Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 10 de febreiro de 2020 Páx. 8792

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT235A).

BDNS (Identif.): 494418.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c)Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Procedemento CT235A

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A .Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2020.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Cuarto. Importe

Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 250.000 euros.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas

Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 300.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo