Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2020 Páx. 10296

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MT808A).

O artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca fluvial e lacustre. Con base nesta competencia, promulgouse a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que ten como obxecto a regulación da conservación, do fomento e do ordenado aproveitamento das poboacións piscícolas.

De conformidade co disposto no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de la Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, compete a esta consellería o desenvolvemento e a aplicación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e do seu regulamento.

As entidades colaboradoras están definidas no capítulo VII do Regulamento 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e considéranse como tales as que realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do ambiente das citadas augas, sempre que teñan recoñecido tal carácter.

No devandito capítulo recóllense as actividades e investimentos en favor da riqueza piscícola, entre os que se atopan o desenvolvemento de actividades relacionadas co ecosistema fluvial, incluíndo cursos, conferencias, coloquios e edicións de libros ou impresos divulgativos, a realización de campañas de difusión e formación dirixidas a pescadores ou escolares, en colexios públicos, con aulas da natureza ou con calquera outro organismo ou entidade relacionado coa protección e conservación do medio fluvial e calquera actividade ou investimento que repercuta en beneficio directo ou indirecto do hábitat ou riqueza piscícola continental.

Así mesmo, establécese que as entidades colaboradoras poderán optar á concesión das subvencións e axudas que estableza a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nas condicións que nas correspondentes ordes de convocatoria se determinen.

O réxime xeral das axudas e subvencións de Galicia establécese na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e principios

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola e proceder á súa convocatoria para o ano 2020 (procedemento MT808A).

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Subliña de vixilancia de tramos de pesca fluvial e subliña de actividades divulgativas ou formativas:

Poderanse acoller a estas axudas as persoas xurídicas que teñan o nomeamento de entidade colaboradora de pesca fluvial, de conformidade co disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e no Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997). Este nomeamento deberá estar en vigor tanto no momento de presentar a solicitude de axuda como no momento do pagamento desta.

2. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde, subvencionarase:

a) A vixilancia de tramos de pesca fluvial.

b) A realización de actividades divulgativas ou formativas, encamiñadas a potenciar e difundir a protección da fauna ictícola e do medio natural como medida de fomento da actividade da pesca fluvial.

2. Non serán obxecto de subvención:

a) Os gastos de equipamento e material funxible destinados ao funcionamento ordinario da entidade colaboradora.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

Artigo 4. Requisitos

1. Subliña de vixilancia de tramos de pesca fluvial.

A vixilancia para a que se solicite axuda deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) A vixilancia exercerase sobre os tramos acoutados conveniados coas entidades colaboradoras de pesca fluvial beneficiarias.

b) Deberá ser exercida por vixilantes xurados/as de pesca fluvial, con nomeamento regulado segundo os artigos 29 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e 86 do seu regulamento.

c) Poderán acollerse a estas axudas os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020.

d) Será obxecto de axuda a vixilancia que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores.

e) Ao comezo ou finalización do contrato, de non alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de vixilancia efectiva.

f) En todos os casos se deberán indicar os tramos acoutados onde se van desenvolver as actividades para as cales se solicita a subvención.

2. Subliña para a realización de actividades divulgativas ou formativas.

As actividades divulgativas ou formativas para as que se solicite axuda deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán ser organizadas por entidades colaboradoras de pesca fluvial.

b) Estas actividades consistirán en xornadas divulgativas ou formativas, charlas ou talleres, que poderán incorporar a elaboración de material gráfico e a adquisición de equipamento de apoio para a súa realización, de acordo co anexo VI desta orde.

c) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados co fomento da pesca sen morte, o impulso do emprego das técnicas de pesca menos lesivas e a promoción, divulgación e fomento, especialmente entre o público máis novo, dos valores deportivos e ambientais asociados á práctica de pesca deportiva, tales como o coidado e respecto á natureza.

d) O formato, o contido e demais características dos materiais divulgativos deberán ser validados polo servizo de patrimonio natural correspondente, previamente á súa elaboración.

Artigo 5. Importe das axudas

1. A axuda poderá alcanzar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 8.640 euros de axuda para a subliña de vixilancia de tramos de pesca fluvial e de 1.500 euros para a subliña de actividades divulgativas ou formativas, por entidade colaboradora.

2. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima para a subliña de vixilancia de tramos de pesca fluvial será de novecentos sesenta euros (960 €) por vixilante e mes de vixilancia a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación cun límite de 6 €/hora.

3. A axuda máxima para a subliña de actividades divulgativas ou formativas será de 1.500 euros podendo comprender a realización dunha ou varias xornadas formativas, charlas ou talleres, a elaboración do material divulgativo e adquisición de equipamento de apoio necesario.

4. Se por causa xustificada o importe final dos gastos for menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

5. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

6. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MT808A).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude de axuda inclúe as seguintes declaracións da persoa solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Declaración do cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude de axuda, presentarase a seguinte documentación:

a) Acordo do órgano competente polo que se aprobou a solicitude de axuda.

b) No caso da persoa representante, e de acordo co artigo 5.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

1º. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna (poder notarial, representación legal, copia de escrituras ou poder onde se acredite a representación legal...).

2º. Mediante apoderamento apud acta efectuado por comparecencia persoal ou comparecencia electrónica na correspondente sede electrónica, ou a través da acreditación da súa inscrición no rexistro electrónico de apoderamentos da Administración pública competente.

c) Copia dos contratos de vixilancia. En cada contrato deberá constar o obxecto do contrato, o período de duración, o tempo de dedicación e o ámbito xeográfico da vixilancia. Se algún dos datos requiridos non consta no contrato, deberase xuntar unha declaración en que se dea conta destes datos.

d) Resumo das actividades proxectadas a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MT808A).

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada anteriormente. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas tributarias coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Nomeamento de entidade colaboradora de pesca fluvial, en cumprimento do disposto no artigo 2 desta orde.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Segundo o establecido no artigo 50.d) da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, referente á simplificación da acreditación do cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social, a obriga de presentar a certificación que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, poderá ser reemprazado pola declaración responsable da persoa solicitante de estar o día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma no caso das axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnización.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de marzo de 2020.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. O procedemento de concesión iniciarase coa presentación da solicitude de axuda.

3. Estas axudas tramitaranse mediante o procedemento abreviado ao abeiro do artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas

Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas recollidas no artigo 3 serán os seguintes:

1. Subliña de vixilancia de tramos de pesca fluvial. As solicitudes presentadas avaliaranse conforme os seguintes criterios:

a) Tempo de funcionamento da persoa xurídica como entidade colaboradora:

1º. Inferior a 3 anos: 5 puntos.

2º. De 3 e 5 anos: 10 puntos.

3º. Superior a 5 anos: 15 puntos.

b) Número de quilómetros de río do acoutado conveniado coa entidade colaboradora:

1º. Inferior ou igual a 10 quilómetros: 5 puntos.

2º. Superior a 10 quilómetros: 10 puntos.

c) Condicións da prestación do servizo de vixilancia (dentro do período establecido no artigo 4.1.c):

1º. Contrato para a prestación do servizo de vixilancia a xornada completa: 20 puntos por cada mes de contrato a xornada completa, ata un máximo de 180 puntos.

No caso de duración inferior ao mes, aplicarase o criterio de valoración de xeito proporcional.

2º. Contratos para a prestación do servizo de vixilancia en réxime distinto á xornada completa: a razón de 0,1 puntos por hora, ata un máximo de 144 puntos.

A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo coa suma das puntuacións cos criterios de valoración citados, e adxudicarase, cos límites fixados na convocatoria dentro do crédito dispoñible, a aquelas que teñan obtido maior valoración en aplicación dos citados criterios, ata esgotar o dito crédito.

No suposto de empate, este resolverase tendo en conta a puntuación obtida en cada criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados; no caso de persistir o dito empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

2. Subliña de actividades divulgativas ou formativas. As solicitudes presentadas avaliaranse conforme os seguintes criterios:

a) Número socios/as da entidade colaboradora (segundo o nomeamento ou última renovación como entidade colaboradora en vigor á data de publicación desta orde):

1º. Inferior ou igual a 150 socios/as: 5 puntos.

2º. Superior a 150 socios/as: 10 puntos.

b) Tempo de funcionamento da persoa xurídica como entidade colaboradora:

1º. Inferior a 3 anos: 5 puntos.

2º. De 3 a 5 anos: 10 puntos.

3º. Superior a 5 anos: 15 puntos.

A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo cos criterios de valoración citados, e adxudicarase, cos límites fixados na convocatoria dentro do crédito dispoñible, a aquelas que teñan obtido maior valoración en aplicación dos citados criterios, ata esgotar o dito crédito.

No suposto de empate, este resolverase tendo en conta a puntuación obtida en cada criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados; no caso de persistir o dito empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 15. Tramitación

1. As solicitudes dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da provincia onde se realicen as actividades subvencionables. Os servizos de Patrimonio Natural examinaranas e revisarán a documentación complementaria.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixese así, se lle terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa interesada que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. As solicitudes serán avaliadas polos servizos de Patrimonio Natural, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais.

5. Os servizos de Patrimonio Natural emitirán unha certificación co resultado da avaliación das solicitudes que remitirán á Dirección Xeral de Patrimonio Natural xunto coa documentación das solicitudes avaliadas que sexa necesaria para a tramitación dos aboamentos.

6. A Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas formulará as propostas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses, contados a partir do día seguinte ao do final de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Aceptación da axuda concedida e trámites posteriores ao inicio de expediente

O outorgamento da axuda debe ser aceptado pola persoa beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 18. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras axudas de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionada en Galicia.

2. A solicitude levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorran algunha das circunstancias previstas na alínea d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 20. Xustificación do gasto

1. O prazo para a xustificación das actividades realizadas e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 16 de outubro de 2020.

2. Para percibir o importe da axuda, a persoa beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo III desta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MT808A), que inclúe a declaración complementaria da persoa solicitante do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase aos modelos do anexo IV, disponible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MT808A).

c) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo V, disponible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MT808A).

d) Copia das facturas no caso de que a actividade de vixilancia sexa exercida por un/unha traballador/a autónomo/a, xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, de forma que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

e) No caso de que a actividade de vixilancia sexa realizada mediante un contrato laboral entre a entidade solicitante e o/a vixilante xurado/a, deberá incluírse a presentación das nóminas (preferiblemente mensuais) e os extractos bancarios dos seus pagamentos, así como os correspondentes recibos de liquidación de cotizacións á Seguridade Social.

f) No caso das actividades divulgativas ou formativas deberá achegarse copia das facturas onde se detallen os importes correspondentes á adquisición de material gráfico e equipamento de apoio subvencionable para a realización de xornadas formativas ou divulgativas, emitidas a nome da entidade solicitante, xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria, de forma que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

3. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Con todo, non poderán subcontratarse as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

4. Os servizos provinciais de Patrimonio Natural comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.

5. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase, xunto cunha proposta, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Artigo 21. Modificación nas actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, sempre que non estean reflectidas na resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, logo do informe favorable do servizo correspondente. O silencio neste suposto terá a consideración de denegatorio.

Artigo 22. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada.

2. Non poderá realizarse o pagamento da axuda en tanto a persoa beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Crédito

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2020, no momento da resolución.

2. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541.B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2020, mediante concorrencia competitiva.

3. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a cento vinte e cinco mil euros (125.000 €), distribuídos do seguinte xeito:

a) Liña de vixilancia de tramos de pesca fluvial: comprenderá ata un importe de cento dez mil euros (110.000 €).

b) Liña de actividades divulgativas ou formativas: comprenderá ata un importe de quince mil euros (15.000 €).

Non obstante, no suposto de que as axudas concedidas, cos límites fixados no artigo 5, non esgoten a cantidade asignada para algunha das liñas de actuación anteriormente citadas, poderá destinarse a cantidade remanente á aquela no que a cantidade sexa insuficiente para atender as solicitudes presentadas.

4. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Do suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. As solicitudes e recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por atrasos na tramitación por causa da Administración, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se producir.

Artigo 24. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos competentes desta consellería poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se prevexa realizar as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa realización e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, de acordo co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas beneficiarias someteranse ao que detallen no anexo II respecto da planificación da actividade de vixilancia, de tal forma que esta indicación se utilizará na comprobación da realización da actividade e da súa finalidade.

Artigo 25. Publicidade e identificación das axudas

1. As persoas beneficiarias das axudas deberán cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida de acordo co disposto no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os materiais adquiridos para as actividades formativas e divulgativas incluirán o logotipo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Artigo 26. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

5. A relación das axudas concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e tamén as sancións que se poidan impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos personais

Os datos persoais recadados nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Relación de material gráfico e equipamento de apoio subvencionable para a realización de xornadas formativas ou divulgativas

– Material gráfico (carteis, folletos, trípticos, dípticos e similares).

– Equipamento de apoio (gorras, camisetas, mochilas, canas de pescar, sedais, engados artificiais, anzois sen morte e similares).