Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2020 Páx. 8270

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809B).

BDNS (Identif.): 494714.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento MT809B).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809B).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de catrocentos mil euros (400.000,00 €).

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I desta orde.

Este importe incrementarase nun 30 % cando afecte gando pertencente a explotacións gandeiras dos concellos recollidos no anexo III desta orde e nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo, e que fosen avaliadas como adecuadas pola comisión de valoración correspondente, de acordo co criterio que se fixe ao respecto pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para o período de vixencia desta orde.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

Cando os animais feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario en que se relacione o gasto veterinario de xeito individual para cada un dos animais feridos, con referencia á súa idade e á súa identificación individual, de ser o caso.

No caso de animais que tras o tratamento prescrito morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I desta orde. Nestes casos a axuda estimarase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, máis os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.

No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de predación e como consecuencia del sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa no caso de especies de gando ovino e cabrún e do 50 % do valor da clase e idade máis baixa no caso do resto das especies de gando, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. En caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.

3. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75 €.

A eutanasia realizarase de forma regrada e será prescrita e efectuada por unha persoa profesional veterinaria, co fin de evitar ao animal sufrimento grave e irremediable ou afección grave.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2019 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 28 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2019.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda