BDNS (Identif.): 494958.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Grupos informais de entre 5 e 8 mozos e mozas, debidamente identificados, con idade comprendidas entre os 18 e 30 anos e empadroados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, de ser o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación. Deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Segundo. Obxecto
O establecemento das bases reguladoras da concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2020 e nas cales as persoas novas participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove durante o ano 2020 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS306B).
Cuarto. Contía
A contía global da convocatoria é de 400.000,00 euros. Financiarase o 100 % do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior a 5.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Publicación
A publicación no Diario Oficial de Galicia dos actos administrativos e das correspondentes resolucións deste procedemento producirá os efectos de notificación.
Sétimo. Outros datos
O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2020.
Coa presentación da solicitude achegarase o proxecto de iniciativas xuvenís segundo o modelo publicado na convocatoria.
Todas as entidades e grupos aos cales se lles conceda a axuda e o soliciten recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social