Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2020 Páx. 9889

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 11 de febreiro de 2020 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o día 5 de abril de 2020.

O Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, no seu artigo 2, establece a convocatoria dos ditos comicios para o próximo cinco de abril.

A Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, refírese nos seus artigos 16 a 20 ás subvencións da Comunidade Autónoma para gastos electorais.

O artigo 19 fixa unhas contías por escano, por voto e polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou de publicidade electoral, sempre que a candidatura de referencia obtivese algún escano.

A disposición adicional segunda da dita lei indica que as contías que fixa para as subvencións para gastos electorais se refiren a euros constantes e que a Consellería de Facenda fixará as contías actualizadas nos cinco días seguintes á convocatoria das eleccións.

Para o cálculo das contías previstas para o ano 2020 partirase, pois, das contías fixadas no indicado artigo 19 da Lei 9/2015.

Tendo en conta a heteroxeneidade dos custos financiables recollidos no artigo 14 da dita Lei 9/2015, así como a posibilidade de diferentes intensidades de cada un, optouse por empregar como factor de actualización o deflactor do PIB de Galicia, todo isto na medida en que a referida subvención trata de financiar unha parte dos custos de concorrencia ás eleccións autonómicas e que o artigo 5 da Lei 2/2015, do 30 de marzo, de desindexación da economía española, permite, no que atinxe ás revisións non periódicas de valores monetarios realizadas polo sector público, o emprego excepcional de índices específicos de prezos que mellor reflictan a evolución dos custos.

Por iso, unha vez consultado o Instituto Galego de Estatística, os deflactores aplicados son 0,4 %, 0,3 %, 1,1 %, 1,1 % e 1,1 % a partir dos datos máis actuais dispoñibles; polo tanto, o resultado supón unha variación do 4,1 %, índice que se aplicará ás contías do antedito artigo 19.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único

As cantidades a que se refire o artigo 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvención de vinte e un mil setecentos trinta e sete euros con corenta e un céntimos (21.737,41 €), por cada escano obtido.

2. Subvención de oitenta céntimos de euro (0,80 €), por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura e, polo menos, un dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das subvencións a que se refiren os números anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionará os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral, a razón de vinte e tres céntimos de euro (0,23 €) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ao Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por sesenta e cinco céntimos de euro (0,65 €) o número de habitantes correspondentes á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Para o cálculo do dito límite non se incluirán as contías subvencionadas de acordo co disposto no número 3 anterior.

Disposición derradeira

A presente orde terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda