BDNS (Identif.): 494744.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto
Establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, bolsas de formación en biblioteconomía, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos, así como calquera outra actividade que permita a súa formación e o coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios.
Segundo. Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
– Titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en Biblioteconomía ou Documentación; grao en Información e Documentación; licenciatura ou grao en Historia ou Xeografía e Historia, Filoloxía ou Lingua e Literatura, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Humanidades.
– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
– Non se ter beneficiado anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de iniciado o período de vixencia.
– Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
– Ter cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se encontren nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.
A concesión da bolsa será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 7 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios (código de procedemento CT233A).
Cuarto. Importe
Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 226.012,71 € coa seguinte distribución orzamentaria:
– 11.20.432.A.480.0: 214.830,00 €.
– 11.20.432A.484.0: 11.182,71 €.
Número de bolsas: 33.
Importe bruto mensual de cada bolsa: 930,00 €.
A Consellería de Cultura e Turismo destinará 48,41 € por bolseiro/a e mes en concepto de cotizacións á Seguridade Social.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo