Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2020 Páx. 8872

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove durante o ano 2020 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS306B).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no artigo 27, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva, entre outras, nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer e de promoción do desenvolvemento comunitario.

A través do Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural no ámbito da mocidade e de desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndenlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e o fomento da participación da mocidade na vida social.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de mocidade de Galicia, establece, no seu artigo 9, que a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e que potenciará entre a mocidade un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

Así mesmo, establece no seu artigo 12 que, co obxecto de fomentar a participación directa da mocidade nos programas de actuación que desenvolvan as administracións públicas galegas, se establecerán medidas específicas para favorecer a participación de grupos informais de mozos e mozas.

A Consellería de Política Social considera que, para que a xente nova asuma responsabilidades, é necesario que sexa a auténtica protagonista e que tome nas súas mans, a través da execución de proxectos, a administración dos recursos necesarios para a súa posta en marcha e consolidación, e para isto xulga que é fundamental apoiar aqueles que, cunha fórmula participativa, estean estreitamente ligados ás necesidades, aspiracións e intereses da mocidade.

Así mesmo, considera prioritario abrir as axudas a grupos informais de mozos e mozas para favorecer que se poidan levar a cabo proxectos interesantes que, nun momento dado, poidan xurdir á marxe das asociacións e entidades legalmente constituídas, pero que igualmente cumpren determinados requisitos que os fan merecedores do apoio da Administración. Deste xeito, estaranse a impulsar iniciativas voluntarias da mocidade que verdadeiramente respondan aos seus intereses e inquedanzas.

En definitiva, trátase de fomentar a participación da mocidade en iniciativas entendidas como importantes experiencias de aprendizaxe non formal, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenís e a posta en práctica das súas ideas relacionadas co emprendemento e coa empregabilidade.

Así, é obxecto desta orde establecer as bases que rexerán a convocatoria de axudas dirixidas a grupos informais de mozos e mozas e ás asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e ás súas respectivas federacións. Tratarase, en todos os casos, de apoiar proxectos en que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales ela sexa a súa principal protagonista.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e queda sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001; existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2019, en que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís durante o ano 2020, e convocar estas axudas para o dito exercicio 2020.

2. O código do procedemento é BS306B.

3. Para os efectos desta convocatoria, entenderanse por iniciativas xuvenís os proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, a través da participación activa na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

4. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Artigo 2. Áreas de atención prioritaria

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:

a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.

c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector TIC.

g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.

h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

Artigo 3. Orzamento

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 400.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.481.0, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Artigo 4. Persoas solicitantes

Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.

b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

Artigo 5. Requisitos

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas, no momento de presentación da solicitude, no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades das persoas membros das asociacións xuvenís, de conformidade co Real decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de asociacións xuvenís.

2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non se poderá modificar a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.

3. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.

4. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda, no caso de ter participado na convocatoria anterior, ter xustificadas debidamente as axudas recibidas na devandita convocatoria, excepto no suposto de ter renunciado expresamente a elas.

5. É requisito para ser persoa beneficiaria destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Proxectos subvencionables

1. Os proxectos deberán levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €. Non se admitirán a trámite as solicitudes de axudas para proxectos cuxo orzamento sexa superior á citada contía.

3. No caso daqueles proxectos que, para o seu desenvolvemento, indiquen que precisan formación, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, para o que se xuntará o seu currículo e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. No caso de se produciren variacións nas persoas que vaian impartir a formación, deberáselle comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con anterioridade ao inicio desta, para o que se debe enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación adecuado á citada finalidade.

4. Calquera das actividades desenvolvidas será de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

5. As actividades que constitúen o obxecto do proxecto deberá realizalas de forma directa a entidade ou grupo beneficiario e non poderán ser subcontratadas.

Entenderase que hai subcontratación, en todo caso, cando:

a) As actividades do proxecto sexan executadas por terceiros, é dicir, cando a entidade ou grupo se limite a obter a axuda e a actuar como intermediario con outras persoas físicas ou xurídicas, que son quen realmente executan o proxecto.

b) Cando se contraten actividades de planificación, coordinación, avaliación e xestión do proxecto.

Entenderase que non hai subcontratación cando se contraten tarefas concretas que non poidan ser levadas a cabo directamente pola entidade ou grupo beneficiario. En todo caso, as tarefas que se contraten han de estar identificadas no proxecto, con indicación dos motivos claros polos cales a asociación ou grupo non pode realizalas e o seu importe estimado debe figurar no orzamento.

6. Non serán subvencionables os proxectos que consistan na celebración de concertos ou festas, salvo que estas actividades teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo e, en todo o caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do proxecto.

7. Serán excluídos aqueles proxectos que non se axusten ao obxecto e finalidade destas axudas recollidos no artigo 1.

8. Quedan excluídos, para os efectos da axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitado respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2020.

2. Os gastos ordinarios de funcionamento das entidades só serán subvencionables cando estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

3. O importe total de gastos de manutención, como comidas, servizos de restauración ou compra de produtos alimenticios, non poderá superar o dez por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Ademais, deberán estar vinculados de xeito inequívoco coa actividade e realizados durante a súa execución material.

En ningún caso se admitirán gastos de comidas, consumicións ou aloxamento de persoas membros da entidade ou grupo beneficiario para reunións previas ou posteriores de preparación ou avaliación, nin os efectuados por estas persoas durante a execución material da actividade organizada pero que non formen parte desta.

4. O importe total de gastos en alugueiro de espazos e equipamento non poderá superar, en conxunto, o corenta por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

5. No caso dos premios que se outorguen nos concursos ou competicións previstos no proxecto e dos obsequios para persoas que colaborasen no desenvolvemento dalgunha actividade, estes deberán incluírse no orzamento do proxecto. O límite para os gastos por este concepto será do dez por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Non poderán recibir ningún premio ou obsequio as persoas membros da entidade ou do grupo informal.

6. Non será subvencionable a adquisición de equipamento e material inventariable.

Considéranse non inventariables:

a) Os ben funxibles.

b) Os bens cuxa vida útil non sexa superior a un ano.

c) Os bens non comprendidos nas letras anteriores cuxo custo de adquisición sexa inferior a 150 euros. A adquisición destes bens, no conxunto do proxecto, non poderá supoñer un custo superior aos 600 euros.

7. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, excepto no caso de que ese persoal sexa contratado única e exclusivamente para o desenvolvemento do proxecto, o que se deberá xustificar documentalmente, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto. Así mesmo, non poderán ser subvencionados os gastos que sexan facturados por provedores dos que forme parte ou cos cales teña vinculación directa algunha persoa membro da asociación ou grupo beneficiario.

Artigo 8. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

2. Cando a entidade ou grupo solicitante teña concedida ou solicitada outra subvención incompatible con estas axudas fará constar esta circunstancia no anexo I, para as entidades e a persoa representante do grupo informal, e no anexo II, para as restantes persoas membros do grupo informal. No caso de que lle sexan concedidas as axudas previstas nesta orde, a resolución de concesión condicionará os seus efectos á presentación por parte da persoa beneficiaria da renuncia ás axudas previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento ou o reintegro da subvención cando a Administración da comunidade autónoma teña coñecemento de que a persoa beneficiaria percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen ter efectuado a correspondente renuncia.

4. A declaración de axudas deberá efectuarse, así mesmo, na fase de xustificación, empregando neste caso o anexo VIII.

Artigo 9. Solicitude e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións.

Poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura, da entidade ou da persoa representante, admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das entidades solicitantes obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, e sempre que o prazo de presentación de solicitudes non rematase, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. En todo caso, a solicitude non será admitida a trámite se a presentación electrónica se realiza despois do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Os grupos informais, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario ou secretaria da entidade que inclúa a composición completa do seu órgano de dirección no momento de presentación da solicitude. Esta certificación deberá incluír, para cada membro, nome completo, NIF e cargo ou función que desempeña dentro do citado órgano de dirección.

b) O proxecto de iniciativas xuvenís, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.

2. Os grupos informais deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Un poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo, asinado polas demais persoas que o compoñen (anexo IV).

b) Anexo II-declaración/comprobación de datos. Un anexo por cada persoa membro excepto o/a representante, debidamente cuberto.

c) O proxecto de iniciativas xuvenís, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións. Se algunha delas presenta a documentación complementaria presencialmente, seá requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os grupos informais, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, de conformidade coa normativa reguladora da protección de datos persoais, consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade e das persoas membros do grupo informal.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante, se é o caso.

d) Certificado de empadroamento das persoas membros do grupo informal.

e) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT, en diante), a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS, en diante) e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, tanto da entidade solicitante como de cada unha das persoas membros do grupo informal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no recadro habilitado no anexo I, para a persoa representante da entidade ou do grupo informal, ou no anexo II, para as restantes persoas membros do grupo informal, e achegar os documentos. Neste caso, o certificado de empadroamento non poderá ter unha antigüidade superior a un mes no momento de presentación da solicitude.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Publicación dos actos e resolucións

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 13. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade ou grupo solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fixer, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

2. Debido a que se establece un réxime de concorrencia competitiva para a concesión destas axudas e atendendo ao principio de igualdade, a non presentación do proxecto de iniciativas xuvenís, xunto coa solicitude, no prazo establecido no número 2 do artigo 9 constituirá un defecto non emendable e comportará a inadmisión a trámite da solicitude.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Contía da axuda

A contía da axuda concedida será igual á contía do orzamento do proxecto. En consecuencia, financiarase a través do programa Iniciativa Xove o cen por cento do proxecto. O orzamento non poderá superar os 5.000 euros, tal e como dispón o artigo 6.2.

Artigo 16. Instrución e Comisión de Avaliación

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao Instituto da Xuventude de Galicia da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

2. Constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Avaliación, a quen corresponderá a valoración dos proxectos. A Comisión estará integrada por:

a) Presidente/a: a persoa titular do Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude ou persoa que a substituír.

b) Vogais: as catro persoas titulares do Servizo de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

3. Actuará como secretario/a un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que asistirá ás sesións do órgano con voz e sen voto.

4. Como órgano colexiado, a Comisión de Avaliación sométese ao disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. O órgano instrutor, por petición da Comisión de Avaliación, poderá solicitar das persoas interesadas calquera aclaración relativa ao contido do proxecto presentado e que se considere necesaria ou conveniente para a súa correcta valoración.

6. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a Comisión de Avaliación emitirá un informe no que se concretará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. No mesmo informe determinaranse as solicitudes que deban ser denegadas por non acadar a puntuación mínima requirida no artigo 17 e as que deban ser excluídas por non ser o proxecto subvencionable segundo o artigo 6. No caso de empate na puntuación entre un ou varios grupos ou entidades solicitantes das axudas e co fin de determinar a orde de prelación entre proxectos que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate a maior valoración que realizase a Comisión de Avaliación do proxecto con base en cada un dos criterios e baremos que se reflicten no artigo 17, seguindo a orde establecida nel.

Artigo 17. Criterios de avaliación

A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

A Comisión de Avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes (ata 100 puntos):

a) Adecuación ás áreas de atención prioritaria sinaladas no artigo 2: ata 15 puntos.

b) Calidade do contido do proxecto e das actividades: ata 20 puntos.

c) Calidade do deseño do proxecto e metodoloxía: ata 20 puntos.

d) Grao de implicación activa das persoas promotoras do proxecto: ata 15 puntos.

e) Creatividade, innovación e orixinalidade do proxecto: ata 10 puntos.

f) Persoas destinatarias do proxecto, onde se valorará positivamente que as actividades estean dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos: ata 5 puntos.

g) Impacto do proxecto na poboación destinataria: ata 5 puntos.

h) Grao de difusión e visibilidade das actividades do proxecto: ata 5 puntos.

i) Emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer: ata 5 puntos.

Artigo 18. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas. Esta proposta concretará:

a) As persoas solicitantes para as cales se propón a concesión da axuda. Esta concesión efectuarase consonte a orde de prelación establecida no informe da Comisión de Avaliación e ata esgotar o crédito orzamentario.

b) As persoas solicitantes para as cales se propón a denegación da axuda por non acadar a puntuación mínima establecida no artigo 17.

c) As persoas solicitantes para as cales se propón a súa exclusión por non ser o proxecto subvencionable segundo o artigo 6.

2. As persoas solicitantes que, tendo alcanzado a puntuación mínima establecida no artigo 17, non foren propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario, pasarán a conformar unha lista de reserva que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no número seguinte.

3. No caso de se produciren renuncias a estas axudas por parte das persoas beneficiarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión da axuda ás persoas solicitantes incluídas na lista de reserva prevista no número anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

Artigo 19. Resolución

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, será a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, publicarase de acordo co establecido no artigo 12 e no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se o acto for expreso. Se o acto non for expreso, poderase interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. A entidade ou grupo beneficiario disporá dun prazo de dez días, desde a publicación da resolución de concesión, para realizar algún dos seguintes trámites mediante a presentación do anexo V:

a) Renunciar á subvención concedida se por calquera circunstancia non puidese realizar o proxecto subvencionado, tendo en conta o establecido no artigo 5.4.

b) Solicitar o anticipo previsto no artigo 21.2. Para iso deberá presentar, ademais:

1º. O anexo X debidamente cuberto. No caso dos grupos informais, todas as persoas que o compoñen deberán ser titulares da conta bancaria e asinar este anexo.

2º. As certificacións de estar ao día nas obrigas coa AEAT, a TXSS e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, só no caso de que se opuxesen expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude.

Transcorrido o prazo de dez días, non se admitirán máis solicitudes de anticipo.

Artigo 20. Documentación xustificativa

Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, a entidade ou grupo beneficiario procederá, ata o 15 de outubro de 2020, á xustificación da totalidade do proxecto mediante a presentación da seguinte documentación e na forma en que se indica:

a) Unha memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo o modelo publicado como anexo VI. Deberase xuntar á memoria un vídeo de duración non superior a dous minutos ilustrativo das actividades levadas a cabo en execución do proxecto subvencionado e unha reportaxe fotográfica que reflicta o desenvolvemento das actividades, así como un exemplar de cada un dos materiais de difusión e publicacións financiados a través desta axuda. Ademais, indicarase a URL das páxinas web e/ou redes sociais utilizadas para a súa difusión pública e, de ser o caso, achegarase a referencia das aparicións do proxecto nos medios de comunicación social, indicando o medio e a data de aparición.

b) Facturas e demais documentos xustificativos do gasto, de acordo co establecido nos artigos 21, 22 e 23.

c) Documentos xustificativos do pagamento, de acordo co establecido no artigo 24.

d) O anexo VII. Relación de todas as facturas ordenadas numericamente. No caso dos grupos informais, o anexo VII deberá ser asinado pola persoa representante do grupo e, no caso das asociacións, polo/a presidente/a da entidade.

e) O anexo VIII-declaración complementaria de non ter solicitado nin lle ter sido concedida ningunha outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto. En caso contrario, a entidade ou grupo beneficiario deberá renunciar á axuda outorgada ao abeiro desta orde, co reintegro das cantidades que percibise en concepto de anticipo, ou acreditar, ante o órgano instrutor, a renuncia ás outras axudas para o mesmo proxecto e o reintegro dos fondos públicos que percibise, se é o caso.

f) Unha memoria económica, redactada segundo o modelo publicado como anexo IX, en que se reflicta a vinculación detallada de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro deste; non será válida de ningún xeito a simple descrición do concepto facturado polo que, de non xustificarse a dita vinculación e necesidade, o gasto non será considerado como subvencionable.

Ademais, a distribución dos gastos entre os diversos conceptos deberá corresponderse substancialmente coa desagregación orzamentaria contida no proxecto de iniciativa xuvenil presentado coa solicitude.

Esta memoria económica deberá estar asinada, en todas as súas follas, por todas as persoas membros do grupo e, no caso das entidades, polo/a presidente/a.

g) O anexo X debidamente cuberto, só no suposto de non telo presentado xa coa petición de anticipo. No caso dos grupos informais, todas as persoas que o compoñen deberán ser titulares da conta e asinar este anexo.

h) As certificacións de estar ao día nas obrigas coa AEAT, coa TXSS e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, só no caso de que se opuxesen expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude.

Artigo 21. Facturas xustificativas do gasto

1. No caso dos grupos informais, as facturas deberán emitirse a nome da persoa representante do grupo.

2. En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura ordinaria, poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de facturas simplificadas.

En todo caso, o importe total no proxecto destas facturas simplificadas incluídas na xustificación do proxecto non poderá ser superior a 400 euros, IVE incluído.

3. Tanto as facturas ordinarias como as simplificadas deberán axustarse ao establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

4. A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

Artigo 22. Gastos de desprazamento

1. Os gastos de desprazamento das persoas membros da entidade ou do grupo informal só se poderán xustificar a través de facturas de transporte, peaxes e estacionamento.

2. Se o desprazamento é realizado por persoas colaboradoras admitirase excepcionalmente, como documento de gasto, unha axuda de custo en que quede perfectamente identificado quen realiza o pagamento e quen o recibe, asinado por ambas as partes. Deberá incluír: data de pagamento, data das viaxes e percorrido realizado e, de ser o caso, matrícula do vehículo, quilómetros totais, peaxes e gastos de estacionamento. Deberán xuntarse as facturas de transporte, peaxes e estacionamento que se relacionen na axuda de custo. No caso de utilización de vehículo particular, a cantidade que se pagará por cada quilómetro será de 0,19 euros. O límite para os gastos xustificados mediante esta axuda de custo será do dez por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

3. Tanto no caso de persoas membros como no de persoas colaboradoras non se admitirán facturas de combustible.

Artigo 23. Gasto en premios e obsequios

No caso dos gastos en premios e obsequios, estes xustificaranse mediante factura emitida á asociación ou á persoa representante do grupo informal pola adquisición do produto que constitúa o premio ou obsequio. Ademais, deberá xuntarse un documento que acredite a súa recepción por parte do destinatario e, no caso dos premios, a acta ou documento equivalente que acredite a súa concesión.

Artigo 24. Documentos xustificativos do pagamento

1. Segundo exixe a Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, polo que todas as facturas deberán presentarse acompañadas do correspondente documento bancario xustificativo do pagamento. Estes documentos xustificativos deberán ser completos, e conter, en todo o caso, a data da transferencia, importe, concepto, número de factura, ordenante e provedor/a.

2. Excepcionalmente, en supostos debidamente xustificados e motivados en que o pagamento se faga en efectivo, unicamente para gastos de escasa contía, con un máximo de 500 €, IVE incluído, por cada gasto e co límite do 50 % do gasto total xustificado, poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante unha carta de recepción do/da provedor/a, a través dun documento separado do xustificante de gasto, que deberá conter o seguinte texto:

«........................................, con NIF ....................., en nome propio ou en representación da empresa/entidade ....................... con NIF .........................., RECIBÍN EN EFECTIVO, con data ...................., a cantidade de .................. euros, en concepto de pagamento da factura número .................., con data do ......................, emitida a ..................................

Asinado en ........................ o ..... de ............ de 2020».

Xunto á sinatura deberá figurar o selo da empresa ou entidade emisora da factura.

Este documento deberá xuntarse con todo pagamento realizado en efectivo, polo que non se considerarán válidas as facturas pagadas deste xeito que non vaian acompañadas del.

Porén, no caso de facturas simplificadas, e ata o límite total para o proxecto previsto neste artigo, aceptarase dilixencia na mesma factura que deixe constancia do dito pagamento en efectivo.

3. Non se admitirá en ningún caso o fraccionamento de determinados gastos para os efectos de respectar o límite establecido no número anterior para o pagamento en efectivo. En caso de apreciarse este fraccionamento non se considerarán válidos e, por tanto, será excluída da xustificación a totalidade dos gastos incursos nesta práctica.

4. No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá achegarse, ademais, a acreditación da súa titularidade. No caso das asociacións, a dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade. No caso dos grupos informais, a titularidade deberá corresponderlle, en todo caso, a algunha das persoas membros do grupo informal. En ningún outro caso se admitirán pagamentos mediante tarxeta.

Artigo 25. Pagamento da axuda

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase pagar a axuda concedida. No caso de que o gasto certificado sexa inferior á cantidade concedida, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

2. De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, faránselles anticipos de pagamento do oitenta por cento, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a aquelas entidades e grupos informais que, unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente, da forma e no prazo establecido no artigo 19.3.

Artigo 26. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas deberán:

a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmas.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o aproveitamento da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

d) Para o caso das asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Difundir as actividades pola internet, a través de páxinas web e/ou redes sociais, publicamente e con antelación á súa realización, co obxecto de que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas e de facilitar as actuacións de comprobación e control por parte da dirección xeral.

g) Adoptar as medidas contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de xeito que se inclúa, en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda, a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

h) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se concedeu a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico institutoxuventude.ctb@xunta.gal

i) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo con resolución declarativa de procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

j) No caso dos grupos informais de mozos e mozas, respectar o prazo mínimo para a disolución de agrupacións de persoas beneficiarias a que fai referencia o artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

k) Cumprir coas restantes obrigas reguladas nesta orde e demais normativa vixente en materia de subvencións.

2. A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas beneficiarias, a favor da Consellería de Política Social, para a difusión dos proxectos presentados, así como para a exhibición, reprodución ou publicación, por calquera medio que se considere oportuno, das imaxes e contidos que consten nos proxectos ou memorias presentadas, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 27. Control e reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos nos artigos 28.10 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, incorrecta ou fóra de prazo, tendo en conta neste caso os prazos adicionais outorgados pola lei.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das obrigas impostas ou dos compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda.

d) Incumprimento das obrigas impostas ou dos compromisos asumidos con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Nos demais supostos recollidos nesta orde e demais normativa vixente en materia de subvencións.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 28. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos nesta orde.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a Consellería de Política Social publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade coa Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada de gasto

Esta orde estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto. A concesión das axudas estará condicionada á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 e ao disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Política Social–, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional terceira. Ampliación do crédito

Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.

O órgano competente para resolver acordará, ata o límite do crédito dispoñible e sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación, sempre que acadasen a puntuación mínima establecida no artigo 17.

Disposición adicional cuarta. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional quinta. Réxime de infraccións e sancións

As entidades ou persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V, capítulo II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de mocidade de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para que dite cantos actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file