Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2020 Páx. 9892

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 15/2020, do 23 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Poio da estrada provincial EP-0607 Peirao-Besada desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+100.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 19 de xullo de 2018, o Concello de Poio e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo o proxecto «Estabilización do muro de contención da estrada e continuación do paseo litoral Campelo (Poio-Pontevedra) Fase II». A cláusula 5ª deste convenio establece como obriga do concello solicitar a transferencia do treito que se define no artigo 1, xa que polas súas características funcionais e de utilidade son asimilables ao viario urbano municipal, servindo como viario de acceso ás edificacións e aos predios lindeiros, e polo tanto carecendo de funcionalidade de soporte físico para as comunicacións e circulación de vehículos automóbiles.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de xaneiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Poio da estrada:

Estrada

p.q. inicio

p.q. final

Lonxitude (m)

EP-0607 Peirao-Besada

0+000

0+100

100

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Poio deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Poio, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xaneiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade