Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2020 Páx. 10754

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2019, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2020 (códigos de procedemento ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D).

BDNS (Identif.): 495387.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As seguintes entidades: a) as universidades do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur); no caso dos institutos de Investigación Sanitaria IDIS e INIBIC e dos centros do ámbito do Sergas que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través destas entidades; d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I e II para cada caso.

Segundo. Obxecto

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do sistema de I+D+i galego.

– Modalidade C: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total asignado a esta convocatoria é de 14.920.000,00 €.

– Modalidade A (GRC).

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe global da axuda virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 €, tendo en conta os ingresos medios do grupo, e un módulo variable dun máximo de 50.000 € (20.000, 30.000, 50.000 €), acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo no período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2017 ata o 31 de decembro de 2019.

– Modalidade B (GPC).

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira.

– Modalidade C (proxectos de excelencia).

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata 4 anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 €. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata 5 anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2020 e de 25.000 € para os anos 2021, 2022, 2023 e 2024.

O persoal investigador que iniciou o contrato Ramón y Cajal no período comprendido entre o 1.1.2018 e o 30.1.2019, e non estea xa gozando da axuda, recibirá un complemento de 25.000 € que se percibirá na anualidade 2020.

Para que se poidan atender gastos nunha anualidade é necesario que a persoa investigadora que lidera o proxecto manteña a vinculación laboral durante un mínimo de catro meses nese ano.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente da Axencia
Galega de Innovación