Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2020 Páx. 8759

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT235A).

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Turismo responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Turismo, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa e estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, asume as competencias que a facultan para a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

En execución das competencias citadas ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, que establece, no seu artigo 20.3, a obriga da Xunta de Galicia de contribuír ao fomento do libro galego con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición.

Neste senso, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Na mesma liña, a Consellería de Cultura e Turismo, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Nesta orde regúlanse dúas liñas de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal; unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e a outra para a mellora das coleccións bibliográficas.

As subvencións para a adquisición de novidades editoriais ten como finalidade que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as ditas novidades en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Unha vez adxudicada a subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación á que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as súas novidades editoriais todas as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

A segunda liña de axudas dirixidas á mellora das coleccións bibliográficas, das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, teñen como finalidade actualizar as coleccións, de xeito, que lle permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo ás persoas usuarias, atendendo, de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas cales se incrementa a demanda deste servizo de xeito exponencial.

As bases reguladoras da concesión das subvencións previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto dos programas, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos a poboación a que debe atender o servizo bibliotecario.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Procedemento administrativo CT235A. Código de procedemento administrativo CT235A.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2020.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concurrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura e Turismo.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, suplementariamente:

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Tramitación anticipada de gasto

Este expediente tramitarase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2020. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Artigo 6. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos de participación

1. As bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

b) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

c) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2018 e remitida ao Servizo do Sistema de Bibliotecas, agás as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia durante o ano 2019, aquelas que comunicaran a reactivación do servizo bibliotecario, así como as bibliotecas que se dotaron pola vía non automatizada do novo sistema de xestión bibliotecaria no dito ano.

d) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

e) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia a conta xeral do exercicio 2018.

f) Ademais, dos anteriores requisitos, as entidades locais que soliciten o Programa B «subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas» deberán ter realizado durante o ano 2019, un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á/s biblioteca/s ou axencia/s de lectura pública municipais, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual ou superior ao 20 % da cantidade máxima que se pode conceder segundo o establecido no artigo 37 desta orde. Este requisito non será exixible ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia durante o ano 2019, aquelas que comunicaran a reactivación do servizo bibliotecario, así como aquelas que se dotaron pola vía non automatizada do novo sistema de xestión bibliotecaria durante o 2019.

2. Quedan excluídos deste investimento a adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal realizada cos fondos procedentes doutras axudas ou subvención públicas.

Artigo 8. Concorrencia das axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 9. Solicitudes e prazo

1. As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas no que desexan participar, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

2. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo.

3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación que só se presentará unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de subvencións:

a) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2018.

b) Ademais, da anterior documentación, as entidades locais que soliciten o Programa B «subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas», presentarán un certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do gasto realizado con fondos propios da entidade local, na adquisición de fondos bibliográficos durante o ano 2019.

Artigo 11. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Políticas Culturais, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

Certificacións da AEAT, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido ás entidades locais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase ao solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Procedemento de instrución

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselle unha cantidade final para o cumprimento da finalidade do programa no que participe. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total, prevista para cada programa, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas para cada programa, segundo o criterio establecido no artigo 4. No suposto de que, unha vez adxudicada a dita cantidade total entre todas as solicitudes correctamente presentadas para cada programa exista un remanente, este repartirase entre as solicitudes admitidas por programa coa mesma proporción prevista no dito artigo.

3. Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao director xeral de Políticas Culturais quen resolverá por delegación do conselleiro de Cultura e Turismo.

Artigo 15. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de entidades locais beneficiarias e as cantidades concedidas por cada programa subvencionable e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal) e na páxina web oficial da Dirección Xeral de Políticas Culturais (https://www.cultura.gal).Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 16. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as entidades locais deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 17. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación da resolución de concesión das axudas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web, https://www.cultura.gal

Artigo 18. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular a proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no artigo 14 da presente orde.

Artigo 19. Documentación xustificativa da subvención común para os dous programas

1. A xustificación das subvencións desta orde realizarase separadamente por programas. Achegarase a documentación xustificativa correspondente a cada programa. Así, para xustificar as axudas previstas no Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico, presentarase a documentación específica indicada no artigo 32 desta orde, e para xustificar as axudas previstas no Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas, presentarase a documentación específica indicada no artigo 39 da dita orde. Esta documentación dirixirase á Dirección Xeral de Políticas Culturais-Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio.

2. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na carpeta cidadá da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado ao efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no Título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Pagamento

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

1. As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións quedarán obrigadas a destinar os fondos bibliográficos recibidos para a súa incorporación á súa colección bibliográfica e a súa posta a dispor das persoas usuarias das súas bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura. A Consellería de Cultura e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a correcta execución das axudas.

3. Tamén quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades locais beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

5. Os fondos bibliográficos obxecto da presente convocatoria deberán cumprir a vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

Artigo 24. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a entidade local beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 25. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

CAPÍTULO II

Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico

Artigo 26. Obxecto e finalidade da subvención

1. O obxecto é a concesión dunha subvención anual ás entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Os fondos bibliográficos deberán ser editados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2019, e o 30 de setembro de 2020 (inclusive).

2. A súa finalidade é de interese público: o fomento e edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios, por ser a rede de bibliotecas públicas a destinataria dos exemplares.

Artigo 27. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 250.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Fondos bibliográficos obxecto de subvención

1. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal, e ser seleccionados e recibidos por cada entidade local beneficiaria. A incorporación se realizará polas entidades editoras de acordo co sinalado no artigo 29 desta orde.

2. Con cargo á subvención o número máximo de exemplares de cada título que poderá solicitar cada entidade local ás editoriais, para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura municipal será de 3.

Artigo 29. Procedemento de incorporación das novidades editoriais

1. Para poder inscribirse na Plataforma electrónica as editoriais, sexan persoas físicas ou xurídicas, deberán ter a condición de editoras. No Imposto de Actividades Económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra na que quede claro o seu carácter fundamentalmente de editorial.

2.As editoriais incorporarán á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal, as súas novidades editoriais para ser seleccionadas polas entidades locais, sempre que as ditas editoriais cumpran os requisitos esixidos na resolución de convocatoria para poder participar na presente orde. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. Tanto a nova inscrición na plataforma electrónica, para as editoriais que nunca estiveron inscritas, como a reactivación da inscrición, para as editoriais xa inscritas, comporta a autorización á Dirección Xeral de Políticas Culturais, unidade tramitadora da plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o seu Imposto de Actividades Económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou representante que se opoña á consulta, debe presentar entón as certificacións segundo o indicado na resolución a que se fai referencia no apartado 2 deste artigo.

4. Unha vez asignada a cantidade correspondente a cada entidade local relativa ao importe máximo do valor dos libros de que se van dotar as bibliotecas municipais, cada entidade, a través dun só representante para as súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, xa designado na solicitude (anexo I), seleccionará e solicitará os títulos e o número de exemplares de cada título entre os incorporados á plataforma electrónica de adquisición de novidades editoriais https://novidadeseditoriais.xunta.gal, polas editoriais, ata o límite do valor económico en libros que teña adxudicado na resolución definitiva desta convocatoria.

5. No prazo comprendido dende a notificación da resolución da subvención ata o 1 de outubro de 2020 (inclusive) e a través da plataforma realizaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado pola entidade local. Serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, segundo fan constar no campo da plataforma «enderezo de envío».

Artigo 30. Axudas

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2018 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.001 habitantes : recibirán libros por un importe máximo de 500 €.

– De 2.001 a 5.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.000 €.

– De 5.001 a10.000: recibirán libros por un importe máximo de 1.500 €.

– De 10.001 a 20.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.000 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán libros por un importe máximo de 2.500 €.

-De 30.001 a 50.000 recibirán libros por un importe máximo de 3.000 €

-De 50.001 ou máis recibirán libros por un importe máximo de 3.500 €

No caso de que concurra unha agrupación de concellos, computaranse como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

O cálculo do bono co importe máximo en libros que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos, sobre o total de subvención, prevista para este programa, que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo, se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nese reparto todos os solicitantes acadaran esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante prorratearase entre todos os beneficiarios.

Artigo 31. Prazo de xustificación

O prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2020 (inclusive).

Artigo 32. Xustificación

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e pagados entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o 31 de outubro de 2020 (inclusive).

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais-Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite do 31 de outubro de 2020, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto de cada un dos programas desta orde de subvencións. Esta declaración poderá presentarse unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de axudas. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.

c) Anexo IV. Relación clasificada do gasto do Programa A. Este anexo non é necesario achegalo si a entidade local presenta conta xustificativa.

d) Certificado da persoa responsable da Secretaría ou Intervención da entidade local, de que os fondos bibliográficos recibidos a través desta orde pasan a formar parte da colección da/s biblioteca/s ou da/s axencia/s de lectura públicas municipais. Poderá empregar o modelo previsto no anexo V.

3. No caso de presentar conta xustificativa, deben incluír, baixo responsabilidade do declarante:

- Nome da editorial, número de factura, importe da factura, relación de libros adquiridos, número de exemplares e data de pagamento á editorial (ata o 31 de outubro de 2020, inclusive).

4. En caso de non presentar conta xustificativa, deben enviar a seguinte documentación:

- Relación clasificada do gasto do Programa A. Poderá empregar o modelo previsto no anexo IV

- Copia das facturas, nas que se relaciona os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura enviarase o albará xunto coa factura correspondente.

- Xustificante bancario conforme a entidade local fixo o pagamento ás editoriais ata o 31 de outubro de 2020 (inclusive).

Sección 2ª. Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas

Artigo 33. Obxecto e finalidade da subvención

A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, co obxecto de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias.

Artigo 34. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 300.000 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 35. Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido as persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

2. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir de cada título ou colección será de 3 para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais.

3. Un 25 %, como mínimo, da subvención concedida destinarase a adquisición de fondo bibliográfico editado en lingua galega.

4. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, libros de texto, temarios de oposición, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

5. O importe máximo por título dunha obra non pode superar os 70 euros.

Artigo 36. Adquisición dos fondos

Co obxecto de apoiar o crecemento competitivo e equilibrado de todo o territorio galego, os provedores dos materiais obxecto destas axudas deberán ser, preferentemente, empresas de comercio retallista da contorna municipal.

Artigo 37. Axudas

A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación o 1 de xaneiro de 2018 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.001: recibirán un máximo de 800 €.

– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.500 €.

– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 2.000 €.

– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.500 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 3.000 €.

– De 30.001 a 50.000: recibirán un máximo de 4.000 €.

– De 50.001 ou máis: recibirán un máximo de 5.000 €.

No caso de que concorran unha agrupación de concellos, computaranse como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para este programa (300.000,00 €) sobre o total de subvención que se vai conceder, para este programa, segundo a táboa anterior (sumatorio do nº de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo, se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadaran esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.

Artigo 38. Prazo de xustificación

O prazo para presentar a documentación xustificativa abrangue desde o día da publicación da Resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020 (inclusive).

Artigo 39. Xustificación

1. Considerarase gasto realizado o importe dos libros recibidos e efectivamente pagados entre a data de publicación desta convocatoria e o 30 de setembro de 2020 (inclusive). Non se considera gasto realizado o importe dos libros pagados con fondos propios da entidade local, que serviron de requisito para obter a condición de beneficiario da axuda.

2. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, dirixida á Dirección Xeral de Políticas Culturais, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite do 30 de setembro de 2020 (inclusive), sempre que non se opoña ao que se establece na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche de exercicio.

3. Documentación xustificativa:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto de cada un dos programas desta orde de subvencións. Esta declaración poderá presentarse unha soa vez, aínda que se soliciten os dous programas de axudas. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.

c) Anexo VI. Relación clasificada dos gastos do Programa B. Este anexo non é necesario achegalo si a entidade local presenta conta xustificativa.

d) Certificado da persoa responsable da Secretaría ou Intervención da entidade local, de que os fondos bibliográficos recibidos a través desta orde pasan a formar parte da colección da/s biblioteca/s ou da/s axencia/s de lectura públicas municipais, e no que conste a contía dos libros adquiridos en lingua galega. Poderá empregar o modelo previsto no anexo VII.

e) Documentos acreditativos do gasto realizado:

1. Se presenta conta xustificativa, expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

Nome do provedor, número de factura, relación de libros adquiridos e número de exemplares, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. De non constar algún destes datos comporta a obriga de acollerse ao punto 2.

2. Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

- Relación clasificada dos gastos do Programa B. Poderá empregar o modelo previsto no anexo VI.

- Copia da factura, na que se relaciona os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura enviarán o albará xunto coa factura.

- Xustificantes bancarios do pagamento, en que conste, identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda e identificación do destinatario do pagamento que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura.

Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia–Consellería de Cultura e Turismo coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Políticas Culturais, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file