Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2020 Páx. 10763

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á realización de poxas de gando bovino selecto e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR562A).

Nas explotacións bovinas de Galicia existen excedentes de animais recriados na propia explotación que non son necesarios para a reposición. Nestes casos, os gandeiros deben buscarlles unha saída comercial, o que supón en caso de éxito na venda, unha fonte adicional de ingresos. Pola contra, existen outras explotacións que, por diversos motivos, non dispoñen do número suficiente de animais para cubriren as necesidades propias de reposición, polo que deben recorrer á incorporación de animais de explotacións alleas.

A reposición nas explotacións bovinas debe realizarse con animais que cumpran con todas as garantías sanitarias e que ademais proporcionen unha mellora xenética do gando da explotación a uns prezos razoables. E para que os ingresos xerados pola reposición repercutan en beneficio das nosas explotacións, esta debería realizarse con animais procedentes de explotacións de Galicia.

As poxas de gando bovino selecto son eventos en que concorren gandeiros con condicionantes afíns polo tipo de gando que se comercializa. Teñen como obxectivo facilitar o mercado de animais, xa que permiten a compravenda sen intermediarios e con total transparencia nunha relación directa entre o comprador e o vendedor. Se ademais engadimos que se trata de animais procedentes de explotacións galegas, adaptados ás nosas condicións de produción e que cumpren todas as premisas sanitarias e xenéticas, atopámonos ante unha actividade cun grande interese para o desenvolvemento do gando de Galicia.

A venda de animais selectos supón unha fonte de ingresos adicionais e constitúe un nicho de mercado para moitas explotacións que posúen excedentes, que propaga e difunde o progreso xenético acadado ao resto da poboación. Ademais, o feito de que os animais presentes nas poxas concorran co aval das asociacións de criadores oficialmente recoñecidas en Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico supón un aliciente máis para garantir a súa calidade e os seus méritos.

Para o vendedor, as poxas van supoñer unha oportunidade de dar saída á recría, axudando así a render os investimentos realizados, ademais de tratarse dun bo medio de promoción da explotación. Para os compradores son unha oportunidade de mercar animais adaptados ao manexo das nosas explotacións, dos que van dispoñer de toda a información e que contan con todas as garantías necesarias.

O obxectivo da axuda é fomentar a realización dunha rede de poxas de gando selecto que se realizarán en diferentes puntos da xeografía galega, cunha periodicidade acorde coa oferta de animais para que exista unha distribución ordenada destas ao longo do ano, e onde os posibles vendedores e compradores poidan atopar unha vía de comercialización segura e fiable para canalizar a oferta e demanda de animais selectos. Cómpre potenciar esta actividade xa que, ademais, supón un incentivo para a recría de animais en Galicia e evita a saída de divisas fóra da nosa comunidade. Por todo o exposto, a Consellería do Medio Rural considera necesaria a convocatoria destas axudas, de xeito que os concellos organizadores deste tipo de eventos poidan facer fronte aos gastos correntes derivados deles.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1983, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para a realización de poxas de gando selecto na Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural, co código de procedemento administrativo MR562A.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para o ano 2020.

Artigo 2. Finalidade da axuda

1. A finalidade inmediata desta orde é a promoción da comercialización de gando bovino selecto criado en Galicia, mediante o fomento da celebración dunha rede de poxas que se realizarán en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde coa oferta de animais.

2. Os obxectivos finais que se perseguen son:

– O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.

– A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.

– A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.

– A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.

Artigo 3. Requisitos dos beneficiarios e obrigas

1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen poxas de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

d) Dispoñer de instalacións axeitadas que conten cunha situación sanitaria conforme coa normativa aplicable, en particular co establecido no artigo 54 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a realización deste tipo de eventos.

f) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.

g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico, quen determinará as datas idóneas de celebración de acordo coa oferta de animais e coa dispoñibilidade técnica de organización do evento.

2. Para poder participar nas poxas, os animais:

a) Procederán de explotacións sometidas ás preceptivas normas sanitarias.

b) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.

c) Soamente poderán participar animais que sexan nados en Galicia.

3. Os concellos beneficiarios deberán facer constar na publicidade e promoción da poxa que se trata de actuacións realizadas en colaboración coa Xunta de Galicia, e facer constar os símbolos de identidade corporativa.

Artigo 4. Actuacións e gastos subvencionables

1. As actuacións obxecto da axuda deberán ter sido realizadas no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e o 31 de xullo de 2020, ambos inclusive.

2. As actividades subvencionables serán as seguintes:

a) A selección e preparación dos animais, o transporte, manexo, estabulación e alimentación destes durante a realización da poxa.

b) Gastos derivados do acondicionamento do recinto onde teña lugar.

c) Os gastos administrativos de tramitación documental e de xestión da poxa.

d) Os custos publicitarios e o material promocional relativos á poxa.

e) Gastos de mantemento, seguridade, limpeza do recinto.

f) Gastos de seguros relativos á celebración do evento.

3. Non será en ningún caso subvencionable o cumprimento da lexislación obrigatoria en materia de ambiente, sanidade, benestar e identificación animal.

4. Non se considerarán gastos subvencionables a elaboración de catálogos, pagamentos directos a gandeiros, nin outros gastos que non estean directamente vinculados coa realización da actividade descrita.

5. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non se considerará subvencionable.

Artigo 5. Contía, límites e compatibilidade das axudas

1. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra que para a mesma finalidade e obxecto puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2. O importe máximo subvencionable por poxa será o seguinte:

– 2.000 € para poxas de razas de aptitude láctea e 1.500 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais presentados sexa inferior a 6.

– 3.000 € para poxas de razas de aptitude láctea e 2.000 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais presentados sexa entre 7 e 12.

– 4.000 € para poxas de razas de aptitude láctea e 3.000 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais presentados sexa entre 13 e 20.

– 6.000 € para poxas de razas de aptitude láctea e 4.000 € para razas de aptitude cárnica, cando o número de animais presentados sexa superior a 20.

3. O número máximo de poxas subvencionables por entidade solicitante será de 3.

4. A intensidade da axuda acadará ao 100 % dos custos subvencionables.

5. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 6. Solicitudes de axuda, forma de presentación e prazos

1. O prazo para a presentación de solicitudes será:

a) Para as poxas realizadas desde o 1 de agosto de 2019 ata a data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

b) Para as poxas que se realicen despois da publicación da orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da celebración da poxa.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou celebración segundo o caso; se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, para o que se lle concederá un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

4. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

5. No caso de que unha mesma entidade local solicite a axuda para a celebración de máis dunha poxa, deberá presentar unha solicitude por evento.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario ou secretaria do concello en que consten os seguintes aspectos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate do representante legal.

2º. A aprobación da solicitude de subvención polo órgano competente.

3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

b) Unha memoria da actividade realizada, indicando o obxectivo perseguido, os destinatarios desta e a súa repercusión. A memoria deberá conter o calendario anual das poxas realizadas, a raza ou razas presentes, o número de animais participantes por poxa, así como a descrición das instalacións, dos medios técnicos empregados, o persoal destinado aos eventos, así como calquera outro aspecto relacionado coa poxa que se considere de interese.

c) Un informe dos servizos veterinarios comarcais relativo a que as instalacións cumpren coa lexislación vixente en materia de sanidade e benestar animal.

d) Certificación da colaboración no certame da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico, e na que se avale a calidade xenética dos animais ofertados.

e) Documentación que acredite, de ser o caso, o cumprimento dos criterios sinalados nas alíneas b) e c) do artigo 11, punto 1, desta orde. Para iso, deberá presentarse unha certificación do secretario ou secretaria do concello que conteña a relación de poxas celebradas, as datas de realización destas e a raza ou razas ofertadas.

No caso de que unha mesma entidade local solicite a axuda para a celebración de varias poxas non terá que volver presentar esta documentación.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente sempre que a entidade local interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades locais interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades locais interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicite a concesión da subvención.

b) Número de identificación fiscal do concello.

c) As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, referido ás entidades locais. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade local interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitalas segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as entidades locais interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades locais interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades locais beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Criterios de adxudicación

1. Na concesión de axudas previstas nesta orde mediante o réxime de concorrencia competitiva, atenderase á valoración de puntos establecida polo cumprimento dos seguintes criterios:

a) Solicitude presentada por un concello para a realización dunha poxa de gando bovino selecto de animais pertencentes a unha raza bovina autóctona galega en perigo de extinción: 5 puntos.

b) Solicitude presentada por un concello para a realización dunha poxa de gando bovino selecto que conte con experiencia na celebración deste tipo de eventos en polo menos os dous últimos anos: 4 puntos.

c) Solicitude presentada por un concello para a realización dunha poxa de gando bovino selecto que teña realizado poxas en polo menos dous anos non consecutivos na última década: 3 puntos.

d) Solicitude presentada por un concello para a realización dunha poxa de gando bovino selecto que non conte con experiencia na celebración deste tipo de eventos: 1 punto.

e) Solicitude presentada por un concello situado en zona desfavorecida segundo a lista comunitaria de zonas agrícolas desfavorecidas tal como se definen nos puntos 3 e 4 do artigo 3 da Directiva 75/268/CEE (equivalentes aos artigos 18 e 19 do Regulamento (CE) 1257/99, respectivamente), de acordo coa Directiva do Consello 86/466/CEE, do 14 de xullo de 1986, coa Decisión da Comisión 86/566/CEE, do 16 de outubro de 1989, coa Directiva do Consello 91/465/CEE, do 22 de xullo de 1991: 1 punto.

As axudas serán adxudicadas a aquelas solicitudes que queden colocadas diante na prelación establecida en función dos criterios anteriores. No caso de empate, terán prioridade as solicitudes que conten co maior número de animais presentes na poxa.

2. Non obstante, se as dispoñibilidades orzamentarias son insuficientes para atender o importe total das solicitudes, poderase efectuar un rateo do importe que se conceda entre elas, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Tramitación, resolución e notificación

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, para o que se lle concerá un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas, crearase un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo xefe do servizo ou por un dos xefes de área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación dos solicitantes para os cales se propón a concesión de subvención e a contía, así como daqueles para os cales se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, o subdirector xeral de Gandaría elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. A resolución do expediente corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da Subdirección Xeral de Gandaría. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte da finalización do prazo de presentación de solicitudes recollido no artigo 6.1.b). Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida

6. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

Artigo 13. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo anterior, non lles é notificada a resolución aos interesados poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 14. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 15. Control da execución das actuacións

1. O control da execución das actuacións levarao a cabo a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Os beneficiarios están obrigados a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico da Administración e achegar todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do Fogga no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 16. Xustificacións e pagamento

1. A presentación das xustificacións técnicas e económicas realizarase coa solicitude de axuda (anexo I). De acordo co disposto nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as xustificacións deberanse presentar a través de medios electrónicos, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta cidadá da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixida ao Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal da Subdirección Xeral de Gandería.

a) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1. O cumprimento da finalidade da subvención, indicando o número de animais que participaron na poxa.

2. Avaliación económica certificada polo/a secretario/a ou interventor/a da entidade local: conterá a relación de investimentos realizados e a finalidade deles. De acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE (LCEur 2014\535) e 2014/24/UE, do 26.2.2014 (LCEur 2014\536), de 40.000 euros para obras ou de 15.000 euros para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

As empresas invitadas a presentar ofertas non poderán estar vinculadas entre elas e exixiráselles sempre unha declaración das empresas con que teñan vinculación. No expediente deberá deixarse constancia das invitacións cursadas, das ofertas recibidas e das razóns para a súa aceptación ou rexeitamento.

Todas as ofertas teñen que estar detalladas e desagregadas de tal xeito que inclúan os mesmos elementos para seren comparables entre si. Os requisitos mínimos que deben cumprir os orzamentos ou facturas pro forma que se presenten son os seguintes:

– Identificación clara de que o documento é un orzamento ou unha factura pro forma.

– Razón social e NIF do solicitante da oferta.

– Razón social e NIF do provedor.

– Data de emisión.

– Desagregación detallada dos distintos conceptos orzados, de ser o caso, indicando o número de unidades e o prezo unitario.

– Deberá figurar o IVE, aínda que non se considere para efectos do cálculo do investimento elixible. Non é necesario que as facturas pro forma estean asinadas.

Cando se soliciten ofertas de orzamentos ou facturas pro forma en países intracomunitarios, deberá especificarse o tipo de IVE aplicado nese país ou, polo menos, se o importe inclúe ou non o IVE ou outro tipo de taxas.

Dependendo desa información, procederase do seguinte modo:

– Se non inclúen o IVE, descontarase do orzamento a totalidade que corresponde en España.

– Se o IVE é menor do que corresponde en España, descontarase a diferenza.

– Se o IVE é maior do que corresponde en España, descontarase na súa totalidade.

3. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: actuación/concepto, identificación do/a acredor/a, NIF, número de factura ou documento equivalente, importe sen IVE, IVE, importe total, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na alínea a).

Os gastos virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria.

No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberase xuntar unha relación delas.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como xuntar dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo do provedor.

Todos os pagamentos efectuados polos beneficiarios se xustificarán mediante facturas e documentos de pagamento. Cando isto non sexa posible, os pagamentos xustificaranse mediante documentos de valor probatorio equivalente.

3. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural. O IVE non é subvencionable.

4. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideren incorrer os beneficiarios.

Artigo 17. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, Infraccións e sancións administrativas en materia de subvención, da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 19. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713C.760.0 do proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2020 de sesenta e cinco mil euros (65.000 €).

2. Segundo o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e coa Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2020, no momento da resolución.

Artigo 20. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file