Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 2020 Páx. 9888

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 4 de febreiro de 2020 pola que se modifica a Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública.

A Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de xaneiro, establecía, en aplicación do principio de eficacia no desenvolvemento da actividade administrativa, unha serie de competencias que a persoa titular da Consellería de Facenda delegaba no titular da Dirección Xeral da Función Pública, dentro do ámbito de actuación desta última, e derrogaba a anterior orde de delegación de competencias do 8 de xullo de 2013.

Considérase necesario recoller unha disposición que regule en determinadas materias o réxime transitorio entre a anterior orde de delegación de competencias e a orde vixente.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

ACORDO:

Artigo único

Engádese unha disposición transitoria á Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria única

Os recursos de reposición sobre as materias incluídas no ámbito de aplicación da presente orde que, no momento da súa entrada en vigor, se atopen pendentes de resolución, rexeranse polas disposicións previstas nela».

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda