Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2020 Páx. 8273

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT809E).

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten atribuída a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de la Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

O xabaril mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve.

Non obstante, as súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses das persoas agricultoras. Por outra parte, o xabaril ten unha gran capacidade para desprazarse, polo que resulta moi difícil poder establecer a súa procedencia e o responsable último dos danos.

Para conciliar o interese pola convivencia da especie coa viabilidade das explotacións agrícolas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon en marcha esta liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados.

Deste xeito, preténdese compensar as afeccións causadas polo xabaril sobre os cultivos agrícolas. O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En consecuencia, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (código do procedemento MT809E).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta orde será de aplicación aos cultivos agrícolas danados polo xabaril pertencentes a explotacións agrarias situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos casos en que o cultivo agrícola afectado estea parcialmente situado noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación desta orde cando a súa maior parte estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas:

a) As persoas, físicas o xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) ou de autoconsumo.

2. O expediente de axudas será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.

3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 4. Requisitos

1. Os cultivos agrícolas afectados, polos que se solicita a axuda, deberán pertencer a unha persoa, física ou xurídica, inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Reaga e que veñen recollidas no artigo 5.2 do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final:

a) Explotacións agrarias prioritarias.

b) Explotacións agrarias de titularidade compartida.

c) Explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).

d) Outras explotacións agrarias.

2. No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa, física ou xurídica, solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2019 ata o 10 de outubro de 2020.

Artigo 5. Comunicación do dano

1. No prazo máximo das 72 horas seguintes á produción dos danos en cultivos agrícolas, as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias e os de autoconsumo deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.

O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30, os sábados.

2. Unha vez rexistrada a denuncia, o persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desprazarase ata o lugar dos feitos para comprobar a existencia dos danos, despois do cal se poderá facer a colleita ou continuar co cultivo afectado. Esta valoración recollerase nun informe que será remitido ao correspondente Servizo Provincial de Patrimonio Natural.

3. A partir do 11 de outubro de 2020 poderán realizarse comunicacións por danos de xabaril de acordo co establecido nos parágrafos anteriores, quedando condicionada a concesión de axudas a unha nova convocatoria no ano 2021.

Artigo 6. Importe das axudas

1. O importe das axudas por danos causados nos cultivos agrícolas polo xabaril figura no anexo I desta orde.

2. O importe máximo por persoa beneficiaria e ano establécese en 1.700 €. No caso de que os danos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito a axuda máxima, é dicir, 1.700 €.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código do procedemento MT809E).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as persoas físicas que estean dadas de alta no réxime de autónomos, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes delas.

Se algunha das persoas interesadas que estea obrigada a presentar a súa solicitude a través de medios electrónicos presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia en que se produza o dano.

2. A solicitude de axuda, anexo II desta orde, (procedemento MT809E), inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do título xurídico que posúe para a utilización do terreo en que se produciron os danos.

e) Referencias Sixpac das parcelas con cultivos afectados por danos producidos polo xabaril, indicando a superficie declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2019.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude de axuda, presentarase a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da explotación agraria afectada para explotacións agrarias de autoconsumo deberá acreditarse a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.

b) Se a persoa titular é unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

c) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, deberase acreditar a representación legal con que se actúa e, ademais, o acordo das persoas partícipes para solicitar a axuda. Cando se trate dunha comunidade de bens, ademais, acreditarase que o acordo foi tomado pola maioría dos seus membros e o réxime de participación de cada un deles na dita comunidade. Cando se trate dunha comunidade de montes veciñais en man común o acordo deberá estar tomado en asemblea e acreditado mediante acta ou certificación da persoa que exerza as funcións da secretaría.

No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

B. Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos en poder das administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante para as persoas xurídicas.

c) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante (se for o caso).

d) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

f) Estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

g) Inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

h) Consulta das referencias Sixpac das parcelas con cultivos afectados por danos producidos polo xabaril.

i) Consulta da superficie admisible declarada na solicitude única da política agraria comunitaria (PAC) do ano 2019.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Segundo o establecido no artigo 50.d) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, referente á simplificación da acreditación do cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social, a obriga de presentar a certificación que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, poderá ser reemprazado pola declaración responsable da persoa solicitante de estar o día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma no caso das axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnización.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Notificación

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaránselles ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 41 a 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación da solicitude de axuda serán os seguintes:

a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2019 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o dano do xeito e no prazo previsto na Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril e se convocan para o ano 2019.

b) O prazo de presentación da solicitude de axuda será de un mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 5 desta orde.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas tramitarase en réxime de concorrencia.

2. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de axuda.

3. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan as axudas para paliar os danos producidos polo xabaril, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

4. Estas axudas tramitaranse mediante o procedemento abreviado ao abeiro do artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os servizos de Patrimonio Natural examinaranas e revisarán a documentación acompañante que se especifica no artigo 8 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requiriráselle a persoa interesada para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixese así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. As solicitudes serán avaliadas polos servizos de Patrimonio Natural, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

5. Os servizos de Patrimonio Natural emitirán unha certificación co resultado da avaliación das solicitude que remitirán á Dirección Xeral de Patrimonio Natural xunto coa documentación das solicitudes avaliadas que sexa necesaria para a tramitación dos aboamentos.

6. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas formulará as propostas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no apartado 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo de un mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Aceptación da axuda concedida e trámites posteriores ao inicio de expediente

O outorgamento da axuda debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Compatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras axudas de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 18. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, coa fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude para ser persoa beneficiaria de axudas para paliar os danos producidos polo xabaril levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do punto 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 19. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada.

2. Non poderá realizarse o pagamento da axuda en tanto a persoa beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2020, no momento da resolución.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541B.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020. O importe asignado é de dous millóns douscentos corenta e un mil euros (2.241.000 €) sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. As solicitudes e recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por atrasos na tramitación por causa da Administración atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se producir.

Artigo 21. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. A relación das axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17, da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e tamén as sancións que se poidan impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que, por resolución, introduza novas especies cultivadas no anexo I desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Baremo utilizado para o pagamento de axudas para paliar os danos

producidos polo xabaril en cultivos agrícolas

Tipo de cultivo

Importe por m2

Código

Descrición

€/m2

MIG

Millo en gran

0,16

MIF

Millo forraxeiro

0,25

TRI

Trigo

0,12

CEN

Centeo

0,12

PRA

Pradaría

0,12

PAT

Pataca

0,44

FRU

Froiteiras

3,25

HO1

Hortalizas 1 (cenoria, repolo e nabo)

0,69

HO2

Hortalizas 2 (coliflor, tomate, berenxena, cabaciña, cebola, feixón verde, leituga, pemento e allo porro)

1,82

VID

Uva

2,93

missing image file
missing image file
missing image file