 981 957 008 da devandita Axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase ao interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellara, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e para o seguimento e avaliación da RIS3 na que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúna todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 15. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada conforme ao procedemento e os criterios establecidos no artigo seguinte, e estará composta por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión de selección procederá á selección das solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible e de acordo co seguinte procedemento:

a) En primeiro lugar seleccionaranse as solicitudes de contratación, por orde decrecente de puntuación, ata un máximo dun contrato por entidade solicitante.

b) Unha vez realizada esta selección inicial, e sempre e cando exista crédito orzamentario dispoñible, seleccionaranse, por orde decrecente de puntuación, os restantes contratos solicitados por aquelas entidades que teñan pedido máis dunha contratación, ata un máximo dun novo contrato por entidade solicitante en cada rolda de asignación.

3. Quedarán, en todo caso, como suplentes, aquelas solicitudes para as que non se dispoña de crédito suficiente sempre a cando cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

4. De producirse empates, estes resolveranse de acordo coa maior puntuación obtida no criterio establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

5. A comisión de selección emitirá un informe final no que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 16. Criterios de valoración

A puntuación de cada contratación proposta, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 82 puntos, que se outorgarán conforme aos seguintes criterios obxectivos avaliables mediante fórmulas:

1. Tipo de contrato:

a) Por contrato indefinido: 18 puntos.

b) Por contratos temporais:

13 meses: 1 punto

14 meses: 2 puntos

15 meses: 3 puntos

16 meses: 4 puntos

17 meses: 5 puntos

18 meses: 6 puntos

19 meses: 7 puntos

20 meses: 8 puntos

21 meses: 9 puntos

22 meses: 10 puntos

23 meses: 11 puntos

24 meses ou máis: 12 puntos.

2. Retribución salarial anual bruta da persoa a contratar:

Entre 19.001 e 20.000 euros: 1 punto

Entre 20.001 e 21.000 euros: 2 punto

Entre 21.001 e 22.000 euros: 3 puntos

Entre 22.001 e 23.000 euros: 4 puntos

Entre 23.001 e 24.000 euros: 5 puntos

Entre 24.001 e 25.000 euros: 6 puntos

Entre 25.001 e 26.000 euros: 7 puntos

Entre 26.001 e 27.000 euros: 8 puntos

Entre 27.001 e 28.000 euros: 9 puntos

Entre 28.001 e 29.000 euros: 10 puntos

Entre 29.001 e 30.000 euros: 11 puntos

Entre 30.001 e 31.000 euros: 12 puntos

Entre 31.001 e 32.000 euros: 13 puntos

Máis de 32.000 euros: 14 puntos

3. Experiencia profesional previa da persoa a contratar no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación (excluídas as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais e as bolsas):

a) Sen experiencia: 8 puntos

b) Menos de 12 meses: 6 puntos

c) Entre 12 e 24 meses: 4 puntos

d) Máis de 24 e ata 36 meses: 2 puntos

e) Sen definir: 0 puntos

4. Titulación da persoa a contratar:

a) Doutor: 8 puntos.

b) Posgrao (curso de posgrao/máster): 6 puntos.

c) Grao (licenciado/diplomado): 4 puntos.

d) Título de formación profesional de grado superior ou equivalente: 2 puntos.

e) Sen definir: 0 puntos.

A puntuación deste apartado non será acumulable computándose unicamente o nivel de titulación máis alto.

5. Perfil da persoa a contratar:

+ 7 puntos se a persoa a contratar é muller.

+ 5 puntos se a persoa a contratar ten unha discapacidade certificada superior ao 33 %.

A puntuación deste apartado será acumulable para o caso de que a persoa a contratar cumpra os dous requisitos.

6. Prestación dun plan de formación/capacitación complementario ao persoal contratado:

a) Entre 20 e 40 horas: 2 puntos.

b) Entre 41 e 60 horas: 4 puntos.

c) Máis de 60 horas: 6 puntos.

A puntuación deste apartado poderá incrementarse en +2 puntos para o caso das empresas solicitantes cando o plan de formación/capacitación inclúa a colaboración dun organismo de investigación con sede en Galicia, sempre e cando a dita colaboración estea documentada (contrato, convenio e colaboración...).

7. As entidades que non resultaran beneficiarias do programa Principia nas resolucións de concesión das convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019: + 3 puntos.

8. As entidades que mantiveran o persoal subvencionado nas convocatorias Principia 2016 e 2017 ata a data de solicitude da convocatoria de 2020, sen substitucións e no mesmo grupo de cotización, (mantemento do emprego):+ 3 puntos.

9. Características da entidade contratante, de acordo coas definicións do artigo 2 desta convocatoria:

a) Microempresa: +2 puntos.

b) Iniciativa empresarial emprendedora: +2 puntos.

c) Iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) ou pequena e mediana empresa innovadora: +2 puntos.

d) Empresas que acrediten resolución de axudas públicas a proxectos de I+D+i, informe motivado vinculante ou que obtivesen desgravacións fiscais por actividades de I+D+i nas últimas tres anualidades: +2 puntos

e) Organismo de investigación: +8 puntos

A puntuación deste apartado será acumulable nos seus puntos a), b) ,c) e d).

Artigo 17. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren o incentivo e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe do incentivo para cada unha delas.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade, informando expresamente, no caso das empresas, do seu carácter de minimis, en virtude so disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda, no que deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Prazo de contratación do persoal técnico.

b) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir.

c) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

d) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte a presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase ao beneficiario da data de comezo deste prazo.

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actividades subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen na resolución de concesión debendo obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar modificacións nestas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, a instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formularse polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos no que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle ao interesado.

Artigo 22. Contratación do persoal técnico

1. Unha vez recibida a notificación da resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá ter contratado ou procederá á contratación do persoal concedido no prazo e nos termos establecidos na dita resolución.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizara a prórroga do prazo de contratación, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria e tendo en conta que, en todo caso, os contratos de traballo deberán subscribirse coa data límite do 1 de novembro de 2020

2. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas nun código de conta de cotización que corresponda de acordo coa táboa incluída no artigo 4.2.

3. Os contratos de traballo subscritos deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

4. As contratacións que incumpran calquera destes requisitos non poderán ser incentivadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas de conformidade co disposto nos artigos 26, 27 e 28 desta resolución

Artigo 23. Baixas e substitucións do persoal contratado

1. As entidades beneficiarias deberán comunicar a baixa e poderán proceder á substitución do persoal inicialmente contratado ao abeiro desta resolución, que será subvencionable sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

a) O remate anticipado do contrato do persoal subvencionado deberá ser comunicado á Axencia Galega de Innovación, independentemente de que se produza a substitución ou non, no prazo de 15 días desde a formalización da baixa, achegando a seguinte documentación:

– Copia do correspondente parte de baixa na Seguridade Social.

– Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal que causou baixa, exixida na letra ñ.1) do artigo 25 desta convocatoria.

b) A entidade poderá proceder á contratación dun novo traballador substituto respectando cada un dos termos establecidos na resolución de concesión e ata esgotar a duración da contratación inicialmente concedida. No caso de contratos indefinidos o traballador substituto deberá ter idéntica modalidade de contratación.

c) A entidade deberá achegar, no prazo máximo de dous meses desde a baixa do traballador inicialmente contratado, a documentación establecida nas letras b), c), d) e e) do artigo 24.1 desta resolución.

2. Se a entidade beneficiaria non realiza a substitución do traballador inicialmente contratado, ou esta non é subvencionable, procederá o reintegro da axuda percibida nos termos previstos no artigo 27.2.h) desta resolución.

Artigo 24. Pagamento

1. O aboamento do incentivo para a contratación do persoal técnico farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedido, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación dentro do prazo que se relaciona:

Prazo: 10 días contados a partir da data de cada contrato incentivado subscrito ou desde o día seguinte á notificación da resolución de concesión, para o caso de contratacións xa realizadas antes da dita notificación.

En todo caso, a data límite de presentación de documentación será o 10 de novembro de 2020.

Documentación:

a) Modelo de solicitude de pagamento, que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas , no que constarán as seguintes declaracións responsables:

1ª. Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2ª. Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Copias dos contratos de traballo subscritos co persoal subvencionado.

c) Copia da vida laboral ampliada do persoal subvencionado actualizada á data de contratación.

d) Documento de información ao persoal contratado, segundo o Anexo IV.

e) Só no caso de que se denegue a consulta no documento anterior:

1º. Copia do título universitario ou non universitario das persoas traballadoras contratadas.

2º. No seu caso, copia da acreditación da posesión do grao de doutor ou posgrao.

3º. No seu caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

4º. Declaración responsable ou certificación, segundo os casos, da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

f) No seu caso, acreditación documental da colaboración dun organismo de investigación con sede en Galicia no plan de formación/capacitación acordado co persoal subvencionado.

g) No seu caso, memoria da idoneidade da acción formativa do posto a desempeñar en I+D+ i e o seu orzamento.

2. O cumprimento dos requisitos de contratación tidos en conta para a valoración de acordo cos criterios establecidos no artigo 16 comprobarase de oficio polo órgano concedente, e a súa acreditación se incorporará ao expediente.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento no que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexa acorde á súa categoría profesional e titulación. Dito salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.

i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. Ditas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.

j) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais así como nas publicacións de todo tipo, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i na que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe.

Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira da Xunta de Galicia e da Axencia Galega de Innovación, nun lugar visible para o público das instalacións do beneficiario, por exemplo, no lugar de traballo da persoa contratada.

O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.

En todas as obrigas descritas con anterioridade deberán figurar os logotipos institucionais cumprindo co Manual de Identidade Corporativa da Xunta de Galicia acompañado co texto «persoal cofinanciado pola Xunta de Galicia ao abeiro da Resolución da Axencia Galega de Innovación do 23 de decembro de 2020 (programa Principia).

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán a disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no seu epígrafe de axudas.

k) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e á finalización da axuda, os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do proxecto.

l) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para o cal será convocado expresamente con antelación. A dita xornada deberá acudir como mínimo unha persoa do nivel axeitado pertencente ao cadro de persoal do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.

m) Manter a duración temporal de cada contratación incentivada establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo ao persoal contratado durante un período de 2 anos contados desde a data de realización a contratación.

ñ) Aos efectos de xustificación final da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

ñ.1) No prazo de trece meses contados desde o inicio de cada contratación incentivada (incluídas as posibles substitucións):

– Copias das nóminas aboadas ao persoal contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mailos impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez se dispoñan dos mesmos.

– Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal contratado.

– Facturas que acrediten a realización da acción formativa, previamente validada, que detalle a denominación acción formativa, o número de horas impartidas e o importe total correspondente. Así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento.

– Copia dos partes de firmas asinados pola persoa que imparte a formación e pola persoa traballadora por cada sesión diaria de formación.

– Informe de aproveitamento favorable asinado pola persoa que imparte a formación e pola persoa traballadora

ñ.2) No prazo dun mes contado desde o remate da duración temporal de cada contratación incentivada por un prazo superior aos 12 meses, ou desde o transcurso do período de 2 anos para o caso das contratacións indefinidas:

– Copia da vida laboral actualizada do persoal contratado, no seu caso.

– Informe da Administración pública competente en canto ao cumprimento do mantemento do emprego, no seu caso.

o) Subministrar á administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

p) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobro da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobro da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao corrente das súas obrigacións coa Facenda Estatal e Autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobro da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboada a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobro da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 27. Causas de reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro total do incentivo.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro total do incentivo.

c) Incumprimento dos prazos establecidos para a presentación da xustificación final da axuda percibida, sinalados no artigo 25.ñ): reintegro do 2 % do incentivo.

d) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer ao seu vencemento, con independencia do cobro da axuda, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % do incentivo. Para o caso de reincidencia, entendendo como esta a segunda comisión deste incumprimento cun mesmo traballador: reintegro total do incentivo.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas na resolución de concesión: reintegro do 2 % do incentivo.

f) Incumprimento da obriga de facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 25.k): reintegro do 2 % do incentivo.

g) Incumprimento da obriga de asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 25.l) desta resolución: reintegro do 2 % do incentivo.

h) As baixas do persoal subvencionado, non substituídas segundo o establecido no artigo 23 da presente convocatoria, producidas antes da finalización da duración da temporal prevista na resolución de concesión ou o mantemento do emprego por un período de 2 anos para as contratacións indefinidas , serán causa de reintegro do incentivo proporcional ao número de días deixados de realizar, sempre e cando a persoa contratada acadase un período mínimo de 6 meses. En caso contrario, ademais do anterior, procederá un reintegro do 10 % sobre o incentivo restante.

i) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

j) Procederá o reintegro do 10 % do incentivo, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

k) Procederá o reintegro total do bono formación, se o persoal incentivado causase baixa na empresa e tanto el como os posibles substitutos non recibisen a formación dun mínimo de 40 horas na súa totalidade ou se o informe de aproveitamento da acción formativa fose desfavorable.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 28. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 27 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do interese de demora correspondente desde o momento de pago da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente das mesmas, comunicando ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 29. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade. Se na obrigatoria actividade de inspección previa ao pagamento final da subvención se constatase unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, propoñerá o reintegro da subvención concedida. Ademais de esta actividade final de inspección, a Axencia Galega, no marco do seu plan anual de inspección poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 30. Normativa aplicable

1. As axudas obxecto desta convocatoria, polo que respecta ás empresas, seralles de aplicación o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. Supletoriamente seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase á directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais.

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vencelladas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicación farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido. [Valorización-Mar]

As áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva, artellándose arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vencellados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa en un contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados ós usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das PEMEs, orientado ó desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas neste epígrafe

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura. [Acuicultura].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e trazabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido aportando información da calidade alimentaria, trazabilidade de produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores

3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña. [Biomasa e Enerxías Mariñas].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva, de aí que se promoveran neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as que se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condiciones naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar, e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das olas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos coma o naval, e o eléctrico, para a súa exportación aqueles países onde o aproveitamento enerxético é una oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandería e forestal) cara á mellora sostible dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores. [Modernización Sectores Primarios]

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva, artellándose principalmente ó redor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e o control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos Gases de Efecto Invernadoiro y protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan a mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TICs para acadar un sector turístico competitivo a nivel Europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais. [TIC-Turismo]

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva, artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa Comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que dende o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro.

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais.

Prioridades asociadas:

1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das Tecnoloxías Facilitadoras [TFEs], orientado ó fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía. [Diversificación Sectores Tractores]

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva artellándose arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vencelladas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do Metal galego moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización a nivel internacional, por exemplo nos eidos vencellados coas necesidades chave da Administración Pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «Fábrica do Futuro» e a través da Eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento medioambiental na industria. [Competitividade Sector Industrial]

Para iso se definen como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: A fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: Eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que os mesmos entrañan, por isto un dos obxectivos desta Prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co medio ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

3. Impulso das TICs como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, ao igual que outras Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFEs). [Economía do Coñecemento: [TIC e TFE]

Nesta Prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido a súa compoñente transversal.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal. [Envellecemento Activo]

As actividades principais vencelladas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas que Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente axeitado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo as demandas tecnolóxicas do ecosistema socio-sanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vencellados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional ó redor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable. [Alimentación e Nutrición]

Para acadar os obxectivos desta Prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con tódalas fases da cadea produtiva artellándose arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada en torno á nutrición, aos alimentos funcionais, nutracéuticos, á alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e en xeral aos hábitos de vida saudable vencellados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TICs que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (trazabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentado o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa Comunidade.

missing image file
missing image file