BDNS (Identif.): 493446.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias individuais destas axudas as empresas do sector ou ámbito de negocio da fabricación de maquinaria ou bens de equipo, que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.
2. Poderán ser beneficiarias colectivas destas axudas as agrupacións de dúas ou máis empresas nas que polo menos unha delas sexa do sector ou ámbito de negocio da fabricación de maquinaria ou bens de equipo, e as outras pertenzan a sectores da industria ou servizos directamente relacionados co desenvolvemento do produto para o que se solicita a axuda. Todas as integrantes da agrupación deben ser sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos cun centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto. Neste caso, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar o desenvolvemento, estandarización e comercialización de maquinaria e bens de equipo nos ámbitos definidos polos axentes industriais de Galicia que presentaron propostas á consulta convocada polo Igape mediante Resolución do 4 de setembro de 2019 (DOG núm. 183, do 26.9.2019 e DOG núm. 216, do 13.11.2019).
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406M).
Cuarto. Importe
Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7706 por un importe de 1.000.000,00 € con cargo ao exercicio 2020 e 1.000.000 € con cargo ao exercicio 2021.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020
Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica