Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2020 Páx. 9805

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2020 pola que se abre un prazo adicional de entrada como candidato á base de datos de Profesionais 4.0.

Mediante a Resolución do 29 de xullo de 2019 (DOG núm. 148, do 6 de agosto) publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape para a incorporación de novos titulados a actividades de mellora competitiva das empresas (programa Profesionais 4.0), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria para o exercicio 2019 en réxime de concorrencia competitiva.

No seu artigo 1.4.a), as bases reguladoras establecen que os contratos obxecto de subvención deberán formalizarse entre os candidatos que formen parte da base de datos de candidatos Profesionais 4.0, accesible no enderezo http://www.igape.es/profesionais4.0. Indica tamén o devandito artigo que o acceso como candidato a esta base de datos estará aberto en todo momento a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria destas bases reguladoras e pecharase o día de publicación da resolución, ben que poderán abrirse prazos adicionais de entrada como candidato á base de datos, que serán obxecto de resolución da Dirección Xeral do Igape e publicados no Diario Oficial de Galicia.

Co fin de facilitar a contratación de persoas de acordo co establecido nas bases reguladoras,

RESOLVO:

Único. Abrir un prazo adicional de alta de candidatos na base de datos do programa Profesionais 4.0, que se estenderá por un período de un mes a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica